O Mosteiro dos Picos, unha ruína no alto de Mondoñedo


Fotos: Sole

Moitos anos levaba eu vendo ese mosteiro no alto dunha ladeira, cando baixas a serra de Lourenzá camiño de Mondoñedo, e sempre con gañas de subir ata alí. Así que desta vez fumos. En Mondoñedo chámaselle o Mosteiro dos Picos, aínda que o seu nome real é San Martiño de Vilalourente. O noso abraio foi enorme cando chegamos ao lugar e nos atopamos a unha ruína colonizada por unha madeireira. O mosteiro xa existía no século XIV, e foi Hospital de Peregrinos do Camiño Norte. Pero hoxe está totalmente abandonado. A igrexa, do XVII, comeza a ter fendas. O edificio do mosteiro ten os tellados fendidos e a silveira devora o recinto pola parte de atrás. Un mosteiro descoñecido nunha ruína avanzada.

O máis gracioso do asunto foi que, no 2001, Os Picos estivo a piques de ser rehabilitado. A Consellería de Cultura achegou diñeiro para reparar tellados e un obradoiro local restaurou o claustro. Hoxe todo está inaccesible e o acceso ao interior está prohibido. Do programa de reconstrución non teño noticias, se é que continúa, que dubido.

5 Comments

  1. Un da Mariña
    9 / Xaneiro/ 2009

    O anterior alcalde do PP, Luís Rego, logo metido a constructor, adicou todos os seus esforzos a intentar encher de cemento as covas do Rei Cintolo, e deixou esquecido o do Mosteiro. Tampouco houbo nunca moito interese, porque cunha escola-obradoiro, como querían facer, non se restaura unha xoia como esta. Pode que se o anterior bispo, Gea Escolano, adicase tamén algún esforzo máis a xestionar este patrimonio en lugar de escribir tantas cartas pastorais polémicas, Os Picos estaría en proceso de restauración e non de putrefacción.

    Excelentes fotos.

  2. 9 / Xaneiro/ 2009

    Sen facer un repaso exhaustivo, teño a sensación de que debe ser o último dos mosteiros galegos dunha certa dimensión física en carecer dun plan máis ou menos estruturado de rehabilitación, toda vez que as obras en Monfero e Melón parece que van comezar. Parece. E ata hai plans para restaurar San Paio de Abeleda.

  3. unha mariñá
    9 / Xaneiro/ 2009

    Agardo tamén eu para subir ata o mosteiro,pero as escusas son interminables.Unha primavera destas,seguro.Non anda a deputación por aí metida?

  4. 9 / Xaneiro/ 2009

    Non teño nin idea.

  5. Martiño Suárez
    22 / Xuño/ 2012

    Cun retraso de tres anos e medio, que non é nada, direivos que a miña avoa, que vendeu queixos na feira de Mondoñedo, sabía unha copla que dicía “No convento dos Picos hai un frade galiñeiro que, cando chega a noite, churras churras para o poleiro”…

    :)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *