
O Black Swann
A historia parecía suxestiva, cando menos. Un conde veneciano -arquitecto, historiador, realizador de cinema- decídese percorrer en barco os antigos dominios do imperio veneciano dos seus devanceiros, desde a Serenísima ata Estambul. Ese é o Francesco’s Mediterranean Voyage que emitiu este ano a BBC e agora creo que Plus ou Viajar. Francesco é divertido, simpático, un italiano maduro de 47 anos con abundante pelo canoso, metade bufón, metade erudito e propietario dun tremendo pazo renacentista na Gran Canle (o da foto de abaixo). Non está mal, verdade?
Pois ese barco fai augas por todas partes. Segundo avanzan os capítulos, a serie tamén se devorca efectivamente nunha parodia do que podería ter sido. Francesco pasa tempestades, visita portos, adéntrase no Parnaso, comportándose case como un robot das viaxes. A maior parte dos clímax de cada capítulo soan a intento desesperado de respiración asistida e masaxe cardíaco dalgún produtor na sala de montaxe. Sempre é o mesmo esquema de clímax: Francesco empéñase en visitar unha capela ortodoxa. Busca nunha aldea a vella que ten a chave. Métese na capela e a cámara comeza a xirar ao seu redor mentres flipa vendo os monotemáticos frescos ortodoxos (ao cuarto capítulo maldís os frescos ortodoxos e as iconas da Virxe). Pouco despois, o contrapunto narrativo nalgunha situación divertida (subir en burro ou beber algún alcol local e durmir a resaca no barco ante a burla da tripulación). Ese Mediterráneo bravo, no epicentro da fusión, mestizaxe e conflito cultural só se aprecia desde a corrección moral dun católico fervoroso de vacacións.
Lembrei ben de veces os malos augurios do primeiro capítulo, cando o señor Da Mosto fixo que dous curas de sotana calada e sombreiro de tella foran bendecir o barco. O mellor: despois de levarnos a outra procesión ortodoxa chea de devotos, Francesco ponse serio, mira espiritual para o interior dun templo e di:
-Non sei se existen os miragres ou non, pero este lugar sobrecolleume.
Aquí van os primeiros cinco minutos da serie:
P.D.: Nada contra os católicos viaxeiros, non se me entenda mal. Refírome a determinadas actitudes morais sobre o que correcto ensinar ou buscar nunha viaxe, na capacidade de que a moral sexa máis laxa, ou máis ampla, segundo se mire, de divertirnos, corrompernos, emocionarnos, escandalizarnos ao respectable, vaia. Mil veces prefiro as honestas e calmas viaxes mediterráneas do señor Rick Stein, non é, Borralleira?



Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 






{ 3 comments… Le abaixo ou engade o teu }
O certo é que eu non che sei se sabería aproveitar unha viaxe así…por que non che sei se aproveito as miñas viaxes. Pásocho moi ben viaxando,si, e gozo con todo o que fago…pero..gustaríalle a alguén velo pola televisión? A meirande parte das veces que che vexo a alguén viaxar pola televisión déixame moi frío…Alguén tiña que inventar un bo programa de viaxes…non me pasa o mesmo co que pos neste caderno, quizais por que me resulta máis mundano…Saúdos e apertas
O estiven vendo en Viajar o outro día e vaia caradura, di.. “o estreito de Corinto, onde os venecianos vencimos sós na Batalla de Lepanto”, sós a cona
Si, alucinei con iso. Sorpréndeme que alguén se atreva a dicir iso nunha produción de tanta audiencia como as da BBC, porque te poden caer as do liño e quedar mal cun montón de público…
Deixa un comentario