Trampa pícara na Pointe du Raz

18 Agosto, 2008


Fotos: Sole

Andas e andas por dentro e cara o Oeste do país bretón, e as estradas, tras Quimper, vanche levando pola península de Cornualles, departamento de Finisterre. Alí, en Plogoff, ao final, está o Pointe du Raz. Non é a punta máis ao oeste de Francia, pero posiblemente a más dramática. O promontorio adéntrase no mar e os cantís vanse facendo altísimos. Na punta, pode verse a forte oleaxe e como o faro de La Vieille, nas rocas, sobrevive ás fortes correntes e enormes ventos. Confundido co mar e as escumas, ao fondo está a Illa de Sein.

Está chea de xente a Pointe du Raz: persoas que se veñen ata a punta. ¿Cal é o valor desta paisaxe? ¿Por que atrae a tanta xente? Con independencia de vento e olas, das que abundan por todas partes, a clave do Point du Raz é un pequeno actor que non está vivo. O faro de La Vieille. Estou convencido que o que fai fascinante esta paisaxe non é a natureza brava, senón a supervivencia milagrosa do faro no medio das correntes. ¿En que medida buscamos a natureza nas paisaxes? Lembreime do mirador da Curota, na Pobra do Caramiñal. ¿Queren os visitantes ver montañas, bosques e mar, ou recoñeceren as viliñas, a vía rápida, as luces da Ría de Arousa á noite? O segundo, por suposto. O que nos flipa moitas veces das paisaxes naturais non é a natureza, senón a presenza humana nelas.

Agarro un cabreo na Pointe du Raz. Fannos pagar seis eurazos por cabeza no aparcamento público. ¡Seis eurazos! Un folletiño que che dan á entrada afirman que este imposto revolucionario é para preservar o sitio. ¿Preservalo? A Pointe du Raz, varrida polos ventos, é un paramo de toxo e cantís. Seica a medida ten que ver con controlar o acceso á punta das enormes masas de máis dun millón de visitantes que sufriu algún ano, pero a min sóame a vil trampa de picaresca, unha vez que fas os quilómetros desde Quimper para chegar aquí. Cabréame sobremaneira. Entendo perfectamente o cobro a un museo, a un edificio que precise dunha preservación. Entendo o cobro como xeito de valorizar un espazo. Pero, ¿cobrar por un cabo, un espazo natural que precisa dun mantemento mínimo? ¿Realmente perténcenos ese espazo? ¿Con que dereitos? Se cadra algúns pensedes: tamén deberan cobrar en Fisterra! Négome. É como o mirador para ver a posta de sol que queren facer no noso cabo: un vano xeito de politizar, de humanizar algo que non debe ser humanizado máis da conta.

.

{ 4 comments… Le abaixo ou engade o teu }

1 Paco Penas 18 Agosto 2008 at 11:36 pm

Se queres disfrutar de balde das cañadas do Teide date presa. Non van a tardar moito tempo en cobrar. Xa hai propostas para elo.
Non sei a onde chegaremos con estas inxusticias.
Aínda así, disfruta que xa che queda pouco :-(

2 magago 19 Agosto 2008 at 12:47 am

Si, Paco, podo entender que haxa limitacións de número de persoas que poden acceder a un espazo natural de difícil equilibrio, pero non que se cobre, en plan pirata, por algo que non foi creado por nós nin ten un mantemento. Supoño que é a teima cada vez máis corrente de entender todo como un “recurso económico”. Non está mal que as comunidades locais se beneficien dos recursos do seu territorio. Pero no caso dos bens naturais, ese beneficio debera ser unicamente indirecto (hoteis, restaurantes, etc.)

3 Ricardo 19 Agosto 2008 at 1:03 am

Ben, en Galicia temos a subida a Santa Tegra, na Guarda, onde cobran peaxe… alomenos facíanno hai uns anos…
En Donostia tamén cobran por subir ao monte Igueldo…
Non me imaxino un posto de peaxe a carón do peto de ánimas do desvío para a Curota…

4 Moncho 3 Setembro 2008 at 8:11 pm

O mesmo nos pasou a nós este verán na Illa de Marken, ó norte de Amsterdam. 5.-€ por deixar o coche no único aparcamento existente na illa xusto ó chegar, tras atravesar o dique que a une con terra…
Supoño que nese caso, no que se trata dunha típica aldeíña de pescadores posta en plan “de bonito” para o turismo (algo así como un Combarro, pero ó estilo holandés, é dicir: ben coidado…), a pasta así “recaudada” ós turistas pimpíns coma nós será repartida entre a comunidade local, para arranxo das casas, coidado dos xardíns, etc.
Polo menos, así debería ser… pero, agora que o penso, o resto de Holanda está tan coidado, as casas tan pintadas e os xardíns tan arranxados coma nese pobo, e sen cobrar nada… así que xa non sei!

Deixa un comentario

Podes usar estes HTML tags e atributos: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>