Anxo

31 Outubro, 2008

É curioso o xeito no que ás veces nos relacionamos coas persoas. Só falei con Anxo Rei Ballesteros, o importante escritor que inaugurou a novela galega contemporánea e que nos acaba de deixar, en catro ocasións contadas. Dúas delas foron lixeiras, circunstanciais ou laborais; coñecino nun xantar de presentación da súa novela Non sei cando nos veremos, saudeino un día de primavera cando el estaba nunha terraza da Pobra, coa súa pose revirada de non darse axacado no asento. E logo estiveron os outros dous encontros. Nin sequera os lembro en detalle. Dúas longas noites de conversa febril, procelosa, escura, mergullados no magma de fume que xeneraba ese volcán de tabaco, acompañados de gin tonics. Dúas noites, separadas no tempo, que parecían cortadas polo mesmo guión: a sensación permanente de que iamos naufragar, de que iamos devorcarnos coas palabras a un abismo e aquelo podía ser o caos definitivo; só como coas embarcacións mariñeiras fráxiles e ben deseñadas, ese supervivinte de mil noites era quen de esquivar o último embate da onda final no último momento.

A bandazos coas palabras e as copas, aquel home era un cruce entre un desterrado crónico do mundo e un eterno universitario capaz de concederlle todo o tempo do mundo á literatura do século, unha mestura entre un ególatra das súas lecturas, que xogaba á provocación dun xeito demodé, e vaidoso de aquel auditorio de butaca individual que tiña enfronte; Ballesteros podía ser iso, pero tamén, en certo xeito, un irmán que compartía, unha memoria que se quedaba contigo, unha pregunta inesperada sobre ti nunha torrenteira de alocucións. Por veces subíase á copa do seu Grampus e con esa voz rañada vía máis alá, atopábate enfronte, saudaba e interesábase. Algo así. Nada nos unía, nin amizade propia nin a través de amigos comúns. Pero era un ser único, solitario como todos os únicos, un pequeno neno eterno.

Anxo prometeume nesas dúas eternas noites un par de accións que xa non se cumprirán. A primeira, demostrarme in situ que a casa dos seus devanceiros en San Xoán da Cova, na Ulla, era o antigo mosteiro dos monxes fendedores de montes que xa ninguén atopa ao carón do pozo prodixioso. A segunda era imprometíbel, pero a súa parte de neno provocador ofreceuna como un agasallo, de xeito inesperado. Permítanme que ma garde con orgullo. Aquí non é preciso redimir a ninguén. E menos a Anxo Rei Ballesteros.

A ilustración de Anxo Rei Ballesteros é de Siro e foi publicada orixinalmente en La Voz de Galicia.

{ 1 trackback }

Un ano de Capítulo 0 (e xa van cinco) | Capítulo 0
30 Decembro 2008 en 8:37 pm

{ 0 comments… engade o teu agora }

Deixa un comentario

Podes usar estes HTML tags e atributos: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>