
Timespeople, a rede social do New York Times, estreouse hoxe en beta. É un movemento moi importante: aínda que moitos cibermedios tiñan ferramentas para a participación do usuario, moi poucos desenvolveran unha rede social ou algo similar (no Estado español, ADN foi pioneiro neste sentido). O concepto de Timespeople é moi sinxelo: facer que os usuarios filtren as inxentes cantidades de contido do New York Times recomendando contidos aos seus compañeiros da rede social. Non está mal, pero supoño que é un primeiro chanzo.
Se o queres probar e non tes a ninguén dado de alta en Timespeople para poder fedellar no funcionamento completo do sistema (cousa que lle está a pasar ao longo do día de hoxe a todo o mundo), busca magago. Fixen algunhas recomendacións de proba.
Pola miña parte, e non vos vou contar por que, a fórmula do New York Times deixoume profundamente pasmado, non polo que é, senón porque todo iso xa o vin escrito antes en detalle para outro cibermedio ben máis pequeno (e mesmo con solucións para o problema inicial, xa previsto, que están tendo hoxe os usuarios para atopar outros usuarios que lles recomenden cousas).

Be First to Comment