
Fotos: Sole
Hoxe pola tarde visitamos o Castelo de San Felipe, no Ferrol, e quedei fondamente impresionado. Aínda que moita xente non o coñece, San Felipe, custodio da base da Armada española ubicada na ría de Ferrol desde o século XVI, debe ser o maior exemplo de arquitectura militar no país. Xunto co seu irmán da outra banda da ría, o Castelo da Palma, no tramo máis angosto da ría de Ferrol, estaban preparados para soltar fogo cruzado no caso dun ataque á base militar.
O castelo é labiríntico, e a súa estrutura é un auténtico desafío arquitectónico de enormes dimensións; dentro dos meus limitados coñecementos de arquitectura, é sorprendente internarse sen rumbo por estes enormes muros, galerías, bóvedas en estado de semiabandono. No momento da súa reconstrución, no século XVIII, este castelo debeu ser un prodixio de enxeñaría. Ata os primeiros e aínda tépedos intentos de musealización, iniciada hai pouco, este lugar abandonado debeu excitar a imaxinación dos adolescentes locais. Ao castelo chegas por un arrabaldo tradicional, construído seguramente polos serventes da soldadesca, pendurado sobre o mar e unha mínima badía chea de barquiñas. Dentro, a infraestrutura bélica disponse en capas, protexendo o patio interior con foxos, murallas, adarves e túneis, sólidos e grosos, destinados a resistir un forte trebón de pólvora e a proporcionar diferentes opcións de mobilidade entre os diferentes recintos.
O impresionante é como a humidade mariña vai envolvendo as bóvedas de visgo e carrizo, de cores diferentes, como se algunhas estancias fosen máis influídas pola humidade da terra e outras pola do mar; esas enormes estancias abandonadas, nas que os adolescentes pintan os nomes das mozas, desprovistas xa da súa función militar, teñen xa o aire solemne dos edificios sen misión. Aquí van unhas fotos.













Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 





{ 3 comments… Le abaixo ou engade o teu }
Unha pasada de fotos, que envexa. Cóntase que en tempos unha cadea enorme unía os dous castelos, para frear as invasións navais na mesma boca da ría. Para outra vez podes pasarte tamén polas antigas minas de wolfram e as bases feitas por presos de guerra en Punta Candelaria (en días sen néboa vese a Torre de Hércules dende alí). Son menos vistosas, pero teñen ese encanto das cousas abandonadas.
Si, é curioso como esa lenda /realidade tamén se repite nas Torres de Catoira.
Do veciño Monte Faro, no que estaban as baterías antiaéreas, falei aquí:
http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2006/08/01/siluetas-de-avions-aliados-da-ii-guerra-mundial-en-monte-faro-ferrol/
Alégrome de que vos gustara o castelo. É un dos meus lugares preferidos de Ferrol, é xenial para esconderse. E no verán podes pasar un bo día de camping ou de pesca dentro da fortaleza.
A zona de Ferrol todavía ten moito que descubrir. Aínda que a cidade non sexa moi agraciada hai miles de paisaxes únicos por toda a comarca.
Deixa un comentario