
O Coto medieval de Gomariz. Foto: Sole

Subindo aos viñedos nos 4×4. Foto: César R. Carril

Examinando o solo de xistos na prantación de albariño con Xosé Lois Sebio. Foto: César R. Carril

Ricardo Barreiro no alto do Coto de Gomariz. Foto: César R. Carril

Intentando distinguir variedades autóctonas (estaba chungo) no viñedo experimental de Xosé Lois. Foto: Gourmet de Provincias
Tiña moitas gañas de coñecer en directo sobre o terreo o proxecto Coto de Gomariz. Os seus brancos (Coto de Gomariz) parecíanme do máis moderno que podías atopar en Ribeiros; a adega, ao mesmo tempo, tamén conta cos VX, os tintos de sousón con corenta meses en barrica (si, repito, 40 meses para tratar o sousón); tras dela, está un forte investimento en tecnoloxía, en terras e a aposta pola excelencia desde as primeiras fases do proceso de cultivo do viño. En canto chegamos á adega, xa nos estaban agardadando o xerente Ricardo Barreiro e o director técnico, Xosé Lois Sebio -dous auténticos enofanáticos apaixonados do seu traballo-, para subir en 4×4 aos elevados viñedos que ten a adega no Coto de Gomariz. “Este é o Pomerol do Ribeiro”, dixo Barreiro, facendo unha analoxía coa mínima extensión do terreo máis cobizado de Burdeos. O certo é que o Coto, visto desde o alto do monte, é como unha pequena cuncha de ouro, con cotizacións de 100.000 euros por hectárea. Alí está Vilerma, a adega San Clodio de José Luis Cuerda, e Coto de Gomariz. No vértice da cuncha está a igrexa prerrománica e a adega medieval de Gomariz, que pertenceu ao mosteiro de Toxosoutos. O Císter foi o gran explotador de Gomariz, e os propietarios da adega actual aínda adquiriron hai pouco un viñedo que segue tendo exactamente as mesmas dimensións que no século XIV. Créanme: é mirar o Coto desde arriba e saber que hai están mil anos da historia do viño en Galicia, e un non pode sentir menos que emoción.
O gran impulso de Gomariz comezou nesta mesma década, nun traballo continuado para obter viños moi propios da zona, recuperando castes autóctonas e concentrando a maior parte do esforzo na viña. “O viño cando chega á adega”, asegura Xosé Lois Sebio, “xa debe estar case feito”. Escoller e traballar solo, orientación, variedades, patróns é básico para Coto de Gomariz, “cando vou a presentacións sempre levo as miñas caixiñas coas terras coas que traballo”, asegura. No fondo do val, arxila. Nas ladeiras, xisto. E unha forte presión entre as vides para que as prantas teñan un rendimento moi baixo e moita calidade nos acios. Vimos un viñedo de albariño sustentado sobre o xisto, sen a penas auga, na que as cepas sufrían o terreo, do que a adega elabora o Viño das Encostas de Xistos, un viño moi mineralizado.
Xa en adega puidemos catar algunhas elaboracións que a adega está a preparar para o seu trinta aniversario. Entre elas, un notábel sousón cos seus consabidos corenta meses en barrica que estaba francamente bo e dunha gran complexidade. O mellor, sen dúbida, a sensación de que estabas a falar cuns auténticos apaixoados do seu traballo e da recuperación da dignidade do Ribeiro e das súas castes autóctonas, como a carabuñeira, que é a touriga nacional portuguesa que é a base dos viños do Douro, como ben explica o Viticólogo. Esta xente confía no traballo do viticultor, no máximo respecto á viña. “Vas coñecer os nosos viñedos”, dixo Sebio, “porque están cheos de herba. Tentamos restrinxir ao máximo o uso de herbicidas, a pesar de que iso nos provoque elevadas mortandades da pranta”.
Agora, a xente de Gomariz está pendente do tempo. As dúas vindeiras semanas serán decisivas para as vides e, se continúa chovendo, a cousa se pode poñer complicada. Seguirán consultando a fonte metereolóxica coa que deciden as vendimas: un sitio web de surfistas checos (en serio).



Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 





{ 2 comments… Le abaixo ou engade o teu }
Graciñas pola túa xenerosidade de contalo. Acabo de chegar do sobreiral do Arnego e xa estou no Pomerol do Ribeiro …
Ás veces, só cando o penso, moi lonxe me vexo
Saúde e terra.
Paco, afortunadamente agora todos podemos estar moito máis próximos.
Deixa un comentario