Soria: visións medievais no Burgo de Osma

Last updated on 12 / Agosto/ 2008


Fotos: Sole

Pode ser que tras dese desexo estivese algo da memoria literaria e becqueriana do bacherelato, pero sempre quixen visitar Soria, un vasto territorio seco nun recanto esquencido de Castela, que quedara fóra das grandes rutas do Estado moderno. Soria é unha provincia chea de sorpresas, na que perderse varios días entre eses paramos secos. Comezamos a visita polo Burgo de Osma. Só a Catedral xa xustifica a visita a esta pequena vila de sotanas e procesións, o bispado máis pequeno de España. A estas alturas, creo que xa teño visto unha gran parte das catedrais da Península; abondas para saber que este lugar é moi especial.

Na Catedral do Burgo de Osma é coma se, durante novecentos anos, artistas e cregos se puxeran de acordo para manter unha liña ininterrompida dun fermoso e harmónico estilo arquitectónico, escultórico. Atención: algúns dos espazos máis significativos só se poden visitar coa visita guiada ao templo, pero compensa pagar os catro euros para entrar na sacristía neoclásica, deseñada por Juan de Villanueva, ou pola xoia da catedral, o sepulcro policromado de San Pedro de Osma no centro da Sala Capitular. Alí, naquel sartego, cóntase toda a sociedade medieval en fermosísimas cores a través dos miragres do santo, ata o punto de que non podes deixar de percorrer, en círculo, estas escenas, este monxe que nos ensina un pequeno libro que atestigua o que se conta nesa tumba. E máis alá, na copia medieval do Beato de Liébana que se conserva no Arquivo da Catedral, un monxe do século XI representou o mundo cristián nun espello de crenzas, no que sobrancea a Torre de Hércules e o Reino de Galicia, con Toledo, como referente da fronteira contra o mundo musulmán e o río Teixo.

Soria, esta zona de Castela, está chea de imaxinarias liñas divisorias que cruzas coa memoria, o pasado, a Historia e a paisaxe.

3 Comments

  1. 12 / Agosto/ 2008

    Sempre é unha ledicia que alguén vexa e mire Soria (e Castela) sen prexuizos (a terra dos meus avós é un mundo case que descoñecido para moitos).
    É certo que o chan da mitade sur da provincia é un mar de terra case que “lunar”, mais confío que visitara a Laguna Negra ou o val do río Lobos, o norte da provincia é un mar de árbores que contrasta co sul: http://www.canonderiolobos.com/paginas/canon.htm
    Saúdos.

  2. 12 / Agosto/ 2008

    Non, non visitei as áreas naturais: foi un paso moi curto e confío en volver a Soria, en non demasiado tempo, e dedicarlle catro días ou así. Quedei abraiado, ademáis, coa estrada que cruza de Logroño a Soria, atravesando esas serras impresionantes e o porto a 1.700 metros de altitude…Con todo, teño que me dicir que me gustou tamén a paisaxe lunar do sur da provincia. Logo contarei algo máis…

  3. 13 / Agosto/ 2008

    Xa vin que tamén estivo na comarca de Gormaz, a dos meus ancestros paternos. É unha ledicia comprobar que hai persoas que teñen interese por coñecer xeografías, sexan as de Castela, Bretaña, Catalunya, Frisia ou Sicilia.
    Unha aperta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará