Barnenez: unha colonia de dólmenes

Se por algo destaca a Bretaña é polos seus famosos megálitos. Todo o país, e especialmente certas áreas costeiras, está inzada de monumentos da sociedade precéltica que vivíu aquí hai catro mil anos e pico. Hai un detalle moi curioso aquí, que paso a contarvos para comprender ben este lugar fantástico que é Barnenez. O tipo de megálitos (dólmenes, menhires, mámoas, etc.) que existe na Bretaña inscríbese dentro do que se chama o megalitismo atlántico. É un estilo propio dentro do megalitismo europeo, e defínese pola similaridade formal dos monumentos a través de territorios moi distantes da costa, desde Portugal, Galicia, o País Vasco ata a Bretaña e as Illas Británicas. O interesante é que sabemos que ese estilo -e se cadra algúns colectivos humanos- difundiuse a través do mar, de aquela unha vía de comunicación máis segura e rápida que a terra. A través da comparación dos tipos de dólmenes, e mesmo da cerámica que se atopa nestes monumentos, sabemos que hai catro milenios existían redes comerciais ao longo do mar.

Non hai que imaxinarse grandes cargueiros, por suposto. Os arqueólogos pensan que era unha navegación de cabotaxe: navegábase durante o día e procurábase o abrigo da terra para pasar a noite. Sen dúbida, aínda así, serían no momento auténticas viaxes épicas, pero non hai que imaxinarse a un heroico antecesor de Breogán subindo ata Brest cruzando o Atlántico a peito, senón viaxes máis curtas que, pouco a pouco irían expandindo tipos de cerámica e mesmo motivos de dólmenes.

E este é un dos detalles interesantes. Cando visitas os dólmenes, cairns, menhires, cromlech bretóns tes a sensación de que son coma os nosos, pero coa escala multiplicada por dous ou por tres en moitos casos. Cambian as dimensións, pero existe o mesmo tipo de cámaras dolménicas, corredores, etc. Os megálitos galegos e bretóns comparten tamén unha teima destas sociedades prehistóricas: instalar estas tumbas e recintos en lugares de gran visibilidade, en lugares estratéxicos desde o punto de vista da representación. Aínda hoxe, en Galicia, moitas parroquias seguen a estar limitadas ou demarcadas por campos de mámoas, instalados no alto dos montes, nas divisorias de augas, etc. Non quero dicir que existan as divisións territoriais desde época prehistórica, senón que eses lugares, eses túmulos, seguiron sendo útiles noutras épocas históricas, como a Idade Media. Eran mortos moi vivos.

A montaña de cachote de Barnenez. Fotos: Sole

Dito isto, imos con Barnenez. Este lugar, no alto do outeiro, é como se colleras once dólmenes de dimensións galegas e os cubriras todos con toneladas de cachote, de pedra pequena, disposta como en grandes gradas ou terrazas. Unha auténtica colonia de dólmenes, con cadanseu corredor e cámara, sucedéndose nesta montaña artificial. O lugar, que é único no mundo, impresiona. Nos anos 50, un construtor veulle as posibilidades ao monumento como material de canteira para as casas que ía construír, e armando a paleadora, serviuse con graza dunha banda desa montaña de pedrugallo, ata o punto de que chegar ata as cámaras dolménicas. Parárono a tempo e o lugar pasou ao Patrimonio Nacional, pero pouco lle faltou. Como non hai mal que por ben non veña: hoxe non deixan meterte polos estreitos corredores de acceso aos dólmenes, pero podes ver uns cantos por atrás mercé ao dinámico construtor.

Cámaras dolménicas no medio do cairn, que foron abertas polo castrón do construtor nos 50.

E aquí vén o segundo detalle interesante. ¿Recordas o que dicía da ubicación estratéxica das mámoas en Galicia, entre montes que separan territorios, pensadas para ser visibles desde moi lonxe? Tamén pasa en Barnenez, pero doutro xeito particular. Esta gran montaña de pedrugallo estaba disposta para que se vira, pero non polos pobos da redonda, senón desde o mar. O gran túmulo érguese nunha península entre rías de pouco calado.

¿Daría Barnenez a benvida a eses heroicos navegantes do Neolítico?

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará