Soria: a cidade rupestre de Tiermes

Last updated on 13 / Agosto/ 2008

Casas de Tiermes e o edificio das termas na zona superior. Fotos: Sole

Estamos en Tiermes, ou mellor, en Termantia, ao carón dun gran recinto arqueolóxico do sur de Soria, rodeados de montañas. Tiermes é un deses topónimos múltiples, un non-lugar, que pode querer significar sitios diferentes: depende da entoación e do contexto da conversa do lugareño que fala contigo. Ao principio, confúndeste entre Tiermes-aldea, Tiermes-ruína arqueolóxica, Tiermes-chiringuito, Tiermes-comarca, Tiermes-Tiermes. Para eles, pola contra, está clarísimo.

Nós aquí queremos ver Tiermes-Termantia, unha antiga cidade no corazón dun vello territorio celtíbero, o da tribo dos arévacos. Esta cidade foi protagonista nas guerras celtíberas. Estes indíxenas, mercenarios ben considerados nos exércitos romanos e cartaxineses durante as guerras púnicas, tiñan ben aprendidas as técnicas do adversario e aproveitaron ben a súa sona cruel e salvaxe fronte ao invasor. Termantia caeu case tres décadas trala caída de Numancia á tremenda maquinaria de guerra romana, ata que Tito Didio a tomou no ano 98 a.C. Aínda que non temos tantos datos como de Numancia, a guerra debeu ser seria: Tito recibiu un triunfo en Roma pola victoria. Camiñamos por Tiermes ao solpor, xusto pola zona da Porta do Sol, e nas pedras debúxanse sombras prolongadísimas que fan difícil apreciar o conxunto. No alto do cerro obsérvase como un champiñón pétreo, o que queda en pé do antigo edificio das termas romanas e auténtico ex-libris actual da cidade.

-¿Como conseguiron resistir? -pregúntolle ao guía. Na zona pola que andamos non parece apreciarse un desnivel grande nin fortificacións considerábeis.

O guía, que é de Lugo, rise por dentro e contéstame:

-Ti espera a que cheguemos ao alto do cerro e xa te darás conta.

A visita lévate de primeiras pola zona máis espectacular das ruínas, o espazo que fai excepcional e único este xacemento dentro do contexto da arqueoloxía da península. Tiermes estaba construída sobre un outeiro de pedra arenisca, ben doada de traballar e moldear case coma o xabre. Os habitantes da cidade excavaron parte das súas estancias, escadas, camiños, rampas, edificios públicos nesta pedra e iso permitiu que se conservaran excepcionalmente ben ata hoxe en día. Esta cidade rupestre, baixo o cerro, foi un aproveito romano. Pero hai un pero. De xeito paradóxico, descoñécense boa parte das funcións deses edificios tan evidentes.

Este graderío, ¿era un lugar de asemblea?¿Un remedo indíxena dun teatro romano?¿Un lugar para cerimonias relixiosas?


Vivenda e escada de subida ao nivel superior.


Porta do Oeste.

Trala caída de Tiermes, Tito Didio obrigou aos indíxenas a baixaren do cerro e instalárense na chaira adxacente; é posíbel que as elites se estableceran na zona superior. Alí está aparecendo un foro romano, mosaicos, unha zona comercial, tramos da antiga calzada. Esas vivendas rupestres son tamén, na súa maior parte, romanas. Os habitantes de Termantia empregaron a técnica de cavar na arenisca desde antes da romanización, como na angosta Porta do Oeste, que estaba cuberta. Subimos por ela ata a primeira terraza.

-¿Era ou non era doada de defender? -dime o rapaz de Lugo.

Desde a terraza, apréciase como Tiermes estaba no medio dun val, con ríos pequenos que fan foxos naturais. Un cerro de altas paredes. Imaxineime as lexións romanas enfronte. Sol. Metal brillando. Intercambio de berros entre dentro e fóra. Se cadra cabezas de soldados cravadas en picas e outras tácticas de guerra psicolóxica.

Unha das construcións máis sobranceiras é o acueduto. Entra na cidade furando a pedra coma un coitelo; cada tantos metros, unha boca aparece desde a zona superior para que descenderan os operarios das augas. Nas paredes do túnel, aprécianse os pousadoiros das candeas de aceite.


Acueduto


Acueduto

Pola noite, Jacinto, amigo e guarda do recinto, asegúrame que só está excavado o 5% do xacemento.

Eu quédome cun detalle da miña memoria. Observo o que queda do edificio das termas. Diante del, un pequeno río cunha gran parede de arenisca e un remedo de bosque. Varios voitres leonados planean. Aquelas termas miraban para unha paisaxe idéntica ás de Conímbriga, preto de Coímbra. O lugar máis verde, máis relaxante e paisaxísticamente máis valioso da contorna inmediata da cidade. De súpeto, e por un momento, a través dos séculos as persoas nos comunicamos e entendemos o mesmo.

2 Comments

  1. Bettina
    13 / Agosto/ 2008

    Manuel, después de intentar leer tus posts sobre esta tierra tan rica en paisaje y también en emociones en galego (imposible cargar la traducción: desventajas de vivir en este rincón de Soria), quiero agradecerte profundamente lo escrito. Las fotos de Sole son espectaculares, ya le pediré que me mande copias. Me alegro mucho que Soria te haya llegado al alma, sino no se explica como se puede hablar así de un lugar. Ya lo sabes, aún te queda, os queda, mucho por descubrir por estos lares. Hasta la vuelta!

  2. 13 / Agosto/ 2008

    Gracias a vosotros, Bettina, por vuestra hospitalidad. Como ya te comenté por allá, tenemos mucha Soria en la agenda para visitarla la próxima vez!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará