Traxectorias baixo a superficie de Neixón

23 Xullo, 2008


Recuperando unha peza importante.

Ao abrir unha cadrícula dunha excavación, proponse un enigma, un coidadoso papel cheo de garabatos confusos e algo aleatorios que é preciso desentrañar. Ao pouco, podes chegar ata un nivel histórico de ocupación, e aínda que nunca o viras antes, decátaste case no momento de que chegaches alí: a terra de repente, é dura, máis apisonada, con outra cor. Hai 2.600 anos, pés campesiños sentaron, pasaron por este lugar miles de veces. Investigas nas desfeitas, nas perdas, nos esquecementos involuntarios e nos acochos dos pequenos tesouros de seres humanos humildes. Case todos os achados se concentran en poucos centímetros de altura, nese nivel. Comezan a aparecer ducias de trozos de cerámica: nalgunhas aprécianse as incisións dun punzón, se cadra, vexetal, outras ofrecen unha fermosa boca, ou unha base, e se tes sorte, verás mesmo as unllas do artesán, ou o pasado dun dedo polo interior da peza. Tamén aparecen as fusaiolas, pedriñas furadas empregadas como pesos do telar que usaban as mulleres castrexas. Da man sáltame un precioso cristal de rocha, un prisma que foi moldeado a base de percusión e contrapercusión, se cadra polo puro pracer de entreterse nun serán de verán coma este. E, ao carón, atopamos crisois de metal, modelos ocos empregados por un ferreiro do 600 a.C. para compoñer pezas de bronce. A ferrería debe estar preto de aquí, pero ¿onde? ¿onde? ¿foi parte dese tercio do castro devorado polo mar? ¿Ou estará na dirección contraria, nesa área que se vai abrir en breve?

¿Bronce, dixen? Si, o bronce estase a atopar na casa castrexa, da que hai menos potencia da que pensaban pero na que aparecen de xeito inesperado. Dispersas, agochadas entre as pedras dos muros da casa, na base, ou a poucos centímetros das pedras, os arqueólogos atopan fíbulas -prendedores de capa- máis ou menos enteiras. ¿Por que aí? ¿Alguén as acochou? ¿Foi un despiste? ¿Foi un ritual? Non moi lonxe, aparece unha inusual asideira dun caldeiro tamén de bronce. Outra fíbula alá. E noutro sitio, unha masa metálica difícil de definir. Que intenso verde ten ese bronce prehistórico cando nace, de súpeto, na terra, e todo se para, e comezas a mover os dedos lentamente para apreixar ese anaco de tempo fráxil aínda enteiro, pero que podes esnaquizar ao menor movemento. Hai moitas partículas verdes, que te hipnotizan mentres baixas o nivel. E moitas pedras lisas, limpas do roce ou do uso: pedernais, muíños, outras de ubicación pouco definida. O mar brilla abaixo deste pequeno cantil ao borde do que traballamos. Os veraneantes colleitan mexilón das pedras. Toca Melendi nun transistor.

-¿Hai algo peor que Melendi? -berra o experto en cerámica, ao que lle pasamos os anacos que el reconstrúe na cabeza.
-Hoxe aquí sáenos todo, rapaces -avisa Xurxo Ayán, centrado nesa estraña estrutura da porta.

Muros chega coa libretiña para catalogar os achados e situalos en cota, é dicir, no punto exacto no que foron aparecendo. É coma un primeiro filtro: aí decídese que é relevante e que pasará ao limbo das bolsiñas anónimas de fragmentos de cerámica.

Sobre a planta do xacemento, podes seguir a traxectoria dos obxectos accidentados. Unha xerra escachou na prehistoria preto desa casa, e unha espectacular boca atopada alí así o demostra. Pero eu recollo -desenterro- outro fragmento do impacto medio metro máis alá, ou se cadra produto da patada dun neno, trescentos anos despois. Quen sabe. Noutro sitio, aparece unha sorte de pavimento. E, na porta da casa, un enigmático e inusual conxunto de lousas agarda ser levantado. A casa, no seu interior, ten unha chamativa pedra de esquisto, das que brillan coa luz. Aos castrexos pirrábanlles colocar estas pedras, que debían ter algún significado ritual ou máxico, nalgún punto das súas vivendas. Os arqueólogos traballan ata o solpor neste lugar privilexiado do fondo da Ría de Arousa, e as horas pasan case sen decatarse. Será como en todas partes e todos os oficios, pero neste silencio e nas bromas, neste pasar o tempo sen decatarmos, só rexidos polas sombras que medran no solpor, eles parecen vivir na fronteira vizosa á que poucos teñen acceso: traballo, pracer, diversión, curiosidade, paixón. Todo xunto no mesmo lugar.

Marchamos, con algo de morriña, para emprender outra viaxe. Volveremos en agosto. A campaña de Neixón proseguirá, pero no adxacente Castro Grande, que unha parte do equipo xa comeza a abrir. Alí o contexto é diferente, vai do 300 a.C. ata época romana. E volveremos descubrir pezas do enigma da vida cotiá desaparecida.

.

{ 7 comments… Le abaixo ou engade o teu }

1 Anonymous 07.24.08 at 10:19 am

Bronce, dixen? Si, o bronce estase a atopar na casa castrexa, da que hai menos potencia da que pensaban pero na que aparecen de xeito inesperado. Dispersas, agochadas entre as pedras dos muros da casa, na base, ou a poucos centímetros das pedras, os arqueólogos atopan fíbulas -prendedores de capa- máis ou menos enteiras. ¿Por que aí? ¿Alguén as acochou? ¿Foi un despiste? ¿Foi un ritual?

——————————————————–

A miña bisavoa agochara moedas (creo que tamén de bronce) no seu día entre as pedras dos muros da palleira porque viñan as autoridades para requisalas e substituílas, probablemente aconteceu algo semellante en Neixón.

2 Brigantium 07.24.08 at 10:21 am

Esquecín identificarme antes :P

3 magago 07.24.08 at 1:56 pm

Interesante, Brigantium, a saber se non pasaría algo similar en Neixón.

4 .. 07.24.08 at 3:31 pm

da gusto ler os teus posts de arqueoloxia, fanseme cortos

5 Sonia 07.24.08 at 5:03 pm

Me emociona leer cómo alguien que no trabaja a diario en este oficio de la arqueología a llegado a la esencia, lo que nos recorre por dentro a los que estamos en ello y que es superior a los dolores de espalda, al calor, al frío y al comentario “tanto estudiar para acabar moviendo tierra”…Qué bien que estés ahí, en Neixón, donde la tierra no sólo es tierra y donde los arqueólogos no sólo mueven tierra.

6 Sonia 07.24.08 at 5:05 pm

Me emociona leer cómo alguien que no trabaja a diario en este oficio de la arqueología ha llegado a la esencia, lo que nos recorre por dentro a los que estamos en ello y que es superior a los dolores de espalda, al calor, al frío y al comentario “tanto estudiar para acabar moviendo tierra”…Qué bien que estés ahí, en Neixón, donde la tierra no sólo es tierra y donde los arqueólogos no sólo mueven tierra.

7 magago 07.25.08 at 12:03 am

Grazas, Sonia; curiosamente, os arqueólogos de Neixón contábannos onte a mesma historia do desconcerto familiar ao ver a que se dedicaba en realidade o seu fillo/filla….

Deixa un comentario

Podes usar estes HTML tags e atributos: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>