Soria: Como se defendían das pantasmas da noite na fortaleza califal de Gormaz


O castelo de Gormaz. Fotos: Sole

No comedor de Casa Florencia, en Quintanar de Gormaz, o alimento é de matorral e voo baixo, todo un recetario da supervivencia nos territorios desolados. Coas contras abertas e as persianas baixas para que corra o aire, as cortinas separando as portas abertas destas casas da calor e o sol que cae á mediodía, a brisa permite disfrutar, algo na penumbra, da comida. Digo que é xantar de voo baixo, herdanza saborosa da fame doutros tempos, cando todo se aproveitaba e o que se movía era susceptíbel de ser comido. Disfruto co poderoso pisto, horta soriana fortalecida con ovo, ou coas fabas pintas; comida para fortalecer aos pastores que guían ás ovellas ata onde este silencio de terra se fai algo verde, ás beiras do Douro. Hai paspallás en escabeche, e eu entrégome á lingua estofada. As últimas décadas de fartura converten este xantar de monte baixo nun recetario de pratos excepcionais, raros e saborosos, excesivos na súa rotundidade porque xa non precisamos as calorías para atravesar esta estepa. Na época do castelo sería moi diferente. Imaxínome á guarnición medieval de Gormaz atrapando eses paspallás e conservándoos nun escabeche moi similar ao que hoxe fai a señora Florencia, comendo vísceras, coidando hortas que tiñan que crear esa contundencia invernal, cando estes campos, conxelados por días, queiman toda a capa vexetal.

Desde Quintanar apréciase ben a fortaleza califal de Gormaz a non moita distancia. Alí enriba do outeiro foi alcaide o Cid. Hoxe hai ruínas, unha ermida do século VII con fastuosos frescos e unha aldea de trinta habitantes. Contan que un señor cristián, desesperado por non poder tomar tan impoñente castelo, proferiu unha maldición que o século XX encargouse de cumprir. “De trinta mil habitantes que tes non te quedarán máis que trinta”, ameazou o señor. Trinta e tres quedan hoxe. Aínda non se tocou fondo. As lendas duran mil anos.


Gran porta califal

Porque esta enorme mole que vemos hoxe no campo de Gormaz levantouse hai algo máis dun milenio, cunha forma practicamente igual á de hoxe. Xunto coa mesquita de Córdoba, este lugar milenario foi o castelo máis grande do seu tempo en Europa e, posíbelmente, sexa o maior edificio en pé máis antigo da Península. A fortaleza de Gormaz construina o xeneral Galib ás ordes do califa cordobés Al-Hakem II a partir do ano 956, na Marca Media de defensa contra os reinos cristiáns. Viviu mil batallas. O Cid recibiuna en feudo. Estas 26 torres resistiron asedios, ou caeron baixo espadas e noturnios. Na igrexa da vila consérvase a pedra de fundación, en árabe:

No nome de Deus Clemente e Misericordioso. Deus bendiga a Mahoma, o Selo dos Profetas. Mandou o servo de Deus, al-Hakam, al-Mustansir bi-llah, Príncipe dos Crentes ¡Deus alongue a súa permanencia!

Pero o que eu quero ver aquí é outra sorte de defensa.


Bastión do Poñente

Camiñamos ata o Oeste, ata o bastión de poñente. Hai que saír por fóra das murallas e buscar na torre que defende esa banda do solpor. Daí viñan outros enemigos contra os que non valían nin esas murallas, nin todas as armas, o ferro e xenerais do mundo. Daí viñan os xenios da noite, moi temidos no mundo musulmán. E alí, no medio da torre, empotradas na sillería, están as outras defensas. Estas estelas destinadas a impedir o paso aos espíritos da noite que chegan do solpor.


Estelas máxicas colocadas no bastión de Poñente

Localización no interior do post


Ver mapa más grande

2 Comments

  1. 12 / Agosto/ 2008

    Si, si, xa o teño visto un par de veces pero sempre me colle mal de tempo…un día destes caerá.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará