Un Test de Rorschach na aldea de Alvidrón


Cruceiro á entrada de Alvidrón. Fotos: Sole

A pequena, ruinosa, recollida e medieval aldea de Alvidrón, en Antas de Ulla, dá a benvida cun fermoso cruceiro popular e unha igrexa románica. Nesa igrexa está un deses segredos rurais, tan habituais na comarca da Ulloa, que converten unha pérdida desorientada nun prodixioso achado. Un dos muros exteriores da igrexa preservou -de miragre, nos din os veciños- o alucinado traballo dun albañil rural, que converteu esa parede nun revoque prodixioso de formas nalgún tempo impreciso do pasado. Si, vese unha coroa. E tamén un cáliz. E unha man. Pero, a partir de aí, a pura imaxinación obriga a interpretar alegremente as formas.

Unha vella e dous cans bourantes da casa do carón nolo confirman:

-¿E logo señor non vé vostede unha balea, un porco, un cabalo, un peixe, un xabaril aló e aló?

Por máis que miro, podería ver calquera cousa. Digamos que é un mural aberto ás intepretacións ás que esteas disposto a ter. E poden ser moitas. Coma o Test de Rorsarch, esa proba dos psicoanalistas na que intepretas unhas confusas manchas nunhas láminas. Queres crer que ves, que a un tipo mañoso se lle foi a cabeza nesta aldea e creou un universo de formas. E acabas por ver. Pero a vella dime algo máis que nos sorprende moito.

-E nesta igrexa temos outra cousa ben bonita. ¿Non ven esa figuriña de alí da esquina que cunha man tapa o cu e con outra tapa a boca?

E sinálame un canzorriño románico cunha figuriña tapada.

-A esa chámanlle a Preguiza.

E, por un momento, os canzorros medievais continúan tendo a función admonitoria que perderon, cos séculos de Historia, en todo o país. Na bonita e esmorecente Alvidrón, os canzorros aínda son virtudes e, sobre todo, pecados. E a xente dálles nomes. Pero eu continúo a mirar para a outra parede do demo.

-¿Unha balea, dixo, señora?

Por máis que miro o mural e refrego os ollos eu o que vexo é un can. Ou unha serpe. Ou un dragón. En realidade, non vexo nada. Ou o vexo todo. Se cadra aí está o truco.

O albañil debe morrer da risa alí onde estea.

A localización de Alvidrón pode verse aquí.

4 Comments

  1. 28 / Novembro/ 2008

    carafio…pois si que si…a igrexa da parroquia onde eu son non ten tanta cousa…a non ser por o cativo que apareceu enterrado debaixo do altar. saúdos…grazas pola información

  2. 8 / Decembro/ 2008

    O mundo é un pano de man. Antonte quixen seguirvos , con tecnoloxía tan punteira que se me fixe de máis, por París; e hoxe resulta que atopo as vosas pegadas pola miña aldea.
    (E cando teñades previsto voltar a Antas, facédeo saber que sempre quixen ser guía; e destas terras teño coñecemento).
    E se me permites un levísimo matiz; o nome que lle damos ó canecillo dunha man no cu e outra na boca, ainda que sinónimo, é directamente A Nugalla.

    Saúdos

  3. 8 / Decembro/ 2008

    Encantados de avisarte a próxima vez que vaiamos por Antas, Chousa.

    Pois a señora que nolo contou asegúroche que lle chamou a Preguiza. Curioso!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará