Restaurante La Galerie: refrescante inspiración francesa e mediterránea en Vigo


Web do restaurante

Vigo non é unha cidade que dispoña de moitos locais especializados en cociña contemporánea, pero todo parece cambiar, mesmo neste ano crítico para a hostelería. Nunha boa ubicación da zona portuaria, e curiosamente moi próximo a outro local tamén especializado en conceptos actualizados de sala e cociña, o Maruja Limón, La Galerie [T: 986221007 / localización] abre novas posibilidades para os amantes do bo xantar en Vigo con a penas dous meses de apertura.

Dous socios moi novos, o galego Brais Domínguez (xefe de sala) e Hicham Houmidide (xefe de cociña), un francés de raiceiras magrebíes, aproveitaron o espazo algo labiríntico dunha antiga galería de arte na zona proxima ao porto de trasatlánticos para crear en La Galerie unha proposta gastronómica bastante singular: cociña cunha forte base francesa -con gusto polos fondos, con preves que outorgan identidade aos pratos, pero alixeirados para o padal moderno- e inspiración mediterránea na seducción polo uso de especias e ingredientes. Convidado por Antonio Portela, achegámonos alí para coñecer a súa cociña.

A carta axústase á época que vivimos: catro ou cinco entrantes, tres peixes, tres carnes e tres postres. E punto. O bo é o suxestivos que son os pratos. Tras un aperitivo, comezamos por un mi-cuit de foie gras con compota de dátiles e limón confitado, que estaba excelente, seguido duns lixeiros ravioli de cigalas “a la nage”, un prato lixeiro coas cigalas nun punto moi baixo de cocción que lle outorga frescura. Continuamos cunha suprema de galiña pintada ao sabor de avelá con espárragos trigueiros e puré de raiceiras, a evolución dun prato clásico que me resultou especialmente interesante (e uns espárragos dunha excelente calidade), e unhas carrilleiras de porco ibérico á cervexa negra, repolo e pasas de corinto. Eu rematei cunha semiesfeira de queixo branco con froitos vermellos e lima, do que me gustou especialmente a sopa de froitos vermellos. A casa serve os postres cun cóctel de violetas, se cadra excesivamente suave e pouco azucarado para postres bastante complexos. A carta de viños, que contén unhas trinta e pico referencias, caracterízase pola busca da orixinalidade e a ausencia de grandes marcas clásicas. As propostas, -moitos viños por debaixo dos vinte euros- adoitan ser, sen embargo, ben solventes. Nós probamos un Montsant, un Vessants 2006 de notábeis aromas balsámicos.

O espazo do restaurante é singular. Ubicado no subsolo, sen luz natural, unha escaleira de caracol divide os espazos que baixan en profundidade, e nos que se aprecia unha decoración baseada no contraste entre a pedra orixinal das paredes, o metal de estanterías e lámparas e o cristal. A cociña, como nunha nave espacial, está por riba dun dos comedores e, para fumar e tomar a primeira copa, os clientes poden rematar nunha sorte de pequeno pub ou bar de copas, cunha decoración diferente e unha ambientación musical distinta, no corazón da antiga galería de arte.

Gustoume moito: é unha proposta nova, algo arriscada e diferente non só para Vigo, senón para o resto de Galicia; nesta sala levada correctamente por Brais aprécianse elegantes toques de fusión cultural entre o noso país, Francia, o Mediterráneo e mesmo o Magreb da familia de Hicham. Non é un restaurante barato. Con viño, postres e café, debe andar polos corenta e moitos euros por cabeza, aínda que ten un menú de mercado a vinte e pico nos días laborábeis, ao xantar. Se conseguen sobrevivir a este durísimo ano (moita sorte), La Galerie dará que falar. Xa o veredes.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *