As dúas naturezas do Monte Saint Michel

27 Agosto, 2008

Fotos: Sole

Conduzo pola badía, desde Cancale, nesta estrada recta rodeada das naves dos mexiloeiros, e case me mato e me saio da estrada por dúas veces. Vexo a silueta de Saint-Michel, no medio desta chaira salgada inmensa, e non podo deixar de mirala. Hai algo neste lugar, non totalmente explicado, que ten un poderoso atractivo e fascinación. Se existiran os arquetipos, este sería un deles: atopo o Monte Saint Michel en novelas, en películas de ciencia-ficción ou fantasía, en álbumes de banda deseñada, en ilustracións. Atópoo en cidades fabulosas, en castelos solitarios sobre os que voan dragóns negros, en historias sobre o final da Humanidade, en colonias siderais, en historias de fadas. Escápanseme os ollos hipnotizados.

Imos máis preto.

Este lugar é tan evocador que tes que parar, e mirar, e mirar e volver mirar de novo. Esa agulla do alto da torre da basílica, emprazada xusto no centro da illa, co guerreiro alado de ouro. Esa masa arquitectónica que se superpón, ateigada, trepando polos penedos. Unha vila apréixase facendo equilibrios á beira da Abadía. Esta xente leva oitocentos anos vendendo souvenirs aos peregrinos. Hai unha xendarmería, unha parroquia, un consultorio médico.

O que non sei é se haberá algún habitante de verdade.

Mar

Nun tempo, as lendas din que isto foi o bosque sagrado de Scissy, e o monte de Saint Michel era coñecido coma o Monte Tumba. Os galos soterrábanse ao carón desa tumba que estaba no centro. O chan da badía foise tragando cos séculos o bosque, e unha marea viva no 709 afundiuno baixo as augas. Nese tempo, un bispo cristián tivo a feliz idea de apresurarse a sustituir antigos e perniciosos cultos por unha figura con poder abondo, un guerreiro, o Arcanxo San Miguel. Se algún día asomara unha ponla da vella carballeira de Scissy entre eses meandros, San Miguel voaría ata alí e talaríaa sen piedade antes que fora a máis. Non vaia ser.

Na súa superficie areosa, cando baixa a marea, se poden distinguir países, ríos, estradas, como dragóns chineses. Son sutís, un auténtico test de Koch xeográfico, que cada quen interpreta como lle peta. Algúns peregrinos atrévense a cruzar polo camiño tradicional, no medio das areas movedizas, cuestión certamente perigosa de non ir con guía. No cambio de marea, ese mundo zen esvaécese en cuestión de minutos -castelo de area- e o marchar terroso e escuro da auga borra todas as trazas dos últimos ríos que se formaron na baixamar. Se a maré é pola noite, unha ardora lene delinea a escuma das mínimas ondas que van colonizando areas e prados onde pastan as ovellas e os años que logo darán a deliciosa carne pre-salé. Por momentos, a ardora enfurece, e o mar devora terra, e as augas e os pés perezosos fuxen correndo. Alguén mediu a velocidade no XVIII, gallopando con cabalos de El-Rei canda esta marea que sube coma un raio. Case non o conta.

A máxima dimensión do turismo de masas


Turistas fan cola para entrar na Illa (poderían ir polo aparcamento e aforrar a cola, pero non se atreven)

Se nunca padeciches agorafobia, este lugar é a túa proba de lume para saber se tes probabilidades de entrar na estatística de afectados. Aínda que aturo ben situacións de opresión e masas humanas, Saint Michel desafíoume ao máximo. Non é só un dos principais destinos turísticos de Francia, senón que non existe ningún tipo de necesaria restrición de acceso. Pero non hai mal que por ben non veña. A túa visión do home, como marabilloso paso da evolución, derrúbase. Os homes, vistos en masa, somos suxeitos tan predecíbeis como as formigas.

Dáme a risa e vergoña propia cando, ao meterme nun solitario recanto que penso lonxe do percorrido da masa humana, vírome e aprecio un fermoso ángulo pétreo do mosteiro. Levo as mans ás cadeiras e reparo no chan. A herba, nun círculo de metro e medio ao meu redor, está pisada, esmagada. Aínda que agora non están, centos de persoas, das miles que pasan por aquí, apreciaron o mesmo detalle exactamente no mesmo lugar, fuxindo exactamente igual ca min da masa humana. Non hai nada que sintas en Saint Michel que non sintan tamén outras mil, dúas ou tres mil persoas ese mesmo día. Non hai centímetro no que pares no que outros centos non paren. Non hai foto que fagas que non teñan feito ducias. Non es tan profundo nin es tan lixeiro. Es un puro animal predecíbel. Aquí sábelo.

A Grand Rue -o nome debeullo poñer alguén con moita retranca, porque é máis estreita que a rúa do Franco- métese polo monte entre as casiñas da vila para subir á Abadía. A partir das 11:30 da mañá ficas literalmente atascado durante moito tempo. Se queres evitar o agobio, nada máis entrar na illa súbete á muralla e continúa por ela ata a entrada da abadía.

Teño que dicir unha cousa. Se te pos, serás capaz de facer desaparecer á xente e quedar ti só neste lugar.

A Marabilla

Le Merveille foi o nome que se lle deu, nada máis rematarse, a este prodixio da arquitectura medieval. Unha abadía que medraba en riquezas, poder e monxes nun promontorio estreito e cunha capeliña. Os arquitectos medievais proxectaron unha das obras de enxeñaría máis portentosas que teño visto. Criptas, capelas, salóns salvan o desnivel e estruturan o edificio. No nivel máis alto, ao carón da Basílica, o claustro -onde aínda se pasea a comunidade monástica cando expulsan aos turistas ás 19 h.-, a Merveille convértese nun buque aéreo no mellor estilo steampunk. Sostendo este xardín claustral do Paraíso, nos pisos de embaixo, columnas, bóvedas, criptas, pozos de polea para subir o material. Son subterráneos a moitos metros por riba do nivel do mar. É a Marabilla.

Coda: as dúas Naturezas

O Monte Saint Michel é un pouco esta foto. Aire-céo/terra-escuridade: dualidades que presiden sempre as lendas de San Miguel e un pouco todas as historias que no mundo son e foron.

Cando sube a auga, e a masa da Illa se reflicte nela, este lugar fica suspendido no aire e trabado, ao mesmo tempo, no granito dos penedos que non foron extirpados. As luces entran na Abadía como unha procesión, en fila estreita, sinalando o que queren sinalar. A terra, pola contra, outórgalle a este mundo un ciclo vital organizado polas mareas. A nosa marea chegaba ás 8 da tarde, cando a auga volve cubrir Saint Michel, os aparcadoiros de coches, e só unha lene liña de terra vincula a este lugar do Entremundo coa terra. A esa hora, ás 20 h., nace o outro Saint Michel, cheo de luces. Cada unha é celebrada polas masas humanas que (tamén á noite) veñen a ver esta marea que sube a gallope de cabalo.

E volvemos ficar mirando, e mirando, e mirando.

.

{ 7 comments… Le abaixo ou engade o teu }

1 Pablo 27 Agosto 2008 at 11:30 pm

O meu coche petou xusto no aparcamento do Monte St Michel e non me deu tempo a facer unha visita rigurosa, pero a verdade é que lendo isto xa case non fai falta ir.
Por certo, as fotos quedáronche moi boas, especialmente a última.
Saúdos.

2 frikineka 28 Agosto 2008 at 12:34 pm

K maravilla …

3 roberto gago 28 Agosto 2008 at 7:55 pm

hola manuelgago, has visto y estas contando muy preciso la belleza de esa famosa bahia y el monasterio/abadia, desde rapaz he conocido de su majestad y belleza y el famoso reflujo de las aguas,mareas. El hombre, hoy trata de hacer construcciones muy altas carentes del valor artistico y que no son perdurables como esta por varios siglos!!!!no tracendemos en lo humano y en la tecnologia habria que discutir muy a fondo para que pase un examen esas modernas joyas aquitectonicas?excelente el uso de medios auxiliares en tu blog: maps y videos-fotos , adelante y con buen tiempo como en la mar!!!

4 paideleo 28 Agosto 2008 at 11:34 pm

Unha reportaxe excelente !.

5 magago 29 Agosto 2008 at 8:34 am

Moitas grazas, señores! Malia todo, é imposíbel recoller todo o que este marabilloso lugar dá de si…

6 PabloV 29 Agosto 2008 at 2:19 pm

Caralluda reportaxe, coma ven sendo norma da casa, manolo!

nós tamén estivemos en bretaña este verán i en normandía e no macizo central, todo coa excusa de ver o mont saint michel… pero choveunos … e non fomos quen de voltalos a todos fora coma dis ti que se pode facer e quedarnos nos solos co monte, quel dommage!

tesme que pasar a segunda foto, a de mais perto para poñela de fondo de escritorio, xa que as nosas non lucen tanto :)

7 magago 29 Agosto 2008 at 2:24 pm

Pablo, o de botalos fóra conséguese unicamente na mente, pero é o único xeito de sobrevivir nesa marabunta turística… Vén sendo como illarse e conseguir ler no metro en hora punta, hai xente que o consegue.

Pola tarde mándoche esa foto de Sole.

Deixa un comentario

Podes usar estes HTML tags e atributos: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>