Pero non sentides envexa?

Quero dicir. Non me refiro á parafernalia ou a escenificación tan mitificada ou algo excesiva. Refírome á festa que supón un cambio político, e a capacidade dos norteamericanos de festexar o seu propio sistema político e a transformación que el ten. A nosa democracia é moito máis recente, pero reaccionamos ante ela, cada vez máis, con fastío e desleixo. Os políticos, en Europa, xa son un mal menor. Nos Estados Unidos, algúns deles, como Obama, continúan sendo líderes. Eu comparto a distancia e a prevención europea, pero sinto envexa desta capacidade de crer e de confiar nas posibilidades do seu sistema que teñen os norteamericanos.

20 Comments

  1. 20 / Xaneiro/ 2009

    Una envexa completa e absoluta. Hoxe, mentres vía as entrevistas da BBC aos que estaban na parte de atrás do público, onde había ducias, centos de persoas chorando, pensei que tería que pasar politicamente en Europa pra que a min me saltasen as bágoas… E custábame atopar algo, a verdade.

  2. 21 / Xaneiro/ 2009

    Pois a min a cousa non me parece moi diferente a cando, contra todo prognóstico, Zapatero gañou as eleccións tras a presidencia do amigo de Bush.

  3. 21 / Xaneiro/ 2009

    Non hai cor, Marcus. Compara os actos da toma de presidencia de Obama cos de Zapatero…

  4. 21 / Xaneiro/ 2009

    E eu lembro de escoitar o discurso de investidura de ZP con verdadeira atención e mesmo emoción, pero nunca me poría a chorar.

  5. 21 / Xaneiro/ 2009

    Vale. Pero hai dous elementos engadidos á emoción. Un é efectivamente o étnico, que deberían experimentar non só os individuos da mesma cor, sexa esta a que sexa ou sexan dúas. Atención, porque iso é celebrar a mestizaxe, que é o inédito no nivel do que se fala. En Europa penso que falta tempo para ver algo igual.
    Con todo, á hora de comparar, entendo que hai outro elemento moito máis relevante. As emocións e as bágoas nos actos deste tipo nos EUA teñen que ver, creo, coa altísima implicación previa da sociedade civil no proceso que conduce á elección. Iso con independencia de que exista unha militancia sólida. Pénsese na cantidade de xente que move unha campaña nos EUA. A xente chora tamén porque o seu equipo venceu.

  6. 21 / Xaneiro/ 2009

    Sen dúbida. Interésame moito a escenificación do día. Fíxense nas investiduras europeas. Un podio, un parlamento, cámara pechada. Se cadra un par de recepcións á sociedade civil ás que sempre van os mesmos e os acólitos de partigo, máis ou menos festas políticas, cousas así.

    Nos Estados Unidos, a escenificación é diferente: o Presidente sae para fóra do Capitolio a xurar e a expor as liñas mestras do seu discurso, minorías e maiorías intégranse nese escenario con similitudes cunha tarta de vodas. Non vou gabar aquí as virtudes integracionistas dos norteamericanos, país no que existen enormes desigualdades étnicas. Pero a toma do poder faise de cara a poboación e coa poboación.

    Por suposto, está o factor que apunta Lándoa: nos EEUU hai moito menos problema en facer activismo político público por parte dos cidadáns. Aquí aínda dá medo.

  7. Juan Castro
    21 / Xaneiro/ 2009

    Si, si que hai envexa, e moita. E sinceramente, penso que a súa liturxia é importante. Nun país cunha historia relativamente recente, os EE.UU non só souberon crear a súa propia mitoloxía, tamén conseguiron dotala de significado máis alá da propaganda.

    De todas formas, a min o que máis me impresionou de todo este proceso, foi a noite electoral cos dous discursos dos candidatos, onde te decatas que máis alá da parafernalia e a escenificación hai unha significación política de verdade, de altura.

    Aquel discurso de Obama tivo unha profundidade enorme, para min, incluso mellor que o da investidura, pero o de McCain, recoñecendo erros, tendendo a man e chamando a reconciliación, foi impresionante. ¿Imaxinades algo así en España onde todos os partidos saen ó balcón para reclamar a súa vitoria particular?

  8. 21 / Xaneiro/ 2009

    Permíteme disentir:
    É evidente que a investidura de Obama, tivo un grande impacto emocional a escala planetaria. Mais penso que ten máis que ver coa sáa estupenda política de comunicación e co ,importante, feito simbolico da sua cor de pel, que con o sistema político en si.
    Porque o sistema polítco americano, penso que é bastante menos aberto a participación que o desesperadamente ríxido que padecemos aquí. Os partidos políticos americanos non son máis que estructuras laxas “atrapavotos”, sen maior trascendencia social.
    Ademáis,a min non me pode dar envexa unha sociedade na que fracasou o interesante movemento “move on” (que era un movemento social xenuino) e que relexiu presidente a George W.

    Ademáis, se comparamos o peso poboacional, e de importancia política, de Galiza e os EUA, tampouco penso que o de onte difira moito dalgunha das investiduras de Fraga. ( e non estou a ser ironico)

  9. carlos
    21 / Xaneiro/ 2009

    despertade , os pobres seguiremolo sendo i os ricos seguro que se guiran sendo mais ricos

  10. 21 / Xaneiro/ 2009

    Tamén é verdade que cando os presidentes galegos iniciaron a tradición de facer tomas de posesión públicas, houbo moitos que comezaron a ladrar (quizais eu tamén) sobre o número de gaiteiros.

    Ah, #Carlos, esperte, vostede non é pobre. Anque lle pese.

  11. PabloV
    21 / Xaneiro/ 2009

    Pois non demasiado, a verdade. A clave, para min, está en que un negro chegue a ser presidente dos EUA, se miras nas fotos quen están a chorar son negros e os brancos mostran orgullo e respeto.

    Por outro lado Obama a igual que Fraga consegue tocar moi ben as teclas emocionais da súa xente, e tamén axudan os 8 anos de bush, claro.

    Si que creo que en Europa estamos mais anestesiados de cara a política. Agora, por qué?

  12. carloscmgb
    21 / Xaneiro/ 2009

    A mesma mer.. con diferente olor ( ainda que exista xente que confunda o cheiro co dun bo perfume e outra que a vende como si realmente fora un bo perfume ) ; detrás segue estando o poder económico que promove os cambios necesarios para que o final nada cambie.
    Sinto que toda esa xente que se emociona en pouco tempo se desesilusionará ó ver que todo segue mais ou menos igual.

  13. 21 / Xaneiro/ 2009

    W., a verdade é que non falo tanto das bondades e maldades do sistema político americano (podemos falar del, pero é outra cousa), como da escenificación da toma de poder e da emoción da xente que o estaba a ver. O Presidente xura fóra do edificio, de cara o público. As testemuñas non só son un grupo de congresistas. É quen o desexa. Será ritual, será o que sexa. Pero se cadra a implicación política de moitos norteamericanos ten que ver con estes rituais de cultura política.

    Carlos, obviamente un presidente da primeira potencia militar e económica do planeta, nunca poderá ser Gandhi. Pero hai xeitos e xeitos de levar esa presidencia. Sen ir máis lonxe, pódese comparar a presidencia de Bush Fillo con Clinton. Por suposto, Obama defraudará. Sobre todo, a aqueles que poñen nel ideas que el nunca pronunciou. Pero será difícil que chegue a ser como Bush.

  14. 22 / Xaneiro/ 2009

    Pois eu cando marchou Fraga ben que o celebrei! :D E fixo que máis dun chorou (o que nos fixo pasar o tal!)

  15. Jose
    22 / Xaneiro/ 2009

    Sen dúbida, de cando en vez, volvemos a ver que a política é a máis noble das actividades humanas.

  16. 23 / Xaneiro/ 2009

    Certo que eran outros tempos, e a cobertura mediática non se asemellaba ao que hai hoxe en día, pero penso que para moita xente, cando o PSOE gañou as eleccións xerais no 1982, foi algo realmente emocionante. Non lembrades as imaxes de González e Guerra no balcón Hotel Palace? Pero claro, non hai comparación entre a relevancia de EEUU e de España.

  17. 24 / Xaneiro/ 2009

    relevante o da transición española, miña nai fálame dela cunha ilusión moi grande, claro, logo todo eso defraudouna moito, a ela e a outros tantos, como non podía ser doutro xeito, como auguro que voltará a pasar

  18. Fiz de Cotobelo
    26 / Xaneiro/ 2009

    Moi interesante a lembranza de González e Guerra e a comparación con Obama: polo que eu lembro (tiña eu 14 anos) houbo unha grandísima ilusión nos votantes porque realemente querían un cambio, pero o primeiro que fixeron foi Reconversión Industrial (caña aos obreiros, aliñamento co grande capital, marxinación da Galiza que segue sen poder construír barcos, privatizacións, desmantelamento do estado…); agora Obama mobilizou moita xente que devece por un cambio real (creo) pero tampouco comeza ben (aliñamento cos asasinos sionistas, posta en valor de Reagan, ¡rezou na toma de posesión! . . . ), así que, vai crear tamén desilusión? Vai ser isto un problema ou outra vez o sistema dará asimilado as súas contradicións?
    Doutra banda, a min dame moita envexa dos ianquis o orgullo que teñen de todo o seu, incluída a súa corrupta clase política.

  19. 28 / Xaneiro/ 2009

    A verdade é que não. As aglomerações de gente sempre me causam agóbio, mareio, estresse… Ainda, tanta exibição de nacionalismo e exaltação patrioteira põe-me dos nervos :P

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará