Carnac: un paseo entre soldados malditos

Last updated on 16 / Agosto/ 2008

Foto: Sole

Karnag -así se coñece a este prodixioso lugar en bretón- é coma unha lingua estirada de pedras que se suceden entre pastos, campos e bosque. Ao longo de varios quilómetros, varios aliñamentos, orixinalmente limitados por círculos de pedra dunha banda á outra, se suceden nunha liña que vai lixeramente cara o nordeste. Liñas formadas por 4.000 menhires, ao carón dos cales sucédense dólmenes e túmulos megalíticos. Unha cadrícula, unha grella sagrada disposta non moi lonxe do mar. As lendas artúricas falan de como Merlín petrificou aquí a toda unha lexión roman; cada menhir é un soldado aínda en formación.

Masas humanas acompañan aos menhires de Karnag, desfilando en procesión kitsch de aliñamento en aliñamento. Debeu ser unha obra de centos de anos, construída de xeito paciente por comunidades que se sucederon na banda occidental do mar pequeno, do Morbihan, a ría de Arousa bretona. As comunidades posteriores comezaron a habitar no seu interior, establecendo as súas aldeas no medio dos megalitos e empregándoos como lindes dos seus agros. Un novo programa de xestión do espazo arqueolóxico está facendo que retornen os usos agrícolas ao xacemento: as ovellas pastan nos menhires de Carnac e permítense algúns outros traballos.

Se vas a Karnag, non é preciso pagar para visitar o xacemento: faino só se queres unha visita guiada explicativa. Varias rutas permiten bordear os xacementos, camiñando ao carón dos bosques, lendo estas sucesións de pedras. Primeiro comezas polo aliñamento de Menec, e segues por Kermario, Kerlescan e Pétit-Ménec. Son varios quilómetros. Ao carón, meténdote no bosque dun pazo, poderás visitar túmulos coma o de Kercado, un gran dolmen ainda cuberto do cairn, da coraza protectora de pedras, e outras estruturas megalíticas.

Karnag é o centro dunha área de especial densidade megalítica na Bretaña, con monumentos repartidos por todos os concellos circundantes. Próximo está o túmulo de Gavrinis, nunha illa en Morbihan á que hai que chegar en barco, famoso polos seus gravados dixitais, como se foran pegadas de dedos xigantes.

2 Comments

  1. chesmanei
    15 / Agosto/ 2008

    Estimado Magago:
    Abofé que non podiás ter escollido destino mellor: terra farta en música, en tradicións orais, filloas, sidra, “sprit celtique”… à l’aise Breizh! Que gocedes ben a vosa estancia, e se prouguer, unha debilidá (ou varias): Paimpol e as falesias que non ten, a costa do Granito Rosa (Porriño au bord de la mer), Huelgoat habitado de korrigans, Quimper bonito coma a louza… ai, Cunqueiro, o que te perdiches!
    Parabéns polo blogue!

  2. 15 / Agosto/ 2008

    Moitas grazas, chesmanei. Xa estou de volta, pero anotadas quedan as recomendacións para unha volta á Bretaña (que non tardará moito en darse).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará