Unha pequena estrada rural en Lebono. Fotos: Sole
Galicia, unha superficie de 29.575 km². Bretaña: 27.209 km². Galicia: 2.772.533 habitantes. Bretaña: 2.906.197 habitantes. cidadáns. Galicia, catro provincias: A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. A Bretaña, catro departamentos: As Costas de Armor, Ille e Vilaine, Morbihan e Finisterre. Sabemos ao que imos, ¿non?
Marchamos en coche desde Galicia, correndo con calma ao través das Landas, os enormes bosques de piñeiros que visten o Atlántico francés. Ao pasarmos Nantes, capital da Loira Marítima -a provincia bretona que quedou atrás durante a reorganización territorial francesa- non pasan moitos quilómetros cando de súpeto, volvémonos rir en plan divertido como nos pasou moitas outras veces durante esta viaxe pola Bretaña. Xa aparecen enormes masas de toxos devorando a estrada. Somos capaces de descodificar, de interpretar, de entender este territorio porque, en certo xeito, é o noso. Estes camiños, fontes, lugares campesiños están, dalgún xeito, recollidos na nosa memoria malia non visitarmos nunca este país. Coma cos irmáns moi parecidos, as comparacións son inevitábeis, e facémolas continuamente. Comparar, ademáis, é un dos xeitos que temos os humanos de aprender, coñecer, e exercer o criterio.
No quiosco, a prensa bretona debate sobre o Tren de Alta Velocidade. Os políticos parisinos cren que chegará sobre o 2013, pero hai auténticas polémicas sobre o tema entre o goberno, a oposición, e a sociedade, así como algo de rechifla. “Coas nosas infraestruturas sempre fixeron o mesmo en París”, asegura un columnista irado. Lémolos mentres estamos sentados no noso primeiro destino, a praia de Saint-Jacques, a praia de Santiago. A marea vai baixando, e no aire cheira a vida mariña e submariña atlántica. O solpor é eterno. Dan gañas de preparar unha dorna e ir ás luras.
Crer, non creo en espíritos inmateriais e inmortais que se perpetúan ao longo dos séculos, coma esencias da cultura, como Volkgeists independentes do andar do mundo, como crenzas e modos de ser inseparábeis da orografía da nación. Pero as semellanzas entre estas dúas fisterras atlánticas provocaron e provocan asombro e risa, non burlesca, senón familiar, risa case nerviosa. ¿Cantas desas semellanzas son en realidade un desideratum e canto hai de verídico? Non o sei, e investigalo é un exercicio en balde. O certo é que aí están: podémolas recoñecer a pesar de seguirmos historias ben diferentes, e aí está o asombro. E podemos aprender delas moito.
-¿Sodes galegos, non? -interrómpenos un home nunha fest-noz, despois de mirarnos un tempo: gustariame saber por que o supuña. “Sodes a Bretaña española”, dinos outra rapaza. “Ah, Galicia”, asegura outro rapaz, “un día hei facer o camiño de Santiago”. “Todos os anos vides a Lorient”, di outra. Dicir Galicia en Bretaña significa que non vas ter que explicar nada sobre a túa posición no mundo. Entre estes dous países que non teñen máis vínculos na actualidade que os melancólicos, os historicistas e os culturetas no dinámico mundo moderno -agás algunhas friccións marisqueiras- hai un coñecemento que non é o habitual: é o coñecemento do asombro, ao vernos e mirarnos coma nun espello. Non fixemos cousas xuntos -cando menos nos últimos mil cincocentos anos. Os nosos vínculos literarios máis fortes constitúenos algúns versos medievais, textos do nacionalista século XX galego e bretón; nada especialmente consistente, nada que poida explicar a semellanza con claridade. Non importa, está aí: unha áncora paradóxica na Historia.
Non deixo de lembrar cando consultei vellos libros de nacementos, vodas e defuncións da parroquia de Palmeira, en Ribeira; os galegos esqueceron máis a Bretaña, penso, pero se cadra na nosa Historia non foi sempre así. Ao rexistraren as defuncións dos mariñeiros, nos séculos XVII e XVIII, o cura sempre anotaba unha cidade: Brest, coma o lugar de morte dos palmeiráns oceánicos. Brest sería a nosa Illa de Nunca Xamais. Se cadra eses mariñeiros morrían no Cantábrico, ou en Terranova, a saber. Pero Brest, o gran porto do occidente bretón, era a viaxe final de moitos barbanzóns, un dato do que ninguén se lembra xa na comarca.
As comparacións son inevitábeis e lóxicas, dicía. A Bretaña é unha Galicia, pero coidada. Nunca sei se esas alturas baixas, eses xardíns, esas casiñas pequenas ben coidadas, responden a unha estrita regulamentación municipal ou á vontade colectiva, pero aí están. As estradas rurais non teñen baches. A súa paisaxe é moi similar á daTerra Cha -a Bretaña é moi plana, só algúns montes suben aos 300 metros no leste-, cunha costa que no sur sería como a Ría de Arousa e no norte e no Oeste sería como a costa que rodea Cedeira. E hai turistas por todas partes. Xente que visita cruceiros, parroquias, bosques, megálitos, castelos. En todos os sitios. Ao camiñares por estes camiños rurais, por estes cantís e illas, un aprende sobre a Bretaña, pero tamén sobre nós mesmos.
Ao longo destes días irei contando historias, camiños e paisaxes da Bretaña, a nosa irmá do norte.


Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 





{ 6 comments… Le abaixo ou engade o teu }
Moi interesante, eu viaxei pola Bretaña o ano pasado e deixei as miñas impresións do meu blog.
Un saúdo
Interesante post, Pablo.
Mui curioso.
Supoño que as diferenzas virán de que Bretaña está en Europa e Galicia está onde está.
Fantástico post, eu viaxei hai uns meses a Irlanda e teño pensado tamén viaxar á Bretaña, un lugar marabilloso no que levo pensando en viaxar unha chea de anos, tentareino facer e podendo ser coincidindo có Festival Intercéltico de Lorient
Un saúdo e parabéns polo blogue.
Pois si que desta vez había galegos na Bretaña. Mira http://www.galiciaenbrest.org ou http://www.culturamaritima.org/node/5927
Ir a Bretaña unha experiencia que ningun galego debería perder. É moi instructiva.
E xa de paso, cando te identifican como galego notas algo de complicidade na xente, como cando te cruzas cun do teu pobo nun sitio lonxe. A acollida en Brest foi moi boa, non pola organización, senón pola xente na rúa, que cando pasabamos co noso uniforme quedaban comentando “galiciennes”, pola xente do porto que axudou “mais alá do deber” e pola xente do CERC que deron o callo coma nos e que nos deron empanadas (magníficas) e tortillas para 150 persoas o día de Galicia.
Quen foi a Bretaña sempre quere volver.
Moi , pero que moi interesante reportaxe, estas a facer unha viaxe que xa me gustaría facer a min, pero dame o corpo que nunca a chegarei a facer…Saúdos e apertas a partes iguais
Deixa un comentario