Restaurante Artabria: unha visión modernizada da cociña galega a prezos contidos

2 / January/ 2009

in Diario, Paparotas & Co, Roteiros


O equipo do Artabria. Foto: web do restaurante

Había moito tempo que tiña gañas de visitar o Restaurante Artabria na Coruña (Fernando Macías, 28; T: 981269646; localización), un establecemento iniciativa dun grupo de mozos de Bergantiños que, na súa carta, buscan actualizar a cociña e o produto tradicional da costa con toques de modernidade e que está moi de moda na cidade, facendo difícil conseguir reserva as fins de semana se un non se espabila. Así que hoxe pasámoslle polo lugar e pedimos o menú degustación. Se o pides, mellor que veñas con fame, porque desa cociña saen pratos e pratos sen misericordia.


Cestiña de zamburiñas con crema de nécoras, Chipiróns con puré de pataca e Leitón ao Forno. Fotos: Sole

Comezamos cun aperitivo da casa, unha escuma de millo con musliño de codorniz (ben), e seguimos con salmón con tartar de langostinos (un prato sinxelo, fresco e moi efecivo). Posteriormente, chegou o prato máis famoso da casa: a cestiña de zamburiñas con crema de nécoras. Un prato dunha enorme contundencia, no que a masa brick envolve un zarragallada de excelentes zamburiñas. Non está mal, pero peca de excesos, ao meu ver: o bolo é tan grande que, por forza, enchoupa no aceite e, ademáis, provoca temperaturas irregulares nos ingredientes do interior. A crema de nécoras, pola contra, concentra todo o sabor do marisco con elegancia. Seguimos cuns chipiróns con puré de pataca (excelentes) e rematamos cun cochinillo ao forno con patacas panadeira e puré de mazá (o porco forneado a un bo punto, pero a guarnición, con patacas máis cocidas que fritas e un puré bastante frío non acompañaban ao taco ben). De postre, un tocinillo de céo con callada, salsa de arandos e chocolate (ben, pero a salsa de arandos para min non tiña lugar no prato). Este abundante menú degustación (27 euros, ive incluído), máis un Lagar do Cigur Barrica 06 (un tinto de Valdeorras que ensambla a mencía cos toques tostados da madeira), cafés e gotas, quedou en 32 euros por cabeza, entre tres persoas. Si, aínda que pareza incríbel, todo iso por só 32 euros.

O Artabria non está nada mal. Con eses estupendos prezos que parecen máis do ano 2007 que de hoxe en día consegue captar unha ampla clientela na cidade que busca comer ben unha cociña con gran calidade no produto, toques de modernidade, un bo e rápido servizo e sabores de orixe tradicional, aínda que ás veces algúns pratos parezan buscar innovar por innovar e resulten algo excesivos. A adega, correcta, conta cunhas oitenta referencias a prezos asequibles. Fáltame probarlle os peixes, pero iso seguro que o farei o vindeiro día que volva. E volverei, sen dúbida.

Pantagruel ofrece outra visión.

{ 1 comment… read it below or add one }

an 3 / January/ 2009 at 12:32 am

Que boa pinta meu deus…quee boa pinta. saúdos e apertas

Deixa un comentario

Previous post: O espectro OMG-WTF

Next post: ScreenToaster, un útil gravador de screencasts