
En Portugal hai un índice de refefencia para os amantes do maridar o bo viño coa gastronomía, a sección Restaurantes e Harmonizações da revista Wine. Este directorio crítico sinala os mellores establecementos portugueses para o servizo do viño, valorando tanto o número de referencias da súa adega como todas as cuestións relativas ao seu servizo, ás veces tan maltratado. Temperatura, tipo de copas, servizo, uso de accesorios…ah, e tamén valoran o xantar. O mellor valorado é o Degusto, en Matosinhos, nas proximidades do Porto [T: 00 351 22 9364363 / localización] . Alá nos fumos a xantar antes de meternos a tope no Essência do Vinho.
E quedamos moi sorprendidos. O Degusto é o restaurante dun complexo máis amplo adicado ao viño, o Viño e coisas. Aproveitando unha antiga nave industrial, hai unha tenda selecta de garrafeiras e tamén todo tipo de accesorios de calidade para amantes destes caldos. O Degusto é un restaurante dun interiorismo espectacular, coidadísimo. No seu momento estaba máis orientado á cociña mediterránea, pero hoxe en día, polo que vimos na carta, observamos unha base portuguesa moi notábel. Cociña cos impactantes sabores da gastronomía lusa, pero alixeirada no uso de aceites, centrada nunha elaboración precisa, con lixeiros toques creativos. Deste xeito, nós comezamos por unhas curiosas bolachas de morcela e mel, e unha tarta de caça que lembroume outras que teño comido preto de Guimarâes hai tempo. De seguido, unha bomba de sabor rústico: unha coja de galinha con alleira e queijo, de clara inspiración transmontana, coma os lombiños de porco que probou César.

Tarta de caça.

Coja de galinha com alheira e queijo.
A carta de viños ten un claro valor didáctico: monográficos de castes, un divertido especial para amosar as virtudes do viño entrado en anos, con referencias de prezo accesíbel de finais dos 90…O camareiro recomendounos un viñazo, que foi un bo introito para logo entrar no universo da viticultura portuguesa. O Po de Poeira 2006, a segunda marca do Poeira, producido polo enólogo Jorge Moreira no Douro a partir das rexas castes touriga nacional e sousón, servido en copas Riedel a unha temperatura impecábel. Xa me trouxen un par destas botellas (17 euros en tenda) para disfrutalas de vagar na casa.
O prezo do menú é de 20 euros máis IVE (si, como volo conto). Pero cos viños e unhas copas de doces (manzanilla e moscatel) e tal rematamos por subilo a 40 por cabeza. Hei volver.


Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 








{ 2 trackbacks }
{ 1 comment… read it below or add one }
Que boa pinta! o que nos perdimos cando fumos alí o ano pasado precisamente cando estaban pechados por vacacions.