¿Viños brancos galegos de primeiro ou de segundo ano?

O outro día, na Xantanza do Ribeiro, tiven a oportunidade de ver un detalle divertido. Estabamos na adega Valdavia probándolles os viños. Alberto deunos a catar un Cuñas Davia do 2006 e logo outro Cuñas Davia do 2007, recén embotellado. Automaticamente, tras probar os dous, os pareceres do grupo se dividiron case á metade exacta entre o que preferían o máis viño máis vello e os do máis novo. ¿E logo cambiaba tanto dun ano para outro? Sen dúbida. Non había que ser un experto para decatarse de que, malia sen o Cuñas Davia ben recoñecíbel nos dous casos, había entre as anadas importantes matices e as consecuentes preferencias por parte dos catadores. Matices, pensei eu despois, que teñen moito que ver co noso gusto e o que agardamos dun viño branco -e dun viño branco galego.

En xeral, existiu durante moito tempo a crenza de que os brancos galegos debían ser do ano anterior a ser consumidos e que levaban mal o paso do tempo. Albariños e treixaduras declinaban a partir do terceiro ano entrando con certa rapidez no solpor da frouxedade… e os godellos aínda os comezamos a coñecer, coma quen di. ¿Canto disto podería cambiar con éxito se se modificase a elaboración e a vinificación? Non o sabemos. Ata agora as experiencias máis interesantes de brancos de crianza se están facendo no interior. Na costa, no Salnés, algunha xente está a tentar, sen moito éxito, darlle barrica ao albariño. Se cadra nos vindeiros anos vexamos brancos galegos que se irmanaron co carballo da barrica e conten cousas interesantes na fronteira dos catro ou cinco anos de existencia.

¿Entón cal é a diferencia e o matiz entre os brancos de primeiro e segundo ano? Bastantes: a simple vista, un branco de segundo ano presenta unha cor máis dourada, máis envellecida; en boca o viño é máis maduro, máis tostado, os cítricos tan típicos do albariño deixan paso a melón, a herbas brancas ou a froita de pulpa coma o pexego, e a acidez -que non gusta moito a padais pouco bebedores de brancos galegos, suavízase e ás veces equilíbrase. Probeino cun xeitoso albariño do Rosal, o Finca Garabato Cepas Vellas 2006 da Adega Valtea que me agasallaron, pero isto mesmo tamén se pode aplicar tamén aos máis ácidos albariños do Salnés, aos que lle agradezo, desde logo, un ano máis en botella. O mesmo acontece con Ribeiros e Godellos, en xeral.

¿Que cal está mellor dos dous? Pois depende. Os albariños de primeiro ano son ideais para a xente que quere ese albariño máis tradicional, que lle gusta a acidez e os cítricos. Pero eu serviría albariños de segundo ano a xente que non ten unha experiencia moi dilatada co viño pero teña curiosidade por explorar viños diferentes, ou a aqueles que teñen curiosidade por buscar un elenco de brancos máis complexos e sofisticados. Ou para unha cea de ligoteo, rapaces: diría que un branco galego de segundo ano é máis sedutor ou, no seu defecto, algún Cepas Vellas, coma o Do Ferreiro.

P.D. Un apuntamento interesante relativo aos brancos con crianza sobre lías. É unha tendencia actual que lle aporta moitos matices complexos ao viño e que adoita dar unha gran explosión floral en boca pero…pérdena con rapidez. Se compras unha botella de viño galego sobre lías, consúmea sen tardar moito, porque se cadra ao cabo de seis meses ou un ano ese viño teña cambiado e perdido parte desa espectacularidade no sabor.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará