Tralas pinturas medievais da inesgotábel Ribeira Sacra

Last updated on 18 / Febreiro/ 2009


Detalle das pinturas murais de San Xiao de Lobios. Fotos: Sole

Teño andado a Ribeira Sacra de norte a sur, de leste a oeste. Pero esta zona nas beiras do Miño e do Sil é como unha cebola de innumerábeis capas, de historia, de significados, de xentes, de contos e de viaxes tamén interiores. O patrimonio da Ribeira é tan enorme que non se dá abranguido por moito que un queira. Simplemente hai que coller o coche, prepararse para escoitar e falar, encadear historias, e marabillarse. Así chegamos a esta fermosa igrexa, San Xiao de Lobios, en Sober [localización], antigo priorato feminino. Gústanme -e sempre o direi- as igrexas das monxas medievais. Hai algo nelas moi amable, moi querido. A pobre igrexa sobrevive no mar de cemento dos nichos de mortos que invaden o marabilloso monumento medieval, froito da especulación mortuoria do anterior cura. Aparece Concha pola corredoira, a recoller as pitas que se agachan nas ruinosas casas abandonadas da aldea.

-¿Ábrolles a igrexa?

Concha ábrenos a igrexa e non para de falar.

E comezamos a coñecer os tesouros agachados da Ribeira Sacra, os que non ves nas guías, os que só podes contemplar se tes a fortuna de dar con boas xentes que gardan as chaves destas igrexas medio abadonadas nas súas casas abandonadas de aldeas abandonadas. As pinturas murais medievais da Ribeira, un patrimonio descoñecido nos folletos turísticos. Baixo a cal das igrexas da Ribeira, está escrito o códice da arte mural do final da Idade Media, e quen sabe se de antes. A cal, ás veces, permite desvelar como as figuriñas corren aínda polas paredes, alí debaixo, agardando o financiamento que as desvele de volta, rematado o tempo das pestes contra as que se botou a branca pátina.

-Baixo a igrexa hai un manantial -lembra Concha, observando a desfeita dos nichos de cemento que invaden estas arquerías románicas que xa son góticas. E a humidade vai facendo fendas nos nichos e van saíndo os cheiros. Pero aquí ninguén quere mover os seus mortos. 60 sinaturas contra trasladalos, oíches?

E, lonxe da polémica dos mortos, nós miramos dentro da igrexa, e vivimos a fortuna de ver unha igrexa case como estaría hai oitocentos anos. Aquí, na Ribeira, segue a existir a policromía que facía destes templos lugares máis divertidos. Está o touro con alas, San Lucas, que parece unha vaca tola. E máis alá, unha marabilla de almas, apiñocadas ao redor de San Pedro, nas portas do céo. E máis alá, aínda afundamos no tempo. Un cabalo enorme, románico, de excepcional factura e detalle, emerxe das pedras que reven humidade. Velaí está. Miramos con asombro. Lembrei que tiña no traballo un fermoso libro sobre estas pedras de Sober, recén publicado por Cultura: Simboloxía do románico de Sober, de Xosé Lois García. Seguimos camiño.

En Pantón está San Fiz de Cangas [localización]. Este pórtico alucina. Sempre o Sol e a Lúa na Ribeira Sacra, o principio dos opostos. Pero observade esa Lúa, por favor. Mirade que estraña e única representación. Enredamos cos xogadores de petanca ata que veña o home da chave. Están a preparar unha enorme churrascada.

-Mirádesnos a igrexa -di o cabecilla- e logo arrimádesnos a nós.
-¿Que nos arrimemos a vostede?
-¿E logo non es galego?
-Pero da costa.

O home ameázame cunha forca.

-¡Que collades churrasco, carallo!


A capeliña das imaxes góticas

O fume do churrasco chega ata un fenomenal conxunto gótico de madeira formado por uns enormes Cristo, un bispo e un crego en actitude pensativa, a penas protexidos nunha casiña de madeira só por unha portiña de tablóns, á beira da estrada. Seica son boas imitacións duns orixinais hoxe custodiados en Monforte.

-Leváronos a Santiago á exposición Galicia no tempo hai moitos anos -infórmame un xogador de petanca- E cando tal pasou, a xente decatouse de que eran unha cousa importante e tiveron medo de que llos roubaran, así que os levaron ao cuarteliño da Guardia Civil e de aí non os sacaban ata que viran que facer con eles. Por iso a este Cristo chamámoslle os da parroquia desde aquela o Cristo Arrestado.

Un bo señor ábrenos a igrexa de San Fiz mentres vixía a fogueira prendida na eira. Hai que petar no portón da decadente reitoral e probar sorte. El hoxe anda algo apurado. Esta igrexa, sinxela por dentro, panteón aristocrático dunha ponla dos Taboada, amósanos unha fermosísima pintura mural. Nesta Paixón, os soldados renacentistas van de gala, e parece que nesta remota parroquia de Pantón enreda a sofisticación das cortes italianas. Ecos abeirados ao Condado de Lemos.

Grandísima, inesgotábel Ribeira Sacra.

2 Comments

  1. Ana Célia de Holanda Egito
    16 / Marzo/ 2009

    eu quero mais figuras sobre pinturas medieval aki tem muita pouca

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará