Coñezo tanto de viño sudafricano como de caligrafía chinesa, ou sexa, nada; por iso teño moito interese en aprender sobre os viños dese país emerxente do Novo Mundo -aínda que os viñedos sudafricanos, mesmo afamados, remóntanse ao século XVII-. Como con este Robertson Pinotage 2003 que sirven estes días os enogeeks da Viña de Xabi: a pesar de ser un viño relativamente recente, a Pinotage revelouseme como unha variedade sorprendente. Na vida probara un viño feito con ela e creboume os esquemas. Resulta que é o resultado dun cruce de laboratorio realizado en 1925, tentando combinar o mellor da Pinot Noir e a produtividade da Cinsault (que en Sudáfrica se chama Hermitage, e de aí o nome de Pinotage). Ben, pois a tal pinotage dá, sobre todo, uns viños licorosos, con pouca concentración tánica e matices (seguro que iso debido á herdanza da pinot noir), que dan a impresión de ter sido gardados durante unha década ou máis nunha profunda caverna. E non. O viño é así: con bastante sensación de alcol, pero con evidentes toques a fresa ou cereixa. A pinotage seica se cultiva sobre todo en Sudáfrica e Zimbawe. Todo un mundo por descubrir.

Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 




{ 0 comments… engade o teu agora }
Deixa un comentario