Pola Asturias contemporánea (1): a Laboral de Xixón

Patio ‘pastiche’ de La Laboral. Fotos: Sole

Intervención contemporánea sobre o edificio franquista
A Laboral é un dos proxectos máis controvertidos e interesantes de refundación arquitectónica que temos nas proximidades. A Universidade Laboral é un descomunal edificio ubicado nas aforas de Xixón, construído no franquismo baixo iniciativa de Girón e materializado polo arquitecto Luis Moya como escola para os obreiros da siderurxia, da metalurxia e da mina. Seica é o edificio máis grande do Estado, mesmo maior que o Escorial. Coa chegada da Transición, este monstro arquitectónico -un pastiche que só agora arquitectos como Moneo comezan a valorar- foi abandonado, e as súas enormes salas, granxas, igrexas, alas administrativas convertéronse en cova de pantasmas. A Laboral é un exemplo interesante de como xestionar patacas quentes arquitectónicas, porque reune calidades estéticas dubidosas, tamaños colosais e unha visión humana máis cariñosa, a dos antigos alumnos, aínda moi activos, que a ven como o lugar no que eclosionou a súa mocidade.
O goberno asturiano decidiu acoller este marrón hai poucos anos e reconvertelo nunha Cidade de Cultura. A proposta é ecléctica: o teatro conta cunha programación propia, hai unha moderna tenda cultural, unha pista de xeo (sic), unha Cidade Tecnolóxica e viveiro de empresas nalgunhas das moitas hectáreas da finca, o Xardín Botánico Atlántico…O que me tiña máis interese e quería visitar era, sen embargo, un estupendo Centro de Arte e Deseño Industrial, o LABoral, que está a dar moito que falar nas súas experiencias de confluencia entre arte, creación, tecnoloxía e técnica.

El aliento de Chomolugma, 2005, Gabriel Díaz
O LABoral mantiña dúas excelentes exposicións colectivas nas que perdimos bastante tempo: There is No Road (the road is made by walking) (si, son os versos de Machado en inglés), unha interesantísima mostra que versiona e reflexiona sobre a experiencia humana da viaxe pola paisaxe asturiana ou outros terreos abruptos e montañosos. Moitas das pezas interesáronme de vez, como reflexións sobre como capturar, transmitir, representar, trasladar a experiencia da montaña, da natureza brava e aberta. Na da foto, por exemplo, Gabriel Díaz representa o Everest desde un campamento base. Tenta restituir á montaña o papel grandioso, sagrado e inabranguíbel que perdeu nas últimas décadas de montañismo de masas. A segunda é un puro cachondeo: Nowhere/Now/Here é unha reflexión sobre o papel do deseño industrial no mundo contemporáneo. Crítica, funcionalidade, efectismo, humor en pezas creadas para un mundo cotián utópico ou dramaticamente realista.
Ao saírmos do Centro de Arte, a paradoxa. Mentres centos de familias entraban á pista de xeo nós decatámonos de que foramos os únicos visitantes nesa tarde a un dos centros de arte contemporánea máis interesantes do Estado. Pasearamos sós, durante dúas horas e media da tarde dun domingo, unicamente acompañados da vixiancia do persoal das salas. Penso en toda a pasta que custou esta mostra, e que só veremos douscentos, trescentos, catrocentos tipos ao cabo deste mes e medio.
Non sei se me sinto un privilexiado ou un desgraciado.











