Onte impartín unha conferencia no Máster Oficial en Lingua e usos profesionais da Universidade da Coruña sobre os blogs e a comunicación en Internet, convidado pola Decana da Facultade de Filoloxía, Teresa López. Foi un pracer subir ata o montus -que é como se lle chama de coña ao campus da Zapateira, porque está todo no alto dun monte- e compartir un rato con alumnos e profesores na reflexión sobre sobre blogs e internet. O rato fíxose bastante longo, porque creo que estabamos todos bastante cómodos. Puxen sobre a mesa as ideas nas que ultimamente ando pensando (baixar PDF) e saíron no coloquio temas moi interesantes, como a reflexión dun alumno do Máster sobre a influencia real dos blogs en comparación cos medios de comunicación tradicionais -pouca, se analizamos os blogs como se foran medios cunha audiencia tradicional, ou moita, se os analizamos dentro dun contexto da economía da atención e de microaudiencias moi valorizadas. Tamén reflexionamos sobre en que medida os blogs están a cambiar ou non o panorama cultural galego, e canto propuñan nomes e ideas novas diferentes ás publicacións tradicionais. Tamén é un tema para reflexionar longo e tendido, e teño a sensación de que aínda quedamos ao principio da conversa.

Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 




{ 0 comments… engade o teu agora }
Deixa un comentario