Essência do Vinho’09 no Porto: unha espectacular e elegante celebración enolóxica


O patio central do Palacio da Bolsa

No corazón do Porto, a dous pasos do Douro, érguese un edificio espectacular, o Palacio da Bolsa. Un suntuoso edificio burgués do XIX, sede do dinamismo comercial da cidade. E ese dinamismo tiña moito que ver co comercio do viño, con todas esas adegas que escalonan as vistas de Vilanova de Gaia, enfronte da marabillosa Porto. Por iso este lugar parece o máis axeitado para acoller o que debe ser, posiblemente, o mellor evento relacionado co viño que se dá na Península, no Estado español e Portugal: o Essência do Vinho 09. A verdade é que o programa é irresistíbel para calquera amante dos viños: 300 produtores nacionais e estranxeiros (a maior parte dos estranxeiros este ano, por exemplo, eran italianos) e 2.500 viños que podes catar, o cal significa practicamente o máis relevante do panorama portugués. E todo iso, complementando con todo tipo de actividades paralelas: charlas, catas, concursos de deseño, o concurso para escoller os mellores 10 viños portugueses do ano, mostras de maridaxe, ceas e festas noturnas vínicas nos mellores restaurantes e discotecas da cidade, música en directo nos recantos do magnífico edificio da Bolsa, conferencias, paseos con críticos polos stands das adegas para probar as súas escollas persoais…

E si, a realidade foi tan boa como pintaba. Mesmo mellor. César R. Carril e máis eu quedamos apampados con aquilo cando chegamos, tentando movernos polos fastuosos corredores ata a primeira prova que tiñamos esa tarde, a contrarreloxo. E viamos xente e xente ateigando os salóns de fastuosa e barroca decoración mentres cataba viños. E creo que o principal motivo de asombro era a existencia dun mundo que nós, amantes dos viños, lectores e consumidores, descoñecemos case por completo. E si, eu podo recitar de memoria as D.O.s portuguesas, pero non sabería guiarte seriamente polo seu inmenso panorama vinícola. Fronteiras de coñecemento enormes que nos faltan por coñecer, fronteiras aínda máis incomprensíbeis se temos en conta que falamos dalgo tan amigábel, tan doado de transportar.

De catas e madeiras

Foron cinco ou seis frenéticas horas no Palácio da Bolsa. Arrincamos cos mozos enólogos da Quinta de Lagoalva, no Ribatejo, que presentaban os seus alfocheiros. Unha variedade brava, dura, tánica. Había un viño do 99 que perdera a froita pero era un bloque tánico. Máis que unha variedade, o alfocheiro parecía un contexto. O do 2003 daba notas basámicas, o do 2006 amosábase coa golosina dun viño do ano, o do 2008 ofrecía estrañísimas notas de mazá e pera. Coa xente da Quinta de Boiçâo comezamos catando os vinhos de Bucelas, que só se permiten brancos dentro da denominación. A súa casta branca é o arinto, de perfil olfativo moi sofisticado aínda que cunha estrutura algo feble. E de arintos viaxamos polo seu Arinto Escolha 2007, con barrica de carballo francés, o seu Vinhas Velhas 06, moito máis redondo e estruturado, e de aí pasamos aos tintos. Gustoume o seu Tinto Vinhas Velhas 06, con notas de froitas silvestres, amorodos se cadra achegados pola syrah que forma o coupage ao 50% coa touriga nacional e os tostados engadidos pola barrica.

En xeral, apreciei que o uso da barrica aínda non está moi calibrado en moitas das adegas; en moitos viños é demasiado presente, cárganse a expresión varietal destas uvas tan especiais. Por exemplo, nos da Quinta Nova de Nossa Senhora do Carmo, no Douro. Encantoume o seu Colheita 07 (a un prezo estupendo, 6 euros), a base de Touriga Nacional, Tinta Roriz (tempranillo) e outras achegas. Pero os Reserva e Grande Reserva valorados máis pola xente da adega parecíanme pasados de madeira. Atopar o equilibrio entre madeira e froita parece unha misión importante para o viño portugués, que vive un dourado momento de visibilidade internacional. Quen é quen de equilibrar esta proporción é o mellor viño portugués que probamos esa tarde, o Quinta do Mouro, do Alentejo. Unha pasada. Traemos unhas cantas botellas para casa. E máis: atopámonos con Argimiro Levoso, de Viña Costeira, e a súa muller, que nos leva a probar os sousâo portugueses, a mesma variedade que o noso sousón galego. Un comerciante de viños amigo coméntanos:

-Onde máis se vende o bo viño nestes momentos é en África.

E o que conta é novo para min, ademáis de sorprendente.


Catando os vintages clásicos da Taylor’s

Un dos momentos máis emocionantes foi o desta foto. Tivemos a oportunidade de facer unha cata dos vintages clásicos da Taylor’s. As anadas do 77, 85, 92, 94, 97, 2000, 2003. Trinta anos de viños evolucionados sutilmente, nos que o vinateiro e o enólogo anota en detalle todas as evolucións do clima. As chuvias, os ventos, a humidade, a calor, os días de vendima. O enólogo David Guimaraens recolleu a dirección enolóxica da Taylor’s tralo seu pai. Ao escoitalo describir con precisión as condicións climáticas de cada anada, das anadas que el non vivíu, a do seu pai, eu ollaba aqueles viños, decantados ben de mañanciña para que se manifestaran con esplendor. Porque aqueles Portos eran a memoria da terra, a memoria do clima e os días. E ao ver aquela secuencia de cores purpuradas estaba vendo a miña vida enteira, desde ese 77 (eu a penas nacín un ano antes) ata hoxe en día.

Xente nova, evento contemporáneo

Movémonos entre stands, escadas marmóreas, con grupiños en todas as esquinas departindo. Todo isto está cheo de xente, ateigado. Está cheo de xente nova, de xente guapa, maqueada, de parellas, de grupos de amigos. Todo Porto está aquí. Xente moza, que baila, que se relaxa nos masaxes de shiatsu, que xoga antes de saír de marcha, decoración moderna, espectacular e unha organización perfecta e profesional. Nos eventos vínicos de Galicia non ves a xente nova vivindo, interesándose polo viño. Pero aquí, no Palácio da Bolsa, o viño é o centro da diversión e da cultura e a xente vístese de marcha para vir a el. Cinco ou seis xeracións ao redor dunha copa. Quédasenos cara de parvos e un sorriso de satisfacción porque o que hoxe vivimos asómbranos e fíxonos aprender a marchas forzadas dun mundo que está tan preto e tan lonxe. Veño flipado, admirado e asombrado.

Gustaríame algo así de bo en Galicia. O ano que vén xa me teñen de volta.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará