
O grupo Dixired vén de ofrecer o seu segundo produto informativo: lainformacion.com. Precedido por unha tranquila e escalada posta en escea (primeiro un blog para darse a coñecer dentro da profesión, o 233grados.com, despois os anuncios en vídeo do que ía ser o xornal), lainformacion.com fíxose pública onte, aínda que a beta xa levaba circulando unhas semanas. Na fábrica está un dos directivos con máis experiencia en medios electrónicos do Estado, Mario Tascón (saído de PRISACOM, a antiga filial de medios electrónicos de El País), que exerce como director do novo cibermedio, dirixido por unha antiga colaboradora súa, Vanessa Jiménez.
Bip-Bip, xornalismo!
En termos de concepción, o novo xornal outorga a robots automáticos a elaboración dunha parte significativa dos contidos do xornal, que aspira a ser de ámbito xeralista. Preséntanse como o primeiro produto español desenvolvido en extenso de acordo coas tendencias da web semántica: a entrega dunha gran parte da edición de noticias a un software máis ou menos intelixente que escolma as noticias doutros medios e axencias preséntase como a solución para que unha pequena redacción poida competir nunha piscina chea de musculados competidores xeralistas. En teoría, a redacción traballará en temas de elaboración propia.
En relación aos contidos, a miña sensación ao percorrer por primeira vez o xornal foi bastante decepcionante, aínda que cómpre matizar que, segundo o propio cibermedio, a día de hoxe, está só co 23% das súas funcionalidades desenvolvidas (¿como se pode saber que un medio está ao 23% da súa elaboración?¿Non será unha arela de softwerizar en exceso algo que é demasiado conceptual?).
A miña impresión ao percorrer a home e as seccións do xornal foi un temos máis do mesmo. Vivimos nun contexto de múltiples fontes e múltiples medios, e fixádevos nesta paradoxa. Unha tradición non escrita en todos os medios, cando se estrean, defende que hai que abrir portada, o primeiro día, cunha exclusiva forte que os diferencie doutros medios. Na inaguración de lainformacion.com tal cousa non se deu; parecía máis preocupada en que o robot funcionara e así poder duplicar os contidos de ducias de medios en España que en desmarcarse, contar historias e demostrar a súa potencia xornalística. Non serei eu o que critique o uso do software e a lectura de RSSs e XMLs como apoio ao traballo da redacción e no desenvolvemento de produto; eu mesmo teño desenvolvido gustosamente ferramentas deste tipo con resultados satisfactorios; defendo que a programación pode cambiar moito do xornalismo, e ver como se pode integrar na formación é un dos retos destas nosas Facultades de Comunicación nesta década. Pero cando o robot tenta ser humano e non robot é onde veñen as frustracións. Ademáis, como xornalista, pétame bastante o equívoco visual de non diferenciar graficamente o traballo da redacción e a acción do robot.

Só no interior, un sutil clip na dereita da noticia avisa visualmente que o contido é externo. Se cadra o esforzo -seguro que inxente- de programación debera terse dirixido á construción doutras ferramentas que aplicasen intelixencia artificial ao procesado de datos novos, non ás eternas variacións de presentación da commodity na que se convertiu a información, unha materia prima continuamente replicada. Duplicar, ou congregar o contido dos medios é algo que a maior parte dos usuarios potenciais de la informacion.com saberá facer cos seus agregadores RSS preexistentes. Quero dicir, para agregar RSS Google Reader e Bloglines son bastante mellores: permíteme escoller os medios que eu quero e tamén outras webs. ¿Que o algoritmo de lainformacion.com xerarquiza ese fluxo de contidos e Google Reader non? ¿Será iso tan importante para a audiencia? Hoxe o consumidor le á xunta xornais, blogs e as súas poxas en eBay. Obviamente, esas cousas non están en lainformacion.com.
Unha cabeceira moi traballada

Os proxectos de Mario Tascón defínense sempre por unha enorme elegancia visual, e por interesantes achados de deseño. O que máis me gusta de lainformacion.com, sen dúbida, é a cabeceira. Cunha mensaxe de status importada de redes sociais como Twitter ou Facebook ao carón do logo, a xeito de editorial dinámico para xente xa informada, ou coa forma de despregar as seccións no dropdown do menú, anticipando os principais titulares interiores.

Tamén me gusta que o menú funcione a xeito de breadcrumb na navegación interna, coma The Guardian. Outras solucións gráficas, coma os carruseis para representar as fotografías, fan sorrir. A moitos xornalistas nos gusta esto dos carruseis feitos con Prototype ou similares, pero está por ver que funcionen para representar contido. De feito, son un coñazo.
Seguirei con atención a evolución deste novo medio. E prometo que, cando o desenvolvemento estea ao 84%, farei un post para comentar as novidades. Iso si, cando chegue ao 84%: non me preguntedes por el cando estea no 83%. :-)

Quedo cunha sensación parecida á túa. Coa impresión latente de que os medios de comunicación españois (salvo honrosas excepcións) seguen sen enterarse do cambio a todos os niveis que supón a Rede, faise moi necesario o talento e a visión dalguén como Mario Tascón.
Agora ben, …
– Cando un xornal web ‘dos clásicos’ fai un cambio de deseño/estructura, por regla xeral vaise levar un montón de paos dos lectores, pero non os vai perder. Quéixanse, gritan nos comentarios, ameazan con non volver, pero aí os tés ó día seguinte.
Pero unha nova cabeceira, ten que saír con toda a artillería… e a partir de aí, incrementar o ritmo, non ser un simple replicante do que xa existe por centuplicado. De momento, ese 77% prometido equivale a cero.
Por experiencia propia, a promesa do concepto ‘beta’ nun medio serve como simpática declaración de intencións pero non para fidelizar ós lectores.
Se cadra, axudaba a facelo máis crible a publicación dunha ”folla de ruta” transparente que explique cales son os cambios nos que se está traballando e as datas de publicación previstas, ademais de deixar participar ós usuarios. O blog de ‘Proyecto i’ é un paso neste sentido, pero insuficiente.
– Si, necesitamos novos algoritmos da información, pero algoritmos con valor xornalístico engadido. Concordo contigo en que a maioría dos usuarios potenciais de ‘la informacion.com’ (polo menos nesta primeira fase) pode conseguir unha información parecida acudindo ós agregadores RSS preexistentes (y para todo lo demás, ‘MasterGoogle’)
Hai que seguir traballando nisto, estou convencido de que chegará o día en que robots, xornalistas e usuarios se dean a man e poidan convivir en paz e harmonía nunha redacción global ;)
– É evidente que ‘La información’ é un xornal diferente cos seus puntos de interese; pero non teño tan claro que comunique esa diferencia coa suficiente forza para chegar máis alá dos ‘early adopters’ da información.
¿De verdade ten argumentos, a día de hoxe, para congregar unha masa crítica de lectores que o faga rentable?
Sigo pensando que houbo un punto de inflexión frustrante no panorama web español: o naufraxio de ADN.es e as dificultades de Soitu para chegar ó gran público.
A día de hoxe, todo o que dicíamos da vaga de redeseños do 2007 (que a moitos nos soaba a vello xa daquela) non só segue plenamente vixente senón que non parece ter alternativa.
A día de hoxe, non vexo a ‘lainformacion.com’ con argumentos suficientes para cambiar iso e marcar un novo rumbo. E oxalá me equivoque.
E perdoa o coñazo que acabo de soltar. Iso pasa po ter o fluxo de escritura en beta. Deberías implementar Twitter nos comentarios ;)
Boa análise, Juan. A cuestión é saber cal é o público de lainformación.com. Podía imaxinarme cal podía ser o de ADN ou o de Soitu, pero non o de lainformacion.com.