A taberna ilustrada de Pedro Roca en Santiago

Last updated on 14 / Xaneiro/ 2009

Os martes, cocido. Os mércores, polbo á feira, carne ao caldeiro porque é o día do mercado. E os xoves, coa feira, callos. Podería ser unha tasca calquera das que xa van desaparecendo por Santiago e o resto das cidades galegas, organizada en torno á actividade comercial da cidade e con días vinculados a pratos. Pero non o é. É a taberna ilustrada de Pedro Roca [Telf: 981585776/ Localización], como el mesmo a define. Con a penas tres ou catro semanas de vida, trátase dun dos mellores restaurantes de Compostela.

Por suposto, tal afirmación ten truco. Pedro Roca é un chef de dilatada e seria traxectoria nos fogóns da cidade. Exerceu moitos anos de chef do Araguaney. É ese cociñeiro de confianza a quen entregarías tranquilo a elaboración do primeiro xantar cos teus sogros ou os aniversarios e celebracións familiares. Sabes que non falla. Roca abriu na rúa Galeras o seu restaurante, do mesmo nome que el. Alí cociña unha gastronomía cun estilo propio, con técnicas da alta cociña, un gran respeto ao produto e con especial devoción á cociña das estacións, a cogumelos, fungos e trufas. A súa devoción pola gastronomía de temporada é tan grande que o ano pasado, no tamén compostelán Restaurante Mediterráneo, da súa propiedade, o 7 de xaneiro, día de San Xulián, o restaurante servía de postre o arroz con leite, plato típico do día no Ferrol. E así con todo.

Así que o restaurante Pedro Roca, con tres semanas aberto, estaba practicamente cheo nestes venres pola noite de crise. O restaurante, amplo e dividido en varios espazos, construído na urbanización levantada sobre o antigo Hospital Xeral, ten un interiorismo tremendamente coidado, no que sobrancea o peculiar sistema de palés corredeiros de madeira que filtran a luz exterior e o tellado construído a base de tablóns. Dúas adegas climatizadas e transparentes permiten aos clientes escoller directamente os seus viños. A carta ofrece moitos pratos redactados no peculiar estilo de Pedro Roca “porco, mazás, cogumelos” (estouno inventando, pero se lle preguntas por isto dirá: “así os clientes saben que van comer!”) ou un menú de mercado, a 44 euros que permite percorrer os platos máis destacados do local.


Aperitivo de Anchoa e Queixo de Arzúa. Fotos: Sole


Sopa de marisco


Zamburiñas con cebola


Choco con fideos


Rape con berberechos


Lombo de vaca con cogumelos

O noso menú de mercado recupera e reinterpreta todo isto que dicimos. Comezamos cun aperitivo de queixo de arzúa e anchoas, ao que seguiu unha espectacular sopa de marisco, no que o líquido era, en realidade, o intenso sabor do verdecacho da centola. Zamburiñas con cebola foi o seguinte, tras o que chegou un espectacular choco á grella con fideos coa tinta que me encantou. Seguidamente, un rape con berberechos e para entrar nas carnes, un impresionante lombo de vaca con setas salteadas dunha calidade absolutamente espectacular.


Morcilla doce


Tartaleta de Requeixo da Capela

O xantar rematou con dos postres: unha morcilla doce con mazá asada e sopa de natillas (eu creo que debe ser unha das poucas, senón a única, morcilla que se sirve nestes momentos en restaurantes galegos deste nivel), e que é unha chiscadela a ese gran postre tradicional, e unha tarta de Requeixo da Capela con Frambuesas. Todo cun produto espectacular, de primeira, un surtido de pans tradicionais excelentes.

-¿E como fas para conseguir este produto? -preguntámoslle a Pedro.
-Non me importa facer quilómetros. Gústame ir buscar o que me interesa.

Créollo ben. Este home, tímido e amante das palabras xustas, fai unha cociña moi persoal, de tempada, de recuperación do produto tradicional exaltándoo cunha perspectiva culta e europea do saber gastronómico. Gustoume. Gustoume moito.

Vémonos no Restaurante Pedro Roca tomándolle uns callos cun bo mencía. Ou disfrutando da trufa branca do Piamonte. Non lle vexo contradición a tal cousa. E me alegro de que aquí se demostre a diario.

8 Comments

  1. 14 / Xaneiro/ 2009

    y que tal la bodega?? Con qué “empujasteis” esos platos?? ;-)

    Este lo tengo en la lista de “pendientes”, aunque antes me pasaré por “Casa Marcelo”

    Milu.

  2. 14 / Xaneiro/ 2009

    Certo, Milu, quedáraseme atrás no texto.

    Pois a adega -xa digo, ben climatizada- está bastante ben provista. Unha carta de viños de liña clásica con referencias de calidade en todas as D.Os habituais. Nós tomamos un Dehesa del Carrizal Syrah 05. Se alguén busca un syrah de libro, de definición, é ese plan. Non estivo mal, aínda que se cadra faltáballe algo de carácter propio.

  3. Capelada
    18 / Abril/ 2009

    Os problemas de non ir cando abre!
    Fun hoxe 18 abril do 2009, deixa moito que desexar o servizo!, as mesas non levan mantel, son de madeira, as xuntas das táboas están abertas e non creo que usen lexivia, esas xuntas son un “niño de M____”, cando como di Pedro Roca estamos nunha tasca, por moi ilustrada que sexa, as bebidas creo que deberan estar na mesa, mais cando o persoal non da feito e pouco menos que temos que esperar a que o camarero se achegue con calquer prato para poder beber.
    Ademáis o trato a tódolos clientes debera ser igual, e si o local ten algunha cortesía con casi todos…. debería esforzarse en que fora con todos. Síntese un moi mal cando en tódalas mesas do local agás a propia a casa ofrece ou obsequia con unhas larpeiradas para acompañar o café.
    Polo demáis o menú foi estupendo, pero non penso voltar, o servicio esta por riba da cociña e prefiro que sexa algo peor a que me traten peor que ó resto dos clientes.
    O meu menú que estivo riquisimo foi:
    Ensalada de ahuacate con langostinos, rape asado con chalotas (acompañado con Leirana) e de postre o bizcoito borracho acompañado con MR (único viño doce que se nos ofreceu por copa), café e chupito.
    Non está ben de prezo, e o servizo deixa moito que desexar.
    Prefiro ser o rei nunha tasca que o príncipe en Pedro Roca

  4. 18 / Abril/ 2009

    Vaia, sinto que non che convencera. Eu teño que dicir que xa fun tres ou catro veces e reafírmome na crítica en todo os puntos, e podería engadir algúns platos fantásticos. E tampouco, nin eu nin outra xente que xa foi xantar alí, me comentou nada dos problemas do servizo. Creo que é un dos cinco mellores restaurantes de Santiago, sen dubidar nin un segundo.

    Con respecto ao da mesa sen mantel, é unha tendencia habitual nalgúns restaurantes. Non creo que sexa un demérito.

  5. migue
    8 / Maio/ 2009

    Capelada, yo estuve dos veces una en pareja y otra con amigos y las dos genial, la comida nos gusto muchísimo y el servicio atento, amable y sin fallo, lo de las mesas a mi personalmente me gustó lo de que no tuvieran mantel, unas mesas así da pena taparlas, lo de las juntas que dices yo no lo noté pero será cosa de la madera y del trabajo artesano no?…para mi Pedro Roca es el restaurante que estoy recomendando con toda confianza desde la primera vez que fui y gente que conozco y que fue salio encantada en fin…¡enhorabuena al P. Roca y que le vaya muy bien, yo volveré!

  6. Anton
    23 / Outubro/ 2010

    ¿Sabedes cando fai as xornadas de cociña de cogomelos? Eu probei os seus pratos cando as facia no Araguoney e sempre me pareceu o mellor neste xenero.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará