Robots e biónica: o futuro animaldroide

1 Maio, 2008

Levamos varias décadas creando robots, convivindo e aproveitándonos deles. Unha parte importante dos obxectos que nos rodean foron fabricados por eles. Son, a maior parte deles, máquinas perfeccionadas con apariencia diso mesmo, de máquina e cadea de montaxe. Sen embargo, os droides que nos seguen a fascinar son aqueles que simulan a acción e fasquía humana: cada nova presentación dun robot con capacidades e movementos máis humanos sentímola con esa mestura de asombro e, nalgúns casos, soterrado horror que parece preconizar un futuro conflitivo -non moi distante-, no que teremos que lidiar e interactuar con algo que se vai parecer moito a nós pero que non será nós. Levará décadas, varias, pero chegará. Polo de contado, os científicos deseñan novos robots e melloran as súas posibilidades coa vella técnica xa detallada no libro da Xénese da Biblia, versículo 27: á súa imaxe e semellanza. É curioso como o home se explora a si mesmo para crear robots máis avanzados.

Pero mentres ollamos os cachondos fallos do robot Asimo, o intento máis teimudo de clonarnos, creo que a clave máis interesante do momento está na robotización doutras especies animais, algo máis doadas de reproducir e das que os investigadores poden aprender moito. Antes do androide, chegaremos ao animaldroide: robots inspirados en especies animais para desenvolver funcións específicas. E moitas das mellores creacións da robótica dos vindeiros anos xa non son malas copias dos homes, senón boas copias dos animais. Quero poñer hoxe algúns exemplos sorprendentes. Se cadra os nosos fillos ou netos vexan robots vagando libres polo monte.

1. Escarabellos robóticos que viven no monte e apagan incendios

Autónomos, dotados de depósitos de auga e sensores de calor, estes escarabellos robóticos, aínda en fase conceptual pola universidade alemana de Magdeburgo están deseñados para patrullar os montes, vivir nos montes, e chegar con rapidez a puntos de lume. 30 OLEs -así se chaman estes escarabellos robóticos-, controlarían un área de 7.000 quilómetros cadrados.

Máis información.

2. Robot Peixe

A Universidade de Essex deseñou este peixe que funciona con sensores e un sistema de control de navegación. A proba está feita no Acuario de Londres.

3. O BigDog, un cuadrúpedo todoterreo

O BigDog dá ata medo. Este cuadrúpedo está preparado para cargar con grandes pesos e moverse en terreos difíciles. Creouno Boston Dynamics para DARPA, a oficina científica estadounidense.

Máis información

4. Medusas acuáticas e voadoras

AirJelly e AcquaJelly son dúas medusas, unha que voa e outra que se move pola auga, totalmente robotizadas. Deseñounas a empresa alemana Festo.

Máis información

5. E como se alimentarían? Con seres vivos…o Ecobot ÏI

O principal problema dos animaldroides e os droides en xeral é o suministro enerxético. Pero iso está cambiando. Os robots poderanse alimentar do contorno. O Ecobot II é un proxecto de investigadores da Universidade de West of England, en Bristol. A idea é que o Ecobot se recargue a partir de substancias do contorno. En concreto, o Ecobot caza e come moscas, atraéndoas con olor de excremento humano. Como o conto.

Máis información

6. Robots modulares que se rexuntan cando se lles dá unha patada

Esta é unha imaxe futurista que anticipa o seguinte vídeo. Estes robots arrexúntanse despois de ser descompostos. Vímolo en moitas pelis.

7. Un pouco de teoría
Nunha magnífica conferencia de TED, o investigador Hod Lipson amosa “como funcionan algúns dos seus pequenos robots, que teñen a habilidade de aprender, comprender e autorreplicarse”. O interesante, como afirman no TED, é que se trata, en realidade, dunha “profunda investigación sobre a natureza de como os seres vivos aprendemos e evolucionamos”. Paga a pena.

.

{ 2 comments… Le abaixo ou engade o teu }

1 ekis1331 05.02.08 at 1:14 pm

Non sei como reaccionaría de atoparme cun OLE paseando polo monte… e el comigo?? jeje

2 magago 05.02.08 at 1:24 pm

Depende do calor que desprendas. ;-)

Deixa un comentario

Podes usar estes HTML tags e atributos: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>