Un ano de Capítulo 0 (e xa van cinco)

Last updated on 31 / Decembro/ 2008

Acabamos de cumprir cinco anos de Capítulo 0. Este 2008 foi un ano intenso, intensísimo, por moitos motivos. E o blog tamén rexistrou algúns deses momentos. Quería publicar un Best of (totalmente persoal, por suposto) do que foi 2008 en Capítulo 0.

Ao facelo, decátome de dúas cousas moi relevantes que pasaron no blog: a primeira é que comeza a ser un pequeno universo persoal, bastante coherente. É como unha novela que nunca remata, pero cun estilo recoñecíbel e coherente en cada capítulo. A segunda é un motivo de orgullo íntimo. Xa non é un blog exactamente meu. Non se pode comprender sen as persoas que me acompañan no camiño. Nomeadamente Sole, no aspecto fotográfico, todos os Xurxos, meus amigos e irmán, os blogastrónomos, máis xente que me atopo no camiño, xente que coñezo a partir de aquí. Capítulo 0 xa é un relato colectivo, unha faísca común no pequeno universo dalgunhas xentes. Mirando o ano digo: fumos felices. Vivimos moi intensamente. Así sigamos o vindeiro 2009. E vós tamén.

Xaneiro

1. Nace o Código Cociña. Hoxe xa están subscritos 189 blogs gastronómicos de todo o mundo. O Código está traducido a sete idiomas.
2. Realizabamos o documental web Coas Nosas Mans.
3. Comiamos en Arzak.
4. Diciamos adeus.
5. Presentabamos a Hooverphonic (e desde aquela escóitoos moitísimo).

Febreiro

1. Coñeciamos a The Gift.
2. Descubríase o acubillo dun guerreiro castrexo na Pobra do Caramiñal.
3. Dabámonos unha homenaxe de lamprea en Catoira na V Xantanza.
4. Celebrábase o Fórum Gastronómico Santiago e o I Encontro de Bloggers Enogastronómicos. Con Ferrán Adriá entre nós e moitos máis. Non está nada mal. Os blogs gastronómicos aparecen nun montón de medios, como A Nosa Terra:
5. Comiamos calçots enxebres en Arzúa.
6. Coñeciamos o Soto das Anduriñas.
7. Saen os gañadores do World Press Photo 2008.
8. Conversabamos sobre libro dixital en Vigo.
9. Mirabámoslle á cara a un xudeu en Cabanelas, e tamén coñeciamos o Arenteiro.
10. Comezábase a falar da web 4.0.

Marzo

1. Corriamos diante dun can en Amandi.
2. Metiamos WP 2.5.
3. Entrabamos con Bert Teunisen dentro dos fogares rurais galegos e subiamos polo Douro, no Sur do noso Sur.
4. Descubriamos os xogos de Tale of Tales.
5. Arthur C. Clarke despedíase.
6. Atopabamos os cabezóns na casa das Tías Casildas e a Excalibur, agochada en Amoeiro.
7. Tres tintos galegos superaban por primeira vez os 90 puntos Parker.

Abril

1. Tim O’Reilly comeza a falar da ‘computación nube‘.
2. Coñeciamos a Fábrica de Vilanova e o talento emerxente de André Arzúa.
3. Liamos Os Bárbaros, de Alessandro Baricco. Un must. Sen dúbida.
4. Xurxo Mariño publicaba Po de Estrelas.
5. Descubríase a ruína do Pazo de Goiáns, subiamos ao castelo de Sarracín, viviamos un espellismo temporal no Pazo de Oca.
6. Coñeciamos os organismos literarios de Stefanie Posavec.
7. Constatabamos que hai fotografías que poden ser novelas.
8. E descubriamos a nova identidade vinícola de Uruguai.

Maio


Explorando un río subterráneo from manuel gago on Vimeo.

1. Falabamos con agricultores sobre comercio electrónico.
2. Andabamos os vellos camiños de Tordoia.
3. Redeseñabamos culturagalega.org.
4. Flipabamos co novo edificio e o menú do Pepe Vieira.
5. Explorabamos un río subterráneo e as bóvedas ciclópeas do castelo de San Felipe.
6. Clases de mafia: como ser un Capo das Copas.
7. Eduardo Galeano presentounos Espejos.
8. Queriamos ser como Darío Fo.
9. Cismabamos sobre blogs e comunicación interactiva na UDC.
10. Camiñamos (e camiñamos, e camiñamos) ata o Teixedal de Casaio. E nos emocionamos. E denunciamos a agresión das louseiras ao macizo de Trevinca.
11. Aparecía o marabilloso Goliardo Caíño.
12. E falabamos de…animaldroides.
13. Continuamos (hoxe) a buscar o Gran Castelo dos Churruchaos que descubrimos aquí.
14. Viamos a evolución ambiciosa da gastronomía de Gonzalo Rei en El Mercadito.

Xuño

1. Nacía Claudia.
2. …e Londres inundábase nunha utopía artística.
3. Visitabamos o mundo íntimo de Cía&Foto.
4. A xente de Axena comezaba o seu blog.
5. ¿Viños galegos de primeiro ou de segundo ano?
6. Pero Belesar é unha das máis fermosas paisaxes do viño de Europa.
7. Os editores de medios xa falan de información commodity.
7. O sacristán do Incio cóntanos a lenda da cadea do perdón.
8. Practicabamos cetrería na Pobra.
9. Pontificamos sobre as tetas das Nereidas de Samos.
10. Servando Barreiro cóntanos desde Berlín os cacharros electrónicos que fabrica para ser VJ.
11. Comiamos á mesa dos actores de Teatro da Mangiare.
12. Coñecemos os proxectos máis interesantes de viños do Ribeiro na VI Xantanza.

Xullo

1. Perdidos na marabillosa Bretaña e buscando graffiti medievais nos mosteiros rioxanos.
2. Participamos no programa de excavacións do castro de Neixón.
3. De xurado de Santiago(é)Tapas.
4…E ponencias en cursos de verán, mesmo en Celanova.
5. Publicamos as masas líquidas en Búsola.
6. Entramos a fondo no curro de Sabucedo.
7. Empezamos a colaborar no novo programa gastronómico da Radio Galega, Come e Fala.
8. Flipamos co novo menú e planteamento de Casa Marcelo.
9. Empezamos Outromundo…pero se nos acaba a inspiración antes de comezar.

Agosto


A piragua from manuel gago on Vimeo.

1. Ouh, o monte Saint Michel.
2. E somos dos últimos clientes de Olivier Roellinger.
3. Gustaríame tocarlles cancións de pedra ás sereas de Sizun.
4. Descubrimos o encanto de Soria e de Tiermes.
5. Retocamos o deseño.
6. Traemos unha piragua polo deserto.
7. Flipamos cos irmáns Morvan.

Setembro

1. Un pazo no medio da Fraga da Casa do Gado.
2. Google predi a vindeira Internet.
3. Revelamos petroglifos na noite de Muros.
4. Camiñamos entre os ofrecidos das Mortaxas.
5. A mestizaxe gastronómica entre Canarias e Galicia é posíbel. E está en Santiso.
6. Denunciamos a situación do Roteiro Frai Martín Sarmiento en Cerdedo.
7. Convídanme á abstinencia sexual na aldea de Filgueira.
8. Convertimos o Claustro de Fonseca da USC nunha enorme estrutura virtual.
9. O follón Toñi Vicente. Colineta e Capítulo 0 se complementan para ofrecer análises da situación en plena crise mediática.
10. Viaxamos ao Reino da Frouma.
11. Sole comeza ISO400.
12. Comeza a rodaxe de Voando a lombos de falcóns.
13. Google presenta o seu navegador Chrome mentres segue financiando Firefox.
14. Viaxamos no tempo para cear na Igrexa da Madalena de Ribadavia, despois de asistirmos a unha voda xudea.

Outubro

1. Adeus, Anxo.
2. Creamos un microclima gastronómico a base de cocido.
3. Dámonos de fronte co enigma de San Mamede do Castro.
4. Coñecemos a cociña do Chef Rivera e Alejandro a través do seu soberbio menú de caza.
5. Tertuliamos no Salón das Denominacións de Orixe e Delicatessen de Vigo.
6. Ímonos vendimar á Rioxa.
7. Andrés Milleiro fálanos sobre GalizaID.
8. Coñecemos a cociña de Pía Lago en Cee, antes de que pechara.
9. Chris Anderson perfecciona o seu modelo sobre contidos de balde na rede.
10. ¿Que dirías que é un viño fino?
11. Coñecemos a xeografía mítica dos chans de Fisterra e Moraime. Acougamos cando chega a noite a Muxía.
12. Falamos sobre vídeo na web para AGAPI.
13. Coñecemos a Gonzalo Gonzalo e os seus soños enolóxicos para a Rioxa.
14. Aínda hoxe sigo a buscar a tumba da Orca Vella.
15. Pensamos no tabú dos cogumelos.
16. A Domus convídanos a ver Dinosauros.

Novembro

1. Falamos no II Encontro Profesional de Historiadores da Arte de Galicia.
2. Atopámonos coa neve nos camiños de Aciveiro e o Candán.
3. En Alvidrón nos facemos un test de Rorschach.
4. Rubén Bastón comeza Banqueando.
5. Preséntannos unha nova marca de carne: Vac.1., con Berasategui e Flavio Morganti.
6. Pepe Vieira obtén unha estrela Michelín. E Toñi Vicente perde a súa.
7. Mergullámonos na brétema nos camiños dos Ancares.
8. VII Xantanza de Blogastrónomos nos Ancares. Gran momento caza e casa.
9. Un safari de lepiotas.
10. ¡¡Nace The Wine Codex!!
11. Nunca sairei nas fotos como Obama.
12. O primeiro viño moderno do Barbanza, e da miña vila, está caralludo.

Decembro

1. Seguimos o rastro dunha manda de cervos de hai catro mil anos
2. Atravesamos montañas de neve para chegar á mina romana da Toca.
3. Na Ponte Taboada, un reloxo de sol chíscanos os ollos desde o pasado.
4. Nace Galicia Gourmand.
5. Coñecemos ao señor Antonio Gude e os seus manuscritos persiánicos.
6. Andamos cun Samsung Omnia.
7. O Grupo Nove preséntanos unha imaxe nova: agora son Big Band.
8. Flipamos no Atelier de Joel Robuchon, en París.
9. Métennos na historia da gastronomía galega.
10. O Louvre. E os seus secretos. E practicamos o parisismo.

26 Comments

  1. danielo
    30 / Decembro/ 2008

    Que dure!

  2. 31 / Decembro/ 2008

    Moita saúde para o novo ano.
    Parabéns e moitos recordos.

  3. Arturo
    31 / Decembro/ 2008

    A gloria. Isto é a gloria. O vídeo da piragua en agosto levanta a paletilla ao máis cenizo. Grazas, amigos!

  4. 31 / Decembro/ 2008

    Parabéns! A ti si que che cundiu o ano…

  5. REFLEXF4
    31 / Decembro/ 2008

    Saude,e bo ano 2.010 ( e no me trabuco)

  6. 31 / Decembro/ 2008

    Os meus máis sinceiros parabéns polo blog, considéroo un must, como ti dirías ;)
    Bó ano crack

  7. Cubeliños
    31 / Decembro/ 2008

    O 2008 foi o ano da descuberta deste blog pola miña parte. (Vouno comendo a cachiños, ñam ñam…)
    Mira que se fan cousa nun ano!!!!! Miiiimmaaaaaaaaaa……
    Parabéns e grazas por todo o que nos ensinas.
    Bo ano 2009 para ti e os teus seres queridos.
    Abur, veciño.

  8. 31 / Decembro/ 2008

    Pois a por outros cinco, para comezar!

    Parabéns e feliz ano dun Blogastrónomo algo máis novo (no dos blogs, que no outro son algo máis vello)

  9. 31 / Decembro/ 2008

    percorrendo a escolma deste ano que se esgota, dase un conta, así en visión panorámica, fora do frenesí publicador que acostumas, do estético, denso, imprecindíbel universo que constrúes cun instinto infalible e devorador. Seguindo coa metáfora de fotografías que son novelas, este blog é cultura en si mesmo, unha identidade que habería que comprimir e conservar nunha cápsula Gago que os do alén e do futuro haberán de descifrar para ser máis sabios.
    Feliz ano Manuel e feliz Capítulo 0 para todos.

  10. 31 / Decembro/ 2008

    Ademáis de felicitalo e de afirmar que ten vostede o mellor blog de Galicia, voulle preguntar: que cea está prevista para hoxe? Un blog coma a seu débelle a resposta aos seus lectores. Haberá documentación grafica?

  11. 31 / Decembro/ 2008

    caralludo o resumo, felicitovos por o tempo que levas neste conto e desexovos…outra vez, vizoso 2009. saúdos

  12. 31 / Decembro/ 2008

    Mesmo resumindo nótase a grandeza deste blogo. A conxunción das túas letras e as imaxes de Sole fanno grande.
    Feliz 2009.

  13. PabloV
    31 / Decembro/ 2008

    engádome aos parabéns “mellor blog en galego” e á demanda “que hai de cea?” de arume dos piñeiros

  14. 31 / Decembro/ 2008

    Para min tamén foi o ano da descuberta de Capítulo 0, e… bendita descuberta!

    Manolo, moitísimas grazas polo teu traballo, polo inmenso esforzo que debe de supor cumprir día tras día coa bitácora para ofrecernos algo interesante co que deleitarnos e facernos máis levadeira a rutina diaria. E todo polo amor á arte, que ten aínda máis mérito. Síntome en débeda contigo, convosco.

    O dito, graciñas polo gran labor de entreternos no día a día. Sigue así, medrando canda a páxina. Que nós xa o facemos contigo.

  15. 31 / Decembro/ 2008

    Moitas, moitísimas grazas a todos polo voso agarimo. É precisamente ese agarimo, ese “saberse acompañado” nas lecturas e escrituras, o que fai continuar e, sobre todo, o que fai divertido achegarse ata aquí e construír textos día a día.

  16. 31 / Decembro/ 2008

    Atendendo á demanda “popular”, cóntovos que imos cear hoxe. Non será nada especialmente complexo nin pensado nin arriscado. Estivemos enfermos e aínda teño á compañeira bastante pocha de bronquios, e xa sabedes que neses circunstancias o corpo non anda con moitas gañas de xolda. En todo caso, tampouco hai que deixalo deprimirse, así que temos un programiña máis que decente (creo) de pratos e maridaxes:

    Comezaremos cun:

    -Salpicón temperado de boi.
    (Ímoslle dar, por certo, o toque picante que aprendimos no Atelier de Joel Robuchon)
    -Carpaccio de polbo da pedra.

    Maridados con Do Ferreiro Cepas Vellas 07, sen dúbida un dos grandes brancos galegos.

    Seguiremos con:

    Coca de foie e mazá

    Maridado cun Ordóñez nº1 de Málaga, o máis versátil dos viños doces de vendima tardía que fai Alois Kracher.

    E continuaremos con:

    Pata de año á menta forneada e a súa guarnición

    …que maridaremos cun Cultus Boni 2003, un marabilloso e seductor Chianti que elaboran os veciños de Gaiole na abadía de Coltibuono (aquí falo do viño e se poden escoitar as campás da abadía), e que pegará estupendamente co tratamento especiado e mentolado do año.

    Para rematar, un clásico desta casa que Sole fai de marabilla:

    Tiramisú.

  17. 31 / Decembro/ 2008

    Muito obrigado. Para min que co tiramisú alá vai a bronquite.
    Vexo, non obstante, que non hai cava. He, he.

  18. 31 / Decembro/ 2008

    Feliz Ano 2009 ós dous. As fotos de Sole son perfectas para o blog. Cada vez que vemos Fotos: Sole, é como ver nos tebeos de Uderzo o de Guión: Goscinny. Unha aperta

  19. 1 / Xaneiro/ 2009

    Vaites, o teu blogue mais eu fazemos anos no mesmo dia :D

    Pois nada, já sabes, a continuar com esta janela tão variada (como o mostrador de um bar de tapas :D) e em constante reinvenção.

    (Ainda que não comentemos, bem-querido professor, já sabes que TE BIJILAMOS :D).

  20. 1 / Xaneiro/ 2009

    Os mellores desexos para este 2009 e que sexa tan bo como o pasado o ainda mellor. Apertas ao lonxe!

  21. 1 / Xaneiro/ 2009

    Parabéns polo blog, e moito ánimo e sorte para iste ano novo.
    Sau2

  22. Jose
    5 / Xaneiro/ 2009

    Noraboa. Pra min és do mais interesante que sigo habitualmente, mesmo en temáticas que non son dos meus intereses habitais. O dito noraboa pola continuidade, o máis dificil. E grazas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará