
Salteado de sitakis, foie, e emulsión de xema. Fotos: Sole
Había tempo que tiñamos moitas gañas de coñecer o restaurante A Gabeira, no Ferrol, e probar as propostas de Miguel Ángel Campos. O restaurante está nunha casa na estrada de Doniños, fundada no ano 23, convenientemente restaurada cunha inequívoca fachada laranxa, pintada nesas cores tan vivas e profundas das casas da costa ártabra. Do Grupo Nove, posibelmente A Gabeira sexa o restaurante máis próximo ao recetario tradicional galego; na súa carta, hai unha boa colección de peixes do día e mariscos -¡que pouco usan o marisco no Grupo Nove!, e xunto a eles, unha equilibrada carta escrita en código tradicional, con toques ilustrados e viaxados, e unha adega moi completa e interesante, con referencias de todo o Estado.


Nós comezamos cun salteado de sitakis, foie, langostinos e emulsión de xema, que estaba de medo, e seguimos cunha impresionante peituga de pato barberie con preve de mandarina e mango salteado -un prato cunha nota de sorpresa, xa que baixo as patacas chips estaba agachado un saquiño que había que rachar, no que estaba o preve de mango-, así como unha lubina sobre estofado de chocos e feixóns tenros, unha curiosa mestura de dous pratos tradicionais que non encaixaban xuntos o bos que estaban por separado. Rematamos cunha suave tarta de queixo e un magnífico xeado de mazá cun canutiño de chocolate branco.
Materia prima de excelente calidade, unha visión clásica da gastronomía, refinada pola evolución persoal e as técnicas contemporáneas, sabores intensos, sabrosos, directos, elegantes e recoñecíbeis que fan que algúns comensais expresen de viva voz e ton algo máis alto do habitual o moito que lle gustan os pratos, como vimos nas dúas mesas veciñas. A Gabeira é, sobre todo, equilibrio, coma se elaborasemos receitas de sempre aproveitando sen complexo os instrumentos, os ingredientes, os recetarios e as canles de distribución contemporáneos. Cun Pétalos del Bierzo 05, o que comimos saíu a 45 euros por cabeza. Importante, o menú degustación móntano a partir da carta, pero hai que pactalo con anterioridade, no momento da reserva, e só se sirve antes das tres.
A localización está no interior do post. É importante porque a que está en Google Maps é moi confusa.

Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 


{ 4 comments… Le abaixo ou engade o teu }
Impresionante aspecto la verdad. No lo conozco y eso que he vivido bastante cerca. Tendré que ir próximamente…
Saludos,
Melvin
Vaia… fuches máis rápido que nos, iso que o visitamos a semana pasada…
Por certo, o camareiro falounos de vós sen sabelo! Dixo: Xa viñeron uns chicos a semana pasada preguntando polos bombóns de pataca! Unha curiosidade: ¿foi Moraiminha a que preguntara?
Fun eu, si… E tiñades que ver a cara de sorpresa do camareiro, intrigadísimo por saber de onde sacara eu a idea de que alí tiñan tal cousa…
Deixa un comentario