Moraime, a pequena catedral da Costa da Morte


Fotos: Sole

O mosteiro de San Xiao de Moraime está á entrada de Muxía, nun pequeno val. A igrexa, construída nun gran desnivel, é unha auténtica xoia do románico galego. Alguén a definiu como unha pequena catedral, e non lles falta razón. Boa parte dela foi construída durante os paróns financeiros que sufriu a fábrica da catedral compostelana durante algunhas décadas da Idade Media. Os canteiros e os mestres de obra que traballaban no Obradoiro e nas Praterías colleron o camiño de Muxía e ergueron esta pequena marabilla. No 1975 descubriron unha marabillosa fachada románica no lado sur, cunha Última Cea e fermosos capiteis que aquí se poden ver, loitas de centauros incluídas.

Aínda que non queda nada do mosteiro medieval, sobre a antiga pranta construíuse unha enorme reitoral no XVI-XVII que estivo moito tempo en ruínas e que hoxe está a ser restaurada para convertirse nun establecemento de turismo rural. Benvido sexa o novo renacemento desta pequena catedral da Costa da Morte. Neste lugar, ademáis, houbo unha pequena gran historia: foi lugar de refuxio e acocho de Afonso VII, o neno rei de Galicia, mentres o vello Pedro de Traba o protexía da persecución dos seus inimigos.

Localización en Capítulo 0 Mapas

6 Comments

  1. 13 / Outubro/ 2008

    Curioso topónimo Moraime. Algunha idea da súa orixe?

  2. 13 / Outubro/ 2008

    Na leira que está ao sur da igrexa parece ser que hai restos romanos. Seica eses anacos de tubos de pedra non son medievais senón romanos.
    A porta sur ten unha historia curiosa que máis ou menos era así: coa desamortizacióna finca que está ao sur da igrexa foi mercada por un veciño, unha filla dese señor casou cun home que emigrou a Bos Aires e non deu novas durante moitos anos, entón a señora decidiu casar con outro home e así o fixo. Dalí a algún tempo apareceu o primeiro marido e a boa da señora tivo certos problemas coa xerarquía eclesiastica até o punto de que cando faleceu non a deixaron enterrar en sagrado e tivo que facelo na súa finca (o que hoxe e a ampliación do cemiterio). A muller tamén tomou represalias e prohibiu que a xente saíra por esa porta e pasara por enriba da súa finca, camiño tradicional para o camposanto.
    Co tempo solucionouse o tema mercándolle a finca aos herdeiros da señora para facer o novo cemiterio, así ela quedaría enterrada en sagrado e a veciñanza podería acceder ao vello cemiterio polo antigo camiño. Coido que debeu ser nesa data cando abriron novamente a porta sur e atoparon a fachada, similar, aínda que máis grande, como correspondía a un mosteiro da talla de Moraime, a porta sur da veciña Santiago de Cereixo, onde no seu tímpano se pode ver a que é considerada a primeira representación da translatio de Santiago Apostolo.

    A historia da porta sur de Moraime vina fai tempo na Internet, se atopo a ligazón deixo outro comentario.

  3. 13 / Outubro/ 2008

    Makeijan, agora mesmo non lembro, pero teño visto algunha explicación toponímica do Moraime. Non te preocupes, que se me entero, mandarei dous correos, un a ti e outro á interesada. ;-)

  4. 13 / Outubro/ 2008

    Engalego, sen dúbida o cacao de fincas é un clásico. Pode que fora iso o que preservara, ademáis, o detalle das esculturas do pórtico sur, sobre todo se os comparamos cos do pórtico central do Oeste que, por algún motivo, e malia estar cubertos por ese antepórtico, están moi erosionados (algún tipo de limpeza agresiva?). Descoñecía o do asentamento romano, moi interesante.

  5. lapatianco
    21 / Novembro/ 2008

    Sobre o fermoso topónimo de Moraime ten feito algún poeta un xogo de palabras entre este nome e a palabra “amor”. Coido que foi Manuel María, que polo menos seguro ten un poemiña adicado a esta igrexia nunha escolma que teño por casa.
    Un enlace:

    http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2006/03/02/4565412.shtml

    Como curiosidade para os que gusten de visitar o patrimonio e as distintas terras do país, cando nos adros de moitas igrexas vexades lousas vellas con números gravados nelas quere dicir que o enlousado dese lugar de culto foi cambiado. As lousas que vedes son as que antes formaban o chan do templo, e os números gravados eran para identificar quen estaba enterrado baixo elas. Noutras igrexas, como a de San Domingos de Bonaval en Santiago, todavía conservan dentro as lousas cos número gravados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará