
Andamos vinte quilómetros por os vellos camiños do concello de Tordoia: lombas suaves, carballeiras, camiños agrícolas, cruzando prados de herba mesta e alta que nos empapan nun día chuvioso, seguindo a estela do estupendo sendeiro PRG-88, perfectamente sinalizado. Nós personalizamos a ruta, para facela circular e volver ao coche que deixamos á beira da estrada entre Ordes e Carballo. Vinte quilómetros entre campos de patacas, mandas soltas de animais que veñen ao noso paso, pensando que somos labregos coma os seus donos. En Tordoia non hai un gran patrimonio etnográfico: as cousas importantes aparecen agachadas nesta natureza labrega, nas ortigas que cortamos para facernos unha impoñente tortilla na casa, nos insectos que liban nas flores nesta primavera que non parece; nos esquíos que nos observaban (xúrovolo) desde detrás dos valados de pedra.

Fotos: Sole


Xa nin sabe onde atender!

Cachada no momento decisivo
Andamos, ao repetir miles de veces ese movemento maquinal coas pernas, ao escoitar como enchoupamos as botas na lama e a auga entra nos nocellos, ao repousar ao carón de Pedras de Mouras, soño esperto, regurxito a memoria, que é o meu xeito de soñar, e recompoño as pezas da miña vida, en silencio, aquí en Tordoia. Entre o castro de Bardaos, aillado por un foxo de río desbordado, e ao final de Pontepedra, tirando por San Xián de Cabaleiros e o sendeiro PRG-89 ata o encoro de Vilagudín, fermosísimo coas nubes de aves e coa súa illa de xuncos.

Notas técnicas:
Se queres facer os roteiros PRG-88 e PRG-89 tes toda a información neste estupendo blog de Tordoia, ou tamén no sitio Sendeiros de Tordoia.
Localización do inicio do PRG-88 no interior do post.


Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 





{ 4 comments… Le abaixo ou engade o teu }
Como xa dixen para F. Míguez é unha mágoa que non aproveitaran para ir ver esta pedralonga, non lonxe do dolmen.
Estivemos, estivemos. De feito paramos alí a comer. Salvouse das queimas de hai un par de anos de puro miragre. Quedáronme gañas de investigarlle o folclore, que seguro que o hai e moito.
Um, non o teño tan claro! Calidonia, pon ben a ligazón, porque na que me pasaches a URL peta en Google Maps e ao mellor non é a mesma.
Probe con esta
Deixa un comentario