Monte do Seixo, un libro sobre as xeografías míticas da Terra de Montes

Calros Solla envioume o seu último libro, Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas (Serpe Bichoca, 2008). Solla é un dos máis activos recuperadores da memoria da Terra de Montes e con menos de corenta anos, posiblemente un dos grandes sabedores da antropoloxía, da historia e da memoria desta emblemática comarca. Monte do Seixo é unha plasmación dese amor pola súa terra, unha compilación de lendas e lugares míticos do Monte Seixo e da Serra do Cando, no concello de Cerdedo. Devoreino con voracidade lectora en poucas horas, porque este libro é emocionante, fértil e profundo como a terra negra das mellores leiras.

O libro é un atlas de xeografía mítica dun territorio de especial significación na comarca da Terra de Montes. Nunha coidada edición que combina ilustración, fotografía, un fermoso deseño, chama a atención o mapa desplegable. Sobre a representación orográfica do Cando, Solla debuxou o trazado dos túneles míticos que comunican o Castro Grande co Pozo Sanguento, ou o que leva de Fontefría ao monte de Costoia. Representou as mámoas, a cidade mergullada de Trentinán, as trampas dos lobos, a Cadeira do Rei, a Portalén e o Marco do Vento, ou a casa que na aldea de Guisande un labrego construiu co oro obtido dos mouros. É un mapa do mundo da imaxinación, das lendas, da capa mítica que existe sobre o noso país, e que pouco a pouco o tempo vai esborrallando, ou vai camuflando de especulativos parques eólicos.

E hai historias incríbeis; algunhas deben ser máis vellas que o tempo, porque parecen escritas nun alfabeto oral que lembra imaxes de vellísimos ciclos épicos. A de Pecheche, o boi de tres cornos que pace no Campo do Boi. Pecheche o tricorne, libre nas Serras do Cando, cobre, por veces, os rabaños bravos, e de aí nacen xatos bravos e xovencas leiteiras. Ou a de Bouciga, un anano agoireiro dun único ollo, a quen se convoca na Penarredonda. A Boucigha chámaselle, dáselle unha presada de cigarros polo vaticinio vedoiro. A xente da zona chámalle ollos de Boucigha ás fusaiolas, as pedriñas de tear furadas, que os labregos atopaban nos castros. Son amuletos de sabedoría.

Todas as comarcas, parroquias, montañas de Galicia mereceran ter un libro así. Libros coma os Contos do Valadouro (Xesús Pisón, Manuel Lourenzo e Isaac Ferreira), ou Loureses (Manuel Mandianes), ou algúns outros. Libros escritos por autores locais, que son quen de penetrar en lareiras e cadeiras ás que nunca chegamos os foráneos, de recoller as historias e dotalas de sentido. Eu seino cando fixen a compilación lendaria de Palmeira (Ribeira) hai moitos anos. Co alcume de Carreirán por diante, as portas abríanse, as historias desvelábanse, a confianza creábase e o mundo volvíase a escribir coa palabra despois de décadas, se cadra coa mesma materia máxica da que xorden as historias.

Ao ler o Monte do Seixo achegámonos a un tempo no que a terra estaba chea de funcións e significados. Penso en que as orografías abruptas das montañas de Galicia continúan a preservar, ao fondo dos vales, aos fuxidos e desterrados polo avance dos tempos no país: as árbores, os réptis endémicos, os depredadores, e tamén os seres lendarios. Seguen alí, entre os penedos, no último refuxio.

Non hei tardar nada en subir a Portalén a escoitar, deixando previamente unha ofrenda nas fendas da pedra, o que me din desde o OutroMundo. Xa vos contarei.

Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas pódese atopar en Pontevedra, nas librarías “Cao” e “Michelena”; en Compostela, nas librarías “Follas Novas” e “Couceiro”. Proximamente, en Vigo. Tamén se pode pedir a través do blog de Calros Solla, O Embigo do Becho

8 Comments

  1. 7 / Xaneiro/ 2009

    Interesante, alguen devería facer o mesmo cas historias case perdidas de moits lugares, entre eles o meu. Saúdos e apertas

  2. 12 / Xaneiro/ 2009

    E por que non esa traes ao blog a compilación de lendas da túa terra da que falas? Aos que gustamos da “Galicia Encantada” agradeceríamolo. Por certo, Gracias por este artigo.

  3. 12 / Xaneiro/ 2009

    Si, xa o teño pensado. Teño que procesar o material. A ver se un mes destes saco os relatos máis relevantes. O que pasa é que me gustaría sacalos ben, con ilustracións e tal, e diso non hai… Téñolle que dar unha volta.

  4. Camilo
    13 / Xaneiro/ 2009

    Teño a sorte de coñecer persoalmente a Carlos, de coñecer os seus estudios sobre a Terra de Montes e tamén a maior parte da súa obra. Este libro é unha revisión ampliada do libro publicado no 2007 “A Montaña Máxica”. Só podo recomendar a súa lectura pero mellor sería visitar o Monte do Seixo, a montaña máxica.

  5. Camilo
    13 / Xaneiro/ 2009

    Para os que gosten das lendas, Carlos Solla ten publicado un fantástico libro, “Almanaque de Encantos” Ed. Cardeñoso. Lendas e mitoloxía da Terra de Montes.

  6. Fred
    17 / Xaneiro/ 2009

    Estiven buscando o tal “Almanaque de encantos” en Vigo e dixéronme que está esgotado. Sabedes se está nalgunha biblioteca pública? Gracias.

  7. Monte Pituco
    20 / Setembro/ 2010

    O grupo de estudos etnográficos Serpe Bichoca tamén fixo un documental sobre o Monte do Seixo.
    …Gago e compañía, un recordatorio, tralo teu recente paso por Pontevedra: cando queirades e teñades tempo, o Morrazo agarda a vosa visita.

  8. 20 / Setembro/ 2010

    Será un pracer. Cando queiras, mándame un correo e argallamos algo!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará