
Acontecementos a todo meter. No primeiro día oficial de publicación da guía que lles outorga unha estrela Michelín, os irmáns Cannas aproveitaron para presentar hoxe en rolda de prensa no restaurante Pepe Vieira a primeira subhasta Art & Wine Gallery que realiza a distribuidora de viños vinculada ao restaurante, María Fechoría, e que debe ser a primeira en este plan en Galicia (habitualmente, estas prácticas estílanse máis en Madrid ou noutras capitais europeas). Obras de arte vinculadas tematicamente á gastronomía (María Antonia Dans, Cabezas, unha curiosa táboa holandesa de motivos tabernarios do XVII), estraños aparellos estilo vapor-gothic vinculados á confección do viño, como ese ebulloscopio (dereita) ou a colección de tirarrollas antigos (esquerda). Os lotes de viño son espectaculares e, cando menos desde que a min me interesa o viño, non lembro en Galicia unha poxa de tal calibre, a saber: Chateau d’Yquem, ou marabillas como un Chateau Mouton Rotshchild 91, un Cheval Blanc 2002, ou un Comte Georges de Vogüe Bonnes Mares 2000, xunto outros moitos.
Tamén se poxará por unha curiosidade enorme, toda a colleita 2006 do Goliardo Espadeiro, dividida en lotes de 8 botellas cun prezo de partida de 115 euros. A adega Forxa do Salnés recuperou esta emblemática variedade galega abandonada na actualidade na viticultura comercial do país, que conservamos sobre todo a través da literatura de Cunqueiro, quen a louvou moito e ben. Esta é a primeira anada comercializada, pequenísima, de a penas 300 ou 400 botellas das que a súa maioría van para mercados internacionais. Só unhas cantas botellas quedarán en Galicia, e moitas delas venderanse nesta poxa.
A subhasta será o 13 de decembro. Máis información e descrición dos lotes en María Fechoría.



Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 





{ 0 comments… engade o teu agora }
Deixa un comentario