
A noite na Torre de Hércules, onte. Foto: Sole
A invasión das bibliotecarias que vive A Coruña -mercé a un congreso de bibliotecas públicas- tocounos tamén a nós. Subimos á Coruña para vernos con dúas coñecidas tan amantes do viño coma dos libros, ou sexa, un derroche de amor. Fumos a Matogrande a picar algo e dar un paseíño enolóxico polo país. Os seus comentarios foron un puro retrato do viño galego actual e o seu coñecemento no exterior. Primeiro, un Viña Meín na Cosecha del 64:
-¿Pero isto é un Ribeiro? Eu lembrábaos doutro xeito, como máis ácidos, como máis toscos…
Seguimos no Comarea, un local que tamén coida as referencias enolóxicas, cunha botella de Godeval Cepas Vellas 06, que espertou sorrisos segredos e satisfeitos.
-¿De onde? Faime unha idea de onde fica Valdeorras. Que marabilla de viño! ¿Godelo?¿Godello?
Mentres caían navallas fisterrás, chipiróns e raxo con patacas, pedimos un Pagos de Galir Selección Rosa Rivero; trouxéronnos un do 2004, o cal me asustou bastante. ¿Resistiría? A cor, efectivamente, xa falaba dun viño que evolucionara en botella con certa rapidez. Elas uliron discretamente, deron uns grolos suaves, e a cara volveulles a cambiar. Segundo grolo. E a louva foi alén do xesto cortés. Non tardaron as servilletas en encherse de notas a rotring. E estas bibliotecarias, curtidas nas mesas de familias de sona cultural de Madrid, colleron a cara beatífica de quen está xantando e bebendo máis que ben.
-Nunca nos falaran de que había crianzas galegos. E un tinto tan rico, tan saboroso, tan suave!
O viño galego; mesmo para amantes do viño, aínda lle queda un enorme porvir internacional e todo por amosar, e moitos mitos negativos por derribar. Agora deberiamos pensar cales son os mecanismos para chegar alí e amosar esta riqueza.



Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 





{ 2 comments… Le abaixo ou engade o teu }
Cando lin: Viña Meín na Cosecha del 64 pensei que se che fora a pinza
A verdade é que induce a confusión, pero non foi ida de olla. Para que non a coñeza, Cosecha del 64 é unha coñecida viñoteca de Matogrande.
Deixa un comentario