O Mesón Labrego, en Baamonde: unha reivindicación rural da cociña rural

Last updated on 9 / Xaneiro/ 2009


Fotos: Sole

Subirás a Rúa do Museo ata o final. Na porta da casiña restaurada non atoparás ningunha indicación de restaurante. Pero cando vexas este labrego fumando en pipa saberás que estás diante do Mesón Labrego de Baamonde (982398060 / localización). Cociña luguesa tradicional, coidada, cun produto excepcional. Lareira vella prendida, cuncas para o café, fotografías da vella familia labrega Corral e outras greas de Baamonde. Manuel María e a cultura da Terra Chá podían estar bebendo viño nestas mesas, como tantas veces o fixeron. Comimos un cocido de primeira, con cada un dos produtos de primeira calidade. Logo, queixo de Baamonde con mel, un queixo excepcional. A cociña, toda tratada con agarimo. Con viño, 15 euros por persoa. Prezos de non crer.

Ao saíres, hai que ir á porta presidida por un paxaro, abrila, entrar e pechala despois. Entrarás no mundo do escultor Víctor Corral.

Un xardín cheo de figuras graníticas da arte popular. Un carballo convertido en mesías, nenas paseando, árbores humanizados, grupos de cogumelos pétreos tirados polo chan, figuras familiares. Fantasía popular luguesa.

Fagan un alto en Baamonde para comer e pasear. Paga a pena. Grazas pola recomendación, Miguel!

5 Comments

  1. 9 / Xaneiro/ 2009

    Por fin me coincide ler un comentario teu sobre un restaurante no que xa teño xantado. Ratifico o dito.

    Respecto ao museo de Víctor Corral, recomendo o nacemento esculpido …nunha noz!

  2. lapatianco
    12 / Xaneiro/ 2009

    Acordo con faragunde, pois máis dunha vez teño parado neste restaurante farturento e de precios bastantes axeitados.
    E a visita ó museo-taller de Victor Corral, libre para calquera que respete o entorno trae a calquera un rato de paz e de reconciliación ca humana xente.
    Gran idea tivo ó humanizar o carballo que está a carón da igrexa románica, salvándoo de ser cortado pola ampliación da nacional VI (por suposto, moito antes de que existira a autopista). Tamén pode un pasar o rato buscando todas as figuras esculpidas nel. Abofé que che hai algunhas ben agachadas.
    Esta terra de Baamonde é boa de visitar, con bos “exemplares” de castros e megalitos.
    E tamén é recomendable unha andaina dende o mesmo Baamonde, polo río Parga (empezando a carón do muiño) pasando pola ponte e igrexas medievais de San Alberte, e unha fermosísima pontella tradicional un pouco despois, e chegar deica San Estevo de Parga, ou incluso seguir ata o Balneario de Guitiriz.
    Saudos.

  3. Vanesa Felpeto
    13 / Xaneiro/ 2009

    un clásico na miña vida, si señor

    Alégrame que o disfrutaras

    Un saúdo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará