Estampas pompeianas (I): o espello do tempo
2 / September/ 2010 – 6:18 pm | 3 Comments

Aos lugares nos que fuches feliz non volvas. Ante esta chamada á fuxida, o mellor é afrontar o reto. E descubrir na túa ollada sobre a máis fascinante cidade do mundo antigo que xa es outro.

Le a historia completa »
Home » Diario, Roteiros

Pazos e cogomelos no Camiño Vello da Fraga da Casa do Gado, en Sobrado dos Monxes

28 / September/ 2008 4 comentarios

Púxome sobre o aviso deste fermoso lugar -que non aparece indicado en ningures- o blog Sendeiros na Historia, e quedeime moi picado por visitar este sitio. Disfrutando destes bonitos días de final de setembro, puxémonos en camiño ata a Fraga da Casa do Gado, moi preto da pequena vila de Sobrado dos Monxes. Este bosque é unha preciosidade. Nalgún tempo debeu ser terra cultivada, agros, fincas e millo a encher o monte. Pero os anos envolveron todo -hai esqueletes das casas, nunha paisaxe humana xa integrada de volta ao medio natural- en frouma e, sobre todo, nunha densa trama de árbores: carballos, castiñeiros, acivros, freixos, nos que o ruído desaparece e entras nunha dimensión temporal diferente. Alguén que ama moito esta fraga da Casa do Gado decidiu tomarse a promoción turística pola man e darnos o aviso da súa existencia, da súa porta de entrada.

Ao carón da estrada xeral, pintou a man a súa interpretación deste lugar:


Fotos: Sole

Unha vez informados da suposta secuencia cultural do Camiño Vello, o paseo é vizoso. E ocorreu unha historia que pode pasar aínda en Galicia e en poucos sitios máis. Perdémonos na espesura, escollendo camiños ao azar na fraga e de súpeto chegamos a un enorme murallón cunha vetusta porta de castiñeiro no medio do bosque. Os cans bouraron, e unha muller abreu tan grande porta e pousou nunha das follas.

-Señora, ¿isto é un pazo? -preguntamos sorprendidos.
-Non -contestounos a muller- esto é unha casa das de toda a vida, das de sempre, vaia. Pazo é como lle chaman os que veñen de fóra…Para nós é a Casa da Señora.

Teresa -que así se chamaba esta muller- nacera e criárase neste pazo, filla do Mordomo que vixiaba que os labregos entregaran á poderosa Casa do Gado -o nome oficial desta mansión do XVI- unha tercia do seu traballo. A Casa da Señora pertence á categoría dos nomes íntimos e privados que as persoas damos ás vivendas de gran tamaño. A Señora enviuvou nova pero cun numeroso fato de crianzas, e recluise nesta casa con eles. Da aristócrata prole só fica neste mundo o fillo máis novo, que aínda vive aquí, ten 94 anos e seica conduce. Este último fidalgo sobrevive na ala soleada desta fermosa casona sepultada no bosque, ao carón do hórreo máis grande da zona e setos de hortensias. A casa grande vaise pouco a pouco abandonando, é un edificio crepuscular, tan bonito como melancólico.


O patio de Teresa na Casa do Gado

Teresa déixanos pasar ao patio para ver os seus tesouros, como ela lles chama. Aquí ten colgadas as antigas ferramentas de traballo destes caseiros, entre espigas de millo. Debaixo, nun arcón, ten o poñedoiro das galiñas: seica as bichas, se poden, fuxen á fraga a poñeren ovos entre os carballos, e iso non pode ser, que os leva o raposo. Abrindo unha corte, Teresa ensínanos o seu ben máis preciado: cinco porcos criados co millo que ela cultiva, moe, e as nabizas que corta escrupulosamente. Todos os tesouros de Teresa.

-Ben que che gustaría telos no pratiño a estes porquiños, eh? -di a vella.
-¿Cantos anos ten, Teresa?
-Téñolle 74 e aínda estou solteira.
-¡Pois aínda pode casar!
-Ui, non! Pois anda que non teño unha rolada comigo…
-¿Unha rolada? ¿E iso que é?
-Que pouco galego me sabes, rapaz! As roladas eran todos os fillos que tiñan unha muller. Todo o que levas detrás de ti. Eu levo sobriños…

A Teresa gústalle falar, como a toda a xente de Sobrado coa que me teño parado neste solitario concello moitas veces. Algo ten este territorio de outeiros fríos, medio montañeses, algo diferente e especial.

-A bisavoa da miña avoa -díxonos Teresa- aínda lembraba cando os carlistas botaron aos monxes do mosteiro. Lembra como ían todos en fila, polo monte do Bocelo, cara Melide.

Non está mal que a tradición oral da familia chegue ata 1834, data da desamortización que expulsou aos frades de Sobrado, a pesar do cruzamento cos carlistas -a culpa de ter memorias familiares tan dilatadas. Teresa indícanos que seguindo polo camiño da fraga chegaremos ata a lagoa que fixeron os monxes.

-¿E non me iredes facer mal, non? Mirade que nesta casa dúrmese con escopetas baixo as camas.
-Gárdeas, Teresa! Por nós pode ficar tranquila.

De novo no camiño, descubrimos outro arrinque filosófico do poeta sinalizador nos dinteis dunha casa abandonada no bosque cunha versión graffiteira do Sic Transit.

“¿Onde van as túas penas e alegrías?”, afirman estas pintadas. Realmente gustaríame coñecer a este ou esta poeta da fraga da Casa do Gado. Buscamos tantos sentimentos idos por estas fermosísimas congostras aínda usadas, coas rodeiras enlamadas.

Os cogomelos van xurdindo por todas partes. Unha festa fúnxica baixo os nosos pés.

E, ao final, saímos e ábrese a Lagoa de Sobrado, un caso único en Galicia. Gústame pararme aquí, escoitar as rás tomando o sol por riba dos nenúfares. Os patos protéxense no lugar máis recolleito. E as garzas xúntanse nun carballo como vixiantes deste tranquilo lugar.


Nenúfares na lagoa de Sobrado

Da Fraga da Casa do Gado marchamos a buscar un lugar cunha gran Historia, da grande e da pequena, tamén aquí en Sobrado, co que din de casualidade e quería ver hai tempo. Atopámolo. Pero resérvomo polo de agora, cando atope todas as claves para poder contárvolo.

Localización do Camiño Vello da Fraga da Casa do Gado no interior do post.


Ver máis grande

4 comentarios »

Deixa un comentario!

Engade o teu comentario debaixo, ou trackback do teu propio sitio. Ti tamén subscribirse a estes comentarios via RSS.

Pórtate ben. Manteno limpo. Queda no tema. Non sexas troll. Nada de anónimos vengativos nin outras trangalladas

Podes empregar estes tags:
<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Este blog recoñece Gravatar. Se queres ter un, rexístrate en Gravatar.