
Servíronnola en Casa Antonio, en Goián (Pantón) [T: 982456422 / localización], tras un moi decente cocido. Baixabamos como uns vintecinco ou trinta anos a media de idade de aquel ateigado local, o cal adoita ser unha garantía de bo cocido. Esquivando como puidemos a piña, o melocotón, a tarta al whisky, ao final, case como unha addenda para excéntricos, apareceu esta rosca con queixo. A rosca de Millán é coñecida en Pantón, e aquí tómase acompañada dun queixo salgado. Tan inusual combinación, que debe ser xeito nas terras do norte da Ribeira Sacra, resultoume ben curiosa, e tamén gozosamente larpeira, alternando o doce da rosca, o seu intenso sabor a oso co salgado deste queixo da terra.
Á Casa de Millán chegamos grazas a un señor da gasolineira de Escairón.
-Vostedes entren -díxonos-, e aínda que non lles pareza, é aí. Pidan para comer. Xa lle abrirán unha porta e verán un comedor xeitoso. Pero iso, cando entren, aínda que resulte raro…ustedes pidan.
Obviamente, ante tan intrigante descrición había que baixar a Goián. Efectivamente, a mítica tenda-súper de aldea, que vende desde zapatos, DVD, froita, vasoiras e todo o vendíbel, estaba aí. Pidan un cocido ou churrasco. Nós, con viño e postre, pagamos 10 satisfeitos euros por cabeza.

No Valadouro miña tía facía un biscoito impresionante, cocido en forno de leña, o mellor que teña comido nunca. E sempre o servía en compaña dun queixo do país. A combinación resulta deliciosa.
Non sei como fas para encontrar eses sitios. Eu son de Pantón e, claro que coñezo o bar-tenda-multiusos de Goián, pero non sabía da rosca de Millán. Temos o “roscón”, que non é o mesmo, pero tamén o comemos con queixo e o mollamos en tinto da casa.
Recoñezo esa mistura de sabores que describes (rosca lixeiramente doce máis queixo salgado bastante curado para ser da Terra) porque o serven coma sobremesa no xantar do festival d’O Castro (terceira fin de semana de agosto en Ferreira de Pantón).
O cocido da Casa Antonio de Goián a verdade é que é realmente bom e abondoooooso;)
A rosca de que falades é a rosca de Sober. Ou eso penso eu. E sí, a comemos bastante na zona de Pantón. Algunha panadería de Sober a vende a domicilio por toda a comarca. Cousiñas ricas da terra.