Viño e cinema para alegrar o corazón

27 / December/ 2008

in Diario, Pelis, viño


Marcello Mastroianni e Anita Ekberg en La Dolce Vita (1960)

Levamos varios días de gripazo e cadro enfermoinvernal clásico. Días de reclusión, de durmidas febrís a media mañá, sen pisar rúa, falando pouco, vendo a evolución do sol polas fiestras, lendo maino e buscando a mornura das mantas, aceptando coidados. Pouco a pouco imos reaxindo, pero tras días de silenzo fica unha certa melancolía, desleixo e tristura morna, das que me gusta espertar lentamente. Probo a curalas cunha combinación directa ao corazón emocional: da adega saco un excelente borgoña Morin Père et Fils Hautes-Côtes de Nuits 2006. Non temos os sentidos abondo abertos, e aínda por iso busco un borgoña de pinot noir, para darlle humor e sorpresa aos meus sentidos atrabillados. Para os gustos ibéricos, a pinot noir sempre é unha caixa de sorpresas. Cunha cor parecida á dos rosados, os borgoñas xogan cos nosos sentidos, porque agochan potentes sensacións que nós habitualmente entendemos asociadas a viños escuros e espesos.

E, para disfrutar este Borgoña, dispoñémonos a ver La Dolce Vita. Fellini realizou esta xoia en 1960. Se non a viches, deberas xa. Se a viches, ou tes a sensación de que a viches (que a moita xente lle pasa), míraa de novo. Como todas as obras mestras, esta película acepta múltiples lecturas. A historia que conta Fellini non ten unha estrutura clásica, senón que é unha sucesión de episodios con varias tramas que se pechan e outras que, pola contra, fican abertas, narra unha historia que os críticos moralistas cren entender como de denuncia da decadencia, pero non teño claro nin que haxa decadencias nin denuncias. Unha historia da noite. Da vida festiva e sen reglas e das súas friccións coa realidade. É unha película que ten un aliviador desánimo por non adoutrinar nin moralizar. Fellini comeza a experimentar o simbolismo aquí, imaxes evocadoras, algunhas procedentes do surrealismo, coma o monstro da praia. Mentres pasan as escenas, tecidas cun sedoso e sedutor borgoña novo, como a propia La Dolce Vita, decateime de que pouco a pouco, a terapia ía funcionando. Pero é unha marabilla para ver acompañado dun sedutor borgoña que fixo o que eu pretendía que fixera: comezar a alegrar, de novo, o corazón.

Deixa un comentario

Previous post: Tostado de Valdeorras: unha realidade próxima

Next post: Photoshop no mundo real