Vacas e iogures na Casa Grande de Xanceda

21 Xullo, 2008


Frisonas curiosas na Casa Grande de Xanceda

Recoñezo que preparara pouco a visita. Estaba pechando o traballo (aínda non o pechei de todo, malia estar oficialmente de vacacións), así que chegamos a todo correr e algo tarde á cita na Casa Grande de Xanceda, unha extensísima propiedade gandeira en Mesía de 170 hectáreas, á que foramos convidados para coñecer o proceso de fabricación ecolóxica de derivados lácteos da propiedade. A lombos dunha Harley, os paisanos das aldeas levantan as mans entre o millo ao pasarmos.

Nada máis chegar, camiñamos ao redor dunha mansión cuberta de hedras e entramos nunha biblioteca rectangular, coas cortinas pechas para evitar a filtración de luz. Todo, todo estaba ateigado de libros, pezas de cerámicas e diplomas de alguén que viviu unha longa e activa vida. Recoñezo que o primeiro que pensei foi que era a típica biblioteca dos pazos pero non nos enganemos, as bibliotecas dos pazos adoitaban ser máis pequenas e o que tiñan, sobre todo, eran libros de contabilidade e os manuais de teoloxía, metafísica e latíns dos fillos que ían para curas e arciprestes. Pero esta non. Unha enorme estantería frontal contiña centos de volumes sobre a II Guerra Mundial, en alemán, inglés, francés. Ao carón, para a miña sorpresa, un marco e un cristal protexía unha sorte de diploma coa sinatura de Isabel II de Inglaterra! A biblioteca seguía máis para alá, noutra habitación que fai as veces de salón de visitas. Nun andel, ducias de figuriñas de Sargadelos. Un enorme volume da Constitución cheo de sinaturas está nun atril. E, máis alá, máis alá, para o meu pasmo, atópase unha primeira edición do Teatro Crítico Universal do Padre Feijoo, impresa a principios do século XVIII!!! Pegada a ela, a Historia do Padre Mariana! E máis libros, primeiras edicións do Século das Luces. Se levara posta unha pucha, quitaríama.

Debería ter preparado algo a visita, pero non houbera tempo, como dixen. Non houbera tempo para saber que estabamos no espazo máis íntimo dun dos grandes xornalistas europeos do século XX, Felipe Fernández Armesto, Augusto Assía. O máis memorábel e novelesco de Assía foi a súa narración da caída da República de Weimar e a súa posterior expulsión de Berlín trala chegada ao poder dos nazis. Assía contará a II Guerra Mundial desde Inglaterra e, despois, percorrerá o mundo informando desde Nova York da ONU da Guerra Fría. Esta biblioteca non era só del, senón tamén da súa fascinante muller, Victoria Fernández-España, que chegou ser vicepresidenta do Parlamento nos primeiros momentos da democracia. A Casa Grande de Xanceda foi a paixón crepuscular do matrimonio. En Mesía mercaron un pequeno pazo e montaron unha explotación pioneira que hoxe en día segue mantendo algunhas das mesmas claves da filosofía inicial, pastoreo e vacas e liberdade, agora inscritas dentro das normas da agricultura ecolóxica.

Na Casa Grande de Xanceda pastan máis de 400 vacas frisonas que seguen un coidadoso proceso de selección e das que diariamente se toman lecturas informáticas sobre os seus desprazamentos, alimentación, nun proceso de liberdade moi controlada a todos os niveis. Os responsábeis teñen a idea de conseguir introducir nos vindeiros anos á rubia galega tamén no proceso de producir leite e derivados lácteos ecolóxicos. Hoxe en día véndenlle o leite a Président pero están lanzando unha liña bastante ampla de iogures. Probámolos. Están de carallo. Son cremosos, incorporando froita, desnatados, naturais e, ultimamente, os Junior, para nenos; nos vindeiros meses, tamén se meterán no difícil segmento do iogur líquido. A clave está en chegar a un mercado máis amplo para estes iogures ecolóxicos tralos que houbo un proceso de investigación coa Aula de Produtos Lácteos da USC e tentar penetrar no mercado dos colexios e das galescolas, o cal suporía un enorme apoio para o sector lácteo ecolóxico no país, aínda moi eficiente.

Paseamos polas instalacións. Son un cruce entre unha casa de turismo rural, con interiores de loft de deseñador catalán e procesos dunha factoría de alta tecnoloxía, con escrupulosos niveis de limpeza desde a sala de ordeño, as cortes ou a planta de fabricación de iogures. O propietario actual, Felipe Fernández Armesto, define a estes animais como “vacas felices”. Non sei en que medida unha vaca pode ser feliz, pero, nestas espaciosas pradeiras, se eu tivera rabo e ubres e me gustaran as ensaladas sen aceite nin aliño, tamén o sería. E Augusto Assía, que era un tipo moi moderno e intelixente, sorriría ao ver como medrou a explotación e se convertiu nun modelo pioneiro que concilia o mellor do mundo vello e o do moderno. Sen dúbida. Aquí, na Casa Grande, hai algo do que aínda adoece o rural galego: a vontade de creación dunha marca, dunha identidade comercial potente para competir nos duros e pouco piadosos andeis dos supermercados. E non nace do aire.

Fixen un pequeno vídeo sobre a Casa Grande no que Broder, o director comercial da Casa Grande de Xanceda, cóntanos a filosofía da agricultura ecolóxica e o por que do proxecto. Tamén podemos ver máis en detalle as instalacións e o futurista momento do ordeño.

.

{ 2 comments… Le abaixo ou engade o teu }

1 frenchchou 07.22.08 at 5:37 pm

Pois si que é un proxecto moi interesante. Gracias por esta crónica estupenda!

2 magago 07.23.08 at 12:06 am

Frenchchou, tedes un blog moi chulo e a vosa zona é un verxel que seguro vos enche de alegrías botánicas.

Deixa un comentario

Podes usar estes HTML tags e atributos: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>