Google Chrome: algo máis que un navegador

3 Setembro, 2008


Viñeta do álbum de BD explicativo do Google Chrome escrito por Scott McLeod

Hai dous días ninguén sabía nada a ciencia certa sobre o Google Chrome, o navegador co que Google entra no disputado mercado dos navegadores. E hoxe á noite xa parece que está todo dito e que non se pode achegar nada novo. Levo todo o día probando o navegador: é rápido, moi rápido, e efectivamente parece que en realidade está pensado para responder con rapidez ás aplicacións web; ademáis, cumple ao 100% os estándares web. Sen embargo, na práctica, boto en falta a estrutura de estensións e plugins que ten Firefox, aínda que Google xa anunciou que existirá -como é obvio nun navegador de código aberto. En realidade, coincido con Enrique Dans cando afirma que o que está facendo Google en realidade é dar un paso máis cara o seu propio sistema operativo baseado en Internet. Algúns pasos, para os que traballamos na rede, son impresionantes, coma o feito de poder traballar con dúas sesións independentes na mesma web baixo rexistro.

A cuestión é saber se o Chrome comerá cota de mercado a Firefox ou a Internet Explorer, pero o paso inicial da instalación, importando os marcadores de Firefox, parece indicar que van pola cota de early adopters que apostan por Mozilla. Google non parece ter demasiada presa na súa distribución a nivel masivo -afirmaron que se atopa, aínda, nun estado moi embrionario- pero a súa sinxeleza e robustez pode facer que avance moi rápido por causas coxunturais, como a realidade -que eu non vin escrita por ningures, supoño que por algún tipo de pudor militante pero que teño constatado e compartido oralmente con outros usuarios- de que o Firefox 3 non é unha boa distribución do navegador. Lento, cólgase de xeito absurdo, pode consumir inxentes recursos de memoria e lévase fatal con obxectos coma o Flash. Si, xa sei que a ti non che pasa, pero a min e a uns cantos si. En canto o Chrome permita máis personalización, pode haber unha desbandada de early adopters cara este novo navegador.

O problema, como di Marcus, é que o poder de Google comeza a ser inmenso e, con independencia da súa ética empresarial, o incremento absoluto da súa cota de mercado, a través desta política de bos e “limpos” produtos, está provocando, consciente ou inconscientemente, o xurdimento do monopolio na rede e as súas lóxicas perversas -liñas de acción unidireccionais, políticas menos cautas, reaccións máis lentas ás necesidades do cliente. De feito, xa nos está traendo consecuencias bastante serias. Pero iso será noutro post.

Neste vídeo,a empresa explica a filosofía do Google Chrome:

.

{ 2 comments… Le abaixo ou engade o teu }

1 Marcus 3 Setembro 2008 at 11:10 pm

Eu sigo a pensar que o Google Chrome pretende ser unha plataforma para aplicacións web levadas ao escritorio, co que Google pretendería facerlle pupa a Microsoft (atacando ao MS Office e non ao Internet Explorer).
Probando o Chrome non paro de atopar fallos (tanto do programa como de webs que se ven mal) e os propios de Google non parecen confiar moito no seu produto (pois Analytics aínda confunde Chrome con Safari e servizos coma Lively aínda non están dispoñibles).
Coido que Google ten que facer algo máis que crear hype para que o seu produto funcione, e non esquezamos que aínda que Google ten moitos servizos de éxito, tamén ten moitos que non destacan (Flickr cómelle as papas na cabeza a Picasa, o Windows Messenger mexa polo Google Talk e os laboratorios de Google están cheos de produtos que só coñecemos os frikis). Trunfar non é todo ter boa prensa ou facer bos produtos, hai que contar tamén coa oportunidades, e parece algo tarde para sacar un novo navegador, ¿non?

2 magago 4 Setembro 2008 at 4:42 pm

Um, Marcus, non o sei: por iso cando afirmaba que se cadra Google tampouco teña unha presa especial quere dicir que, por agora, poden traballar cunha aplicación que empreguen de xeito secundario, mentres lle van engadindo funcionalidades. O que está claro é a filosofía de base: a idea do navegador como capa de interacción coas accións web. O cómic de McLeod é, desde logo, unha das expresións máis claras do que queren facer.

Efectivamente, a cota de mercado dos navegadores está moi asentada. Pero tamén é certo de que, nestes momentos, Microsoft non tiña un rival de nivel económico e comercial comparable no mercado dos navegadores, e iso non é un detalle menor.

Deixa un comentario

Podes usar estes HTML tags e atributos: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>