Arume dos Piñeiros, un habitual usuario de Capítulo 0, comentou hai tempo, no post que publiquei sobre a nova asociación de restaurantes Galicia Gourmand, o seu interese en ir por De tapa en cepa[Rúa de Ecuador, 18, Vigo / 986473757], un dos restaurantes máis de moda nestes momentos en Vigo e contalo. Velaquí as súas interesantes notas da visita ao restaurante, para quen lle poidan servir, e que lle agradezo moito:
O outro día fun ao De tapa en cepa. Fun xantar no comedor do primeiro andar. Deume a impresión de que abaixo o protocolo era máis informal. E o primeiro que me chamou a atención é que, sendo martes, estaba cheo e que moita xente comía soa. Seica teñen menú do día e que a xente que traballa pola zona vai xantar alí: bó sinal, creo.
O local está ben decorado, coa xa típica combinación de madeiras escuras (o chan non) e pedra vista e os manteis do clásico ton sobrio, nun estilo que para simplificar diríamos minimalista ma non troppo. O servizo é dilixente e amable.
A comida resulta moi convincente. Tomamos un carpaccio de atún que estaba delicioso e moi ben presentado e unhas mollejas confitadas tamén excelentes. O resto dos entrantes, que supoño funcionan de tapas, merecen sen dúbida visitas máis frecuentes. Hai que agradecer a denominación aínda clara da oferta.
De segundo prato, eliximos rape á prancha e, pola miña banda, cochinillo. Vin a carta algo curta (con pratos tamén convencionais, con algo, pouco, de risco), pero debe ser marca do restaurante, que prefire tirar de tapeo: a longa selección de viños, por contra, corrobora esa predilección. En calquera caso, segundo os comentarios, o pixín estaba moi bó (dunha frescura que saltaba á vista) e o cochinillo (crocante e no seu punto) que comín eu estaba bordado. Non cabe dúbida de que De tapa en cepa ofrece extraordinarios productos.
O postre, para alguén pouco larpeiro de doce, resulta de altura. O Brownie con xeado de améndoa convenceume, mentres o xeado de iogur con compota de mango que pediu outro comensal foi devorado nun plis plas e iso que este se queixaba da cantidade de compota que empapuzaba en exceso o xeado. Os cafés non desmerecen en absoluto o nivel alto do xantar: moi ben preparados. O Santiago Ruiz elixido por razóns sentimentais para acompañar os pratos sempre resulta moi fiable.
En definitiva, un lugar moi, moi aconsellable, nese nivel intermedio, a varios escalóns por baixo do grupo dos Nove; tamén o prezo, afortunadamente, está nese escalón: 30-35 euros pareceume moi razonable. Estou de acordo con Pablo_blu en que non se parece en nada ao Moncho: está máis cerca do Nove que do xantar tradicional, pero sí que pode catalogarse nese punto medio que de seguro conta con moitos siareiros.
Eu creo que está nese momento en que van dar un salto cualitativo: o sorprendente para min cheo do outro día revela que o restaurante xa vai quedando curto en espazo e en expectativas.
Voltarei de tapas, pero agardo que non me recoñezan despois desta nota.


Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 








{ 1 comment… read it below or add one }
Un honor, que agradezo: formar parte dun post deste blog único.