Locronan: viaxe a un século XVI perdido


Fotos: Sole

Antes de falar de Locronan, teño que contar un sucedido meu en relación coa Historia que explique a miña percepción desta aldea bretona. Así que vai un ladrilliño.

Hai moitos anos fun cubrir a rolda de presentación do libro Galicia en la época de Felipe II, que editara a Xunta de Galicia sumándose aos actos estatais de celebración do cuarto centenario da morte do rei e que editara o catedrático de Historia Eiras Roel. Durante a presentación algo me escamara bastante: mentres Manuel Fraga se estendera nas glorias imperiais do monarca, facendo un panexírico da política internacional do Imperio español, o catedrático tentara cinguirse ao obxecto do libro e analisar na súa presentación a relación do monarca con Galicia. A xulgar polo que contara Eiras Roel, eu fixérame a conclusión de que o interese do rei con Galicia fora basicamente inexistente. Que pasara de nós, vaia. Nun libro panexirista e seguidista como aquel, os dous feitos máis notábeis que foran capaces de atopar para louvar a gloria de Felipe II en relación a Galicia era que embarcou aquí unha vez camiño de Inglaterra e que se preocupou pola reforma dos xulgados da Coruña. E xa.

Uns descapitalizados (literal e metaforicamente)

Simplemente hai que percorrer hoxe as nosas cidades para amosar a evidencia dos que despois se chamarían os Séculos Escuros: ademáis da destrución que poden ter feito os anos e as expansións urbanas, o XVI adoita ser un dos periodos máis silenciosos do noso rico patrimonio arquitectónico, e iso non é máis que un indicador do que acontecía en moitos niveis. Arrastrabamos unha crise de cabalo desde o século XV, cun colapso económico de gran calibre, en plena turbulencia da sociedade feudal, e que rematou coa instauración da hexemonía castelá despois da intervención militar dos Reis Católicos, a decapitación de Pardo de Cela e o último episodio, tan resistente como esquencido, de Caldaloba. Eramos unha sociedade descapitalizada a nivel social, cultural e político que non puido responder ao que podería ter sido un dos grandes momentos da súa Historia: aínda que ao longo do XVI se apreciu unha recuperación económica -coma en boa parte de Europa-, non foi abondo para aproveitar con garantías o auxe do comercio marítimo e a puxanza económica no sector téxtil. A decisión castelá de monopolizar o comercio coas Indias en Sevilla foi un dos maiores erros económicos dese Estado nacente, que despois pagou con creces, e que a nós afectounos moito.

Oportunidades perdidas

Galicia estaba nunhas condicións xeográficas impresionantes para que os seus portos entraran de cheo nesa corrente de comercio internacional que se estaba a formar ao longo da Europa atlántica; ese comercio comezou a producirse, fundamentalmente enviando salgazón, viño do Ribeiro ou algunhas materias primas, así como unha nacente industria téxtil. Sen embargo, cando Felipe II iniciou as hostilidades con Inglaterra, os mercaderes galegos atoparon moitas dificultades para facer viábel e rendíbel ese comercio. O certo é que a riqueza derivada desa expansión, o incremento dunha burguesía cada vez máis potente, aquí non se apreciou con facilidade. E, ao non aparecer esa burguesía, a configuración urbana galega se modificou ben pouco durante o século, a diferencia de todos eses lugares.

…e viaxamos ata Locronan

Conto todo isto para falar de Locronan, unha aldeíña próxima a Quimper que, ao mesmo tempo, é a consecuencia oposta da Historia que che contei.

Na Bretaña, no século XVI, aconteceu todo o contrario de Galicia. Situada no mesmo epicentro atántico, a Bretaña dispuxo de moitas facilidades para o exercicio comercial. Con moitísimos cultivos de liño, como Galicia, puido desenvolver unha industria textil dunha certa entidade. E as viliñas comezaron a medrar e a facérense ricas. Facendo evolucionar o modelo medieval, os bretóns occidentais comezaron a levantar novas casas de granito, a enriquecer as súas igrexas cun estilo arquitectónico que os canteiros populares teimaban e teimaron durante séculos en seguir facendo, coma os nosos canteiros, atemporal, románico, popular e primitivista, de caras e pernas gordochas, conservando o humor dos anónimos artistas medievais.

Ao pasear por Locronan, un sinte certos calafríos históricos. Esta pequena aldea de pedra, coma un decorado, foi o Renacemento atlántico, unha versión rural dos fulgurantes ventos de cambio urbano e social que proviñan de Italia, enriquecida polo liño, o comercio e a agricultura. Casas rexas de pedra, con galanos, chiscadelas e símbolos máxicos protectores, como esas cabezas tamén tan abundantes en Galicia, muros de hortas con soberbias portas. Locronan é o noso século XVI perdido: unha vila de ensoño extraordinariamente ben preservada, como unha fotografía dun tempo decisivo. Esta aldea de burgueses orgullosos podería terse construído en Galicia no Renacemento, pero a cadea da política deixóunola en Bretaña para mirala cun sorriso nostálxico.

Tradución: “Fixese que a porta está moi, moi baixa!”

2 Comments

  1. reflexf4
    20 / Agosto/ 2008

    Que ben conservan o seu patrimonio, e unha magoa que por aqui moitas veces vexamos o abandono e a desidia, a menos que se trate de medrar co ladrillo.

  2. reflexf4
    20 / Agosto/ 2008

    Lembrome agora, respecto a o letreiro, dunha viaxe que fixera a NewYork, e ante o cual nuha inmensa explanada, tiñan posto un taboeiro de fimapan, cun buraco no medio en forma de ovalo, o cal habia que traspasar, dado que hacia el beirabano unha pasarela feita con cabos…..Despois da sensación de absurdo e curiosidade, dinme conta que o seu significado era o mesmo que o do letreiro…Coidado perigo de chichons….Soio que en este caso, non tiña letras que o advertía, o cal incrementaba a miña curiosidade…Ata que despois de seguir po la explanada , acabei metido no interior dun submarino, e enton vin a similitude daquel burato, cas portas internas do submarino, que semellaba a escala real. Supoño que no caso dos yanquis, o que maís protexian, sería o evitarlle calquer tipo de pleito, ou reclamación a que son tan afecionados…Mais que a protección contra o posible chichon….
    Quedome co voso letreiro mellor, se fosen outros tempos non dudarían en poñerlle outra siñal…Obrigacion do casco….
    Saudos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará