Estampas pompeianas (I): o espello do tempo
2 / September/ 2010 – 6:18 pm | 3 Comments

Aos lugares nos que fuches feliz non volvas. Ante esta chamada á fuxida, o mellor é afrontar o reto. E descubrir na túa ollada sobre a máis fascinante cidade do mundo antigo que xa es outro.

Le a historia completa »
Home » Diario

O maldito Efecto Demo

30 / November/ 2008 10 comentarios

Quen teña feito presentacións de sitios web ou software coñece ben o Efecto Demo. Poderíase definir como un problema que acontece durante a presentación pública con algunha función do produto ou do ordenador desde o que se proxecta que antes probaras con éxito e que, no momento no que o presentas a xefes ou clientes, falla inexplicablemente. Tamén pode darse cunha dificultade técnica que un nunca vira antes ou agardaría que se producira. É unha especie de cumprimento sistemático e cruel -polo de ocorrer en público- da Lei de Murphy.

Cando non se ten moita práctica, o Efecto Demo pode resultar aterrador para o poñente. O presentador atórase -como diría a miña avoa- co problema, tenta solucionalo en vivo e en directo diante do auditorio, pero cos nervios non consegue procesar a solución correcta e os dedos móvense nerviosos entre pestanas e fiestras mentres un incómodo suor comeza a escorregar pola patilla. A situación xenera silenzos incómodos que pouco a pouco se van convertendo nunha escalada de murmurios que lle avisan ao infeliz poñente de que a presentación se dirixe directamente cara o Abismo. O incríbel do Efecto Demo é que sempre acontece onde menos o esperas e o problema só se produce durante o momento da presentación.

Teño sufrido moitísimos Efectos Demo na miña vida profesional. Unha vez, un ordenador comezou a metade de presentación a porfiar en pasarse ao modo hibernación (é dicir, apagarse), se non movías o rato cada dez ou quince segundos (a batería, por algún motivo, quedara lixeiramente separada dos contactos). Outra vez, a tarxeta de son deixou de funcionar sen explicación nunha demostración dun sitio multimedia: tiven que cravarlle o meu micro de man aos altofalantes do ordenador en plan karaoke. E máis, lembro aquela na que un servidor que funcionara sen problemas durante semanas morreu cinco minutos antes dunha solemne presentación, simplemente porque si: non había picos de tráfico, nin instalacións de software, nin nada. É dicir, por moito que verifiques todo, sempre hai unha sorpresiña no punto máis oculto da cadea de tecnoloxías que precisas para proxectar algo nunha pantalla. Hillman Curtis, o deseñador web, xa se cansou. El leva as súas animacións Flash, impresas fotograma a fotograma, en cartulinas. E a tomar por saco.

Onte pasoume a última. A presentación era nun ordenador conectado á rede via WiFi. O router estaba conectado nunha boca de rede da enorme estancia na que se realizaba a presentación. O acceso a Internet ía perfecto. Podía ver con rapidez todo tipo de páxinas. Todas? Non. No momento de cargar a aplicación que tiña que amosar, non aparecía. A única web que non podía ver era xusto a URL que eu tiña que presentar. Esa páxina en concreto só se podía ver se substituías o acceso WiFI por un acceso por cabo Ethernet desde a mesma boca e xusto coa mesma configuración de rede. É dicir, algo no aire impedía acceder a esa puñeteira web, pero permitía ver o resto da World Wide Web. Tivemos que localizar un cabo enorme entre a boca e o lugar no que estaba o ordenador. O cabo pasaba ao carón dos pés dos asistentes que, accidentalmente, enredaban no cabo e pegábanlle dolorosos tiróns que castigaban, a sete metros de distancia, o meu enganche no porto Ethernet do portátil. (Calma, Gago). Superouse case sen problemas (algúns iconos da aplicación, desde ese ordenador, agacháronse misteriosamente debaixo dunha capa e me impedían amosar unha importante función do sistema) e foi todo satisfactorio, por sorte. Pero estou convencido de que se probo a wifi esta semana no mesmo lugar co mesmo ordenador e á mesma dirección web, poderei acceder sen problemas. O Efecto Demo só se produce cando moita xente te está a observar.

A todo isto, como xa vou curtido en sucedidos do Efecto Demo, desta volta non me puxen nervioso. Lembrei unha segunda máxima na que hai que crer para contrarrestar o anterior, e que provén da experiencia das estreas teatrais. Ao final, a función sempre sae. Pois iso.

10 comentarios »

  • danielo says:

    jeje… outra cousa que falla si ou si é o proxector.
    Se non o tes preparado antes de comezar a presentación sempre che garantiza uns instantes cómodos, non é?

  • magago says:

    jajaja!

    Efectivamente. Lembro momentos inolvidables, por exemplo, tentando que funcionase un proxector cun macbook, dous aparellos que durante moito tempo non se levaron todo o ben que deberan.

    Non digamos o que lle pasou a un amigo. Tivo o enorme erro de preparar unha presentación de fondo negro e letras vermellas, pero o canón non representaba a cor vermella! A súa presentación foi unha sucesión das diversas tonalidades do negro. :-)

  • Ricardo says:

    un compañeiro meu de laboratorio, no medio da presentación da tese doutoral, sufriu un apagón de luz na facultade de Físicas… entre o nervoso que o home estaba xa antes do apagón e aquilo, a verdade é que a exposición foi caótica… nunca vin tremer tanto uns dedos ao tentar acender o PC, que por suposto entrou en modo a proba de erros tras do apagón e púxose a executar o Scandisk ben amodiño…
    … e a min tócame facer de técnico de “proxeccións audiovisuais” no concerto dun grupo bastante coñecido o día 12 en Madrid… aparentemente, só consistirá en ir pasando páxinas dun Powerpoint no momento oportuno, pero son moi consciente de que vai pasar calquera cousa imprevista…

  • xmanoel says:

    Hum… se cadra este “efecto Demo” (cando lin o título do post pensei que falabas de outro Demo, o que vive no enferno), se non (hehehe):
    1 – A aplicación que probas necesita un chorro de ancho de banda: Mal (non se deben facer aplicacións só para anchos de banda bestiais) ;-)
    2 – A nova aplicación ainda non ten a súa IP metida en todas as DNS, e entón ainda non ía. (Neste caso é interesante que teñas apuntada a IP antes de comenzar o Demo) ;-)

    Son trucos de resabidillo, xa o sei, pero oes… non esta mal ter en conta algunha de estas cousas.

  • danielo says:

    #2 que bo!!
    #3 xa nos contarás, pero vai poñendo unha cadeira ao teu lado para que veña Murphy e sente ben pertiño… ;p

  • An says:

    por fortuna, ou por desgraza, todo che pode ser, non tiven que facer máis que unha presentación, e non precisei de ordenador…asi que sonche afortunado de non ter sufrido ese efecto demo. Saúdos e apertas

  • REFLEXF4 says:

    O Demo sempre e o Demo, e actualizase ……….Ollo a o Piollo.. :-)

  • burelao says:

    o peor do Demo, é que se che meta tamén no corpo. Hoxe unha querida amiga tivo que expoñer unha presentación, e xusto despois dos problemas co PowerPoint, só podía pronunciar diversas variantes cacofónicas da palabra “acrílico”

  • magago says:

    Teño que dicir que non me dera conta da coincidencia de termos Demo-níacos. Parécenme totalmente oportunas as vosas apreciacións satánicas. :-)

  • PabloV says:

    An, non te confíes … é simplemente unha cuestión de estatística, non coñezo ninguén que logo dun número moderado de presentacións en público non tivera k sair dun apuro dos que comenta manolo.

    a solución das cartulinas, para unha audiencia de 100 persoas, non me parece moi axeitada. como fai o tipo? leva poster DIN A0 ou vainas pasando dun en un? porque os proxectores de transparencias xa non os atopas por ningures…

Deixa un comentario!

Engade o teu comentario debaixo, ou trackback do teu propio sitio. Ti tamén subscribirse a estes comentarios via RSS.

Pórtate ben. Manteno limpo. Queda no tema. Non sexas troll. Nada de anónimos vengativos nin outras trangalladas

Podes empregar estes tags:
<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Este blog recoñece Gravatar. Se queres ter un, rexístrate en Gravatar.