Edificios históricos e perspectivas alteradas: o mosteiro de Carboeiro


O mosteiro de Carboeiro desde a marxe oeste do río Deza. Fotos: Sole

Onte decateime de canto temos a percepción alterada con respecto a moitos monumentos. Grandes edificios na Historia creáronse para crear unha primeira impresión aos que a eles se achegaban. Pero os cambios dos camiños alteran a nosa percepción do volume, ou nos achegan aos monumentos polos patios traseiros. Nomeadamente, un edificio deseñábase para verse desde as principais vías de comunicación. Penso, por exemplo, no santuario da Escravitude, en Padrón. A actual estrada pasa xusto por baixo do gran edificio do século XVIII, pero só é preciso cruzar a vía do tren e meterse ata o medio do Val de Rois, para saber que ese é, exactamente, o punto no que debe ser visto o monumento en relación ao seu contorno.

O mesmo acontece co mosteiro de Carboeiro. Ao mosteiro chegas en coche desde o sur, e ves unha das fachadas, posibelmente a máis anodina. O visitante que se move para ver o que queda dos edificios claustrais, sorpréndese cando, ao pasar polo angosto camiño, atopa unha magnífica fachada occidental que parece construída para o río, ou para ninguén. Pois non, obviamente. Onte fumos cheirar a chegada da primavera -para min a primavera son, sobre todo, cheiros, a herba quente- ao mosteiro. Entramos no Sendeiro do Deza, que parte de alí mesmo, e cruzamos esa vella ponte. De súpeto, ao beirear o Deza pola banda contraria ao do mosteiro, polo vello camiño real, soubemos que esa era a perspectiva. E que esa fachada, construída sobre un angosto camiño e unha gran pendente, ía destinada aos viaxeiros que se achegaban polo vello camiño medieval. Era fermosa, a fachada de Carboeiro, co último sol petando no pórtico que daba a benvida aos camiñantes. O mosteiro, desde alí, parecía máis grande e de dimensións máis impoñentes ás que en realidade ten.

Xa que arrinca a primavera real, e a calor, e os pracenteiros solpores, eu quero dar un pequeno agasallo, sobre todo destinado aos que len Capítulo 0 desde fóra do país. Un pequeno espazo de relax, nunha ponte sobre o río Deza. Pincha aquí.

9 Comments

  1. 26 / Abril/ 2008

    Os ríos son o mellor do país, pero o Deza sáese. Grazas polo agasallo.

  2. 26 / Abril/ 2008

    É unha gozada a maneira na que nos achegas á Galicia fonda, e da que por desgracia ou imperdoable desinterés, somos (ou son eu) uns ignorantes. Un saúdo.

  3. 26 / Abril/ 2008

    A ponte do Demo, magnífico lugar, sen dúbida. De Carboeiro non hai que deixar de ver o interior, con esas columnas de transición románico-gótico. Outros anos tiñan o lugar aberto para as visitas, non sei se segue a ser así.

  4. 27 / Abril/ 2008

    Agora mesmo teñen aberto o mosteiro no verán os findes.
    En Silleda hai sitio mois interesantes e tamen descoñecidos como son na miña aldea ( Margaride – San Fiz) a Torre Gótica e casa do Pintor Manuel Colmeiro, por desgraza están ainda máis abandoados que o mosteiro de Carboeiro.

  5. 27 / Abril/ 2008

    Eu ás 7:15 do venres atopei o mosteiro pechado. Por certo, non hai un miserábel indicador dos días e horas de apertura do mosteiro, aínda que tamén me dixeron que xa volvera abrir. Con todo, efectivamente, o interior, subir ao campanario, e a estrutura do presbiterio é algo que paga ben a pensa.

    Berlay, non coñezo a Torre Gótica en Silleda. Podes publicar algún tipo de ligazón?

  6. 27 / Abril/ 2008

    Para cheagar ao sitio, tes que coller a N-550 e cando estes apiques de chegar a Silleda, ao pasar a fábrica de pensos Nudesa, enfrente está un Tanatorio de Silleda. Hai un camiño (a man dereita) todo en costa abaixo, este camiño baixa por un lateral da fábrica de pensos Nudesa. Segues todo recto por ese camiño ata que atopas cun cruceiro, se te fixas nese cruce colles a mán esquerda e segues recto ata o proximo cruce que volves coller a man esquerda. E xa estás coa Torre, acabo de fixarme por google earth que arreglaronlle o tellado.

    Falei co meu pai e dixome que a torre é privada e que os donos viven nunha desas casas.

    As coordenadas da torre son, Latitude: 42°42’0.12″N e Lonxitude: 8°16’1.43″W .

    Existen formas máis rápidas de chegar pero penso que esa é a máis facil.
    (Se tes algunha dubida mandame un mail). Alí na contorna hai tamen unhas casonas que sempre me chamaron a atención de pequeno cando ia na bici sempre me chamou a atención, pero a xente pouco me decía.

  7. 27 / Abril/ 2008

    Grazas, Belay, valiosa información. Xusto estiven o venres nunha capela gótica dos Deza da que xa falarei hoxe ou mañá. En canto me coincida, botareille unha ollada á Torre.

  8. pili
    28 / Abril/ 2008

    Eu visitei ese mesmo sitio hai uns anos e voltei o ano pasado para ensinarllo á miña filla de 3 anos e para que o vira exactamente dende ahí abaixo na ida e no retorno da ruta que leva á praia fluvial. Subscribo verba a verba tódalas túas impresións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará