Edición fotográfica nas críticas gastronómicas: diferencias entre Europa e Norteamérica

28 Xuño, 2008

Primeiro, fotos das críticas gastronómicas de Frank Bruni no New York Times:

Fotos de Robert Presutti

E agora, unhas fotos das críticas gastronómicas de José Carlos Capel en El País


Foto: Paula Villar


Foto: Santi Burgos


Foto: Edu Bayer

Se un le as críticas gastronómicas de xornais dunha beira e doutra do Atlántico atopará unha diferencia gráfica fundamental na selección das imaxes da que o espabilado usuario de Capítulo 0 xa se debeu decatar, porque é evidente. Nas críticas do New York Times ou de Los Angeles Times aparecen clientes comendo no restaurante; de feito, son fotos de clientes e con acción. Pola contra, nas críticas europeas, as salas dos restaurantes ou aparecen baleiras ou cun toquiño de humanidade a partir da presenza dos propietarios ou do servizo de sala colocando platos ou copas -un vello truco fotográfico que permite darlle un centro á imaxe, movemento e ás veces profundidade.

¿Por que se dá unha diferencia tan significativa na edición fotográfica das fotos de restaurantes para medios? Eu creo que se trata dunha curiosa diferencia cultural entre os Estados Unidos e Europa derivada da idea subxectiva que temos de ir comer a un restaurante. En Europa, a alta cociña segue a ser un lugar de discreción, un lugar que, evidentemente, é público pero ten algo de privado. Unha vez preguntámoslle a un coñecido chef galego se podiamos sacar fotos no restaurante. “Por suposto”, contestou, “o único que vos pediría é que non sacarades fotos doutras mesas porque pode resultar incómodo”. Incómodo, esa é a palabra. O número de fotoalérxicos en Europa é moito maior que nos Estados Unidos, onde medios e televisión son asumidos cunha naturalidade moi superior que en Europa, porque son practicamente os forxadores da cultura común. En realidade, ademáis, todo o mundo ten medo a situacións como as que me contou outro cociñeiro: unha vez apareceu unha foto de sala no xornal e se montara a de San Quintín, porque en primeiro plano aparecía un cliente comendo cunha moza de agárrate…que non era a súa muller. Si, os restaurantes seguen sendo un pouco pecaminosos e secretos, un lugar do que se agarda discreción porque estás a conspirar ou con alguén con quen, ao mellor, non queres que te vexan. A cultura da ostentación, ademáis, continúa sendo moi diferente nos Estados Unidos que en Europa. No vello continente, a riqueza adóitase levar con discreción, non vaia ser o demo. Nos Estados Unidos, en Nova York, é preciso comer en determinados lugares coma eses dos que fala Frank Bruni. Aquí tamén hai “coleccionistas de restaurantes”, pero é un vicio moi reducido en comparación co que nos atopamos en EEUU.

Ao examinar as imaxes dos restaurantes neoiorquinos en conxunto, ademáis, un observa un curioso detalle: que agobio de sitios escasos!. Por sorte, aínda vivimos nunha sociedade que valora o espazo entre os grupos e as mesas, pero ese valor xa se perdeu ata no máis luxoso dos establecementos neiorquinos (e tamén en moitos madrileños ou barceloneses).

.

{ 3 comments… Le abaixo ou engade o teu }

1 jh 06.28.08 at 6:03 pm

esas diferencias das que falas pálpanse tamén noutros ámbitos. europa é en xeral fotoalérxica, aínda que haxa países nos que o fotógrafo se poida sentir máis cómodo (caso de irlanda, por exemplo). os galegos somos, pola contra, terriblemente suspicaces. non imaxino a bruce gilden por aquí :).

2 magago 06.28.08 at 6:09 pm

Alucinante o vídeo. Efectivamente, dubido moito de que Gilden saíra íntegro despois dunha sesión destas polas rúas dunha cidade galega. Un detalle curioso agora que mencionas a Irlanda: eu creo que, ademáis, é máis fotoalérxica a xente nas cidades galegas que no campo. E non digamos no caso do vídeo. Sempre me sorprendeu como, cando gravei a xente do campo ou do mar, están moito máis soltos diante da cámara que alguén de cidade.

3 jh 06.28.08 at 6:26 pm

se cadra parte do que comentas na última frase ten que ver co que a xente entende que ten que ser unha cámara. hai pouco estiven en marruecos e non podía andar coa réflex (unha cámara de forma arquetípica) sen que a xente se tapara a cara ou me dixera algo. era garda-la cámara grande na mochila, sacar a compacta e pasar completamente desapercibido.

Deixa un comentario

Podes usar estes HTML tags e atributos: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>