Calvario e igrexa de St. Guimiliau. Fotos: Sole
Osario de Sizun
Interior de Guimiliau
Pecadores, mercaderes, condenados, feligreses, labregos de mal vivir e doncelas de bo vivir, putas e demos, diaños salvaxes, soldados sarcásticos, princesas e raíñas, arcanxos salvadores, amantes e mendigos. Pasan as súas figuras apelotonadas polos nosos ollos. Lemos no aire, lemos nestas esculturas dos enclos. Estas parroquias, que teñen por santo patrón a humanos que a igrexa non recoñece oficialmente como santos: misioneiros bretóns chegados de Gales, de Escocia, de Irlanda ou de Inglaterra canda os barcos destes celtas fuxidos das Illas.
No Alto Finisterre, aparecen por todas partes os enclos, os recintos parroquiais que dan carácter a esta parte do país. As comunidades labregas construíronos nos séculos XVI e XVII, aproveitando a mellora económica. Son pequenos complexos relixiosos que, en si mesmo, conteñen todo o sentido relixioso destas comunidades: un osario -ás veces con cripta-, un calvario, unha fonte sagrada, o cemiterio, a igrexa e, se cadra, dentro da igrexa un batisterio en madeira ricamente tallada. Son templos característicos, estes bretóns: na fábrica actual, erguidos cando o gótico vai rematando, cheos de altarciños, columnas, e órganos barrocos elevados que, coas súas columnas de madeira de carballo por único sostén, son coma monstros musicais errando pola nave. As torres, altas para lucilas fronte ás outras parroquias.
Os enclos son fascinantes, un prodixio da arquitectura popular. Mentres nos osarios a fachada é culta, parece un recinto irreal, como deseñado a partir das pinturas e dos estudos en perspectivas renacentistas, coma o de Sizun. E chegamos a Guimiliau, que ten o mellor calvario da Bretaña. Pasmo tempo e tempo coa caluga encostada.




Son cruceiros complexos, que contan cunha narrativa popular escenas da paixón de Cristo na que intercalan motivos populars, admonicións específicas desa parroquia. Os santos dos calvarios seguen esa factura dos canteiros anónimos que segue unha liña similar desde a Idade Media ata o século XIX, de caras repoludas e faccións bastas e definidas.


Vestíbulo da igrexa de Guimiliau
Moitas das igrexas contan cun espectacular vestíbulo de entrada. Concebido como a antesala do reino dos ceos, é unha explosión policromada de santos a ambas as dúas partes. Frisos alegóricos percorren a zona inferior. E, de fronte, a Virxe ou Cristo rodeado do santo patrón parroquial. Poderías pasar horas nestes recintos.
Cripta do osario de St. Thegonnec
Os osarios perderon a súa función, transformándose en pequenos museos parroquiais, nos que se mesturan cruces e casullas con etnografía doméstica e agraria. Sempre é o mesmo esquema: postais, dúas vellas da parroquia facendo garda, berces de nenos, vellas fotos da aldea.
O de Guimiliau, para nós, é o máis fermoso e complexo e, o seu calvario, un prodixio da narrativa popular, cheo de escenas, actitudes, xestos, estatuas que dialogan entre si desde hai séculos.



Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 





{ 5 comments… Le abaixo ou engade o teu }
Son maravillosas, non me extraña que un pudese quedarse horas, enganchado observandoas. Me chama a atencion o detalle, que nos aportan as vestimentas e outros adornos, nos personaxes que reflexan,.Canta riqueza, expresada a traves das pedras. Gracias por compartir con nos, tanta belleza. Saudos.
certo, fermosísimas as imaxes e moi boa a contextualización histórica. es un templo de sabiduría, :D. .
fantásticas fotos e non menos a narrativa, pasas directamente aos favoritos do meu blogue, teño unhas gañas tremendas de visita-la Bretaña dende hai moitos anos, este ano tocou Irlanda, pero agardo por poder visitar Escocia e por suposto Bretaña, Quimper, Brest, Lorient.
Unha vez máis, parabéns polo blogue.
Grazas, Breogain.
Abraiante!!!
Deixa un comentario