¿Que é un viño fino?

O outro día, lendo unhas notas de cata, apreciei un termo que me fixo pensar. Entre outras notas, cando se falaba da estrutura do viño, describíase como fino. E fíxome graza porque segundo a cultura enolóxica da Península, os viños finos poden querer significar dúas cousas. Por unha banda, está a acepción máis coñecida, a dos viños xenerosos andaluces. Un fino é un xerez, de cor ouro pálido, gran potencia aromática e unha gradación considerábel, que se toma nos entrantes.

Pero o termo fino ten moita máis historia e fala de algo moi interesante. Cando falamos dun viño fino e non é un xerez, referímonos a un viño complexo, cunha estrutura moitas veces lixeira, pouco concentrada, cuns taninos moderados que fan que a cor do líquido non sexa demasiado concentrada, pero abundante en aromas e gustos complexos. En Francia, por dúas ocasións neste verán, os sumilleres apreciaban a finesse dalgunha anada especial. O fino é un termo antigo: é a elegancia burguesa do século XX, fronte á potencia, aos viños concentrados, tánicos e de sabores rotundos que se impuxeron na eclosión mundial do viño de fins de século e principios do XXI. Os Borgoñas, feitos coa pinot noir, son finos, pero tamén teño atopado perfectos finos en cabernets sauvignon, tempranillos, ou nesa xoia sen explotar do noso país que é o caíño. Son sensacións de estruturas lixeiras, sabores case aéreos, que poden darse en viños que envelleceron ben en barricas non demasiado acaparadoras, conservando a carga froital pero eliminando os aspectos máis ásperos da potencia, ou en uvas que xa teñen nelas mesmas esta etiqueta de elegancia. Viños profundos, ricos, para aqueles que queren explorar ensamblaxes e bouquets hoxe en día non demasiado abundantes.

2 Comments

  1. 14 / Outubro/ 2008

    Ola Manuel, eu asocio a finura como o contrario á concentración, tanto na cor coma nos aromas, nestos deberia imperar a sutilidade dentro dunha certa complexidade claro, e nun paso pola boca elegante sen estridencias pero con fundamentos, ou algo paresido.
    O fino nun viño seria un adxectivo e nun Fino o seu nome.
    Tes falado nas crónicas bretonas dalgún tipo de elaboración tradicional (licores, destilados, etc) que por alí tomaras?

    Saudos

  2. 14 / Outubro/ 2008

    Si, coincidimos na apreciación de fino, é o que digo no post.

    Sobre a Bretaña: alí, no “día a día”, tomaba sobre todo sidra. A máis común é a Val de Rance, que é a que hai en todas partes. Pero sobre destilados e licores sei ben pouco: creo que me trouxen eau de vi e faltáronme azos para traer un patriota whisky bretón, enleado na bandeira branquinegra. :-)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará