O soño final dos pazos (II): o Pazo de Goiáns en Boiro

Last updated on 21 / Abril/ 2008

O Pazo de Goiáns é o máis fermoso e engaiolante dos pazos do Barbanza e sería, de estar ben coidados os seus xardíns, o Pazo de Oca da ribeira do mar. Nel viviron cabaleiros da liñaxe dos Mariño desde as tebras da Idade Media, e sufriu as Guerras Irmandiñas. Outra Mariño, María a poeta, aprendería despois literatura na súa biblioteca -aínda que hai algunha opinión contraria a esta crenza. O lugar no que está ubicado o pazo é marabilloso: o río Coroño, que baixa da serra do Barbanza, forma un esteiro recollido, rodeado de bosques, ata o que chega en suave descenso a ladeira do pazo, e despois sae ao mar na praia de Barraña, en Boiro. O Pazo, unha suma de edificios desde os orixinais medievais ata todos os que se lle agregaron para usos agrícolas, é delicioso, cheo de fermosas estatuas e pedras gravadas, mergullado nunha ampla finca.

Pero nos últimos meses comezou a ruína a devorar o lugar. Mirade esta foto:

Unha parte do tellado fundida, caendo sobre unha escaleira monumental. Agora o tempo corre para destruir o lugar con forza, segundo as chuvias entran, fíltranse as humidades entre as pedras, carcomen a madeira dos salóns. A foto está tirada desde a torre do Pazo, unha auténtica sorpresa. Á torre medieval súbese por salas abovedadas, nas que aínda hai algunhas vellas cadeiras e arcóns, nos que a luz se vai filtrando polas estreitas fiestras. No século XVIII, os propietarios do lugar fixeron desta atalaia no alto un lugar marabilloso para estar, con fermosos bancos de pedra ao carón das barandas, coquetas ameas e ventás, da man de Domingo de Andrade, o autor da torre da Berenguela da Catedral de Santiago.


Carlos V co seu toisón de ouro.

Ao xardín vaino devorando o tempo. Fican fontes de mármore caro, como espellos máxicos cos que xogar nos seráns do verán, leóns titánicos, a serea dos Mariño que preside o espazo, os plátanos, os mirtos xa indómitos.

Unha enorme sobreira, posibelmente das máis grandes do Barbanza, dá sombra ao embarcadoiro, entre cinco veces centenarios carballos e a espesura. Na enorme finca de Goiáns, noutras áreas, pombais, pequenos conxuntos de alpendres, case aldeas están dispersas comestas polas silveiras, caendo ao mar entre os bosques do pazo.

Non pode ser que un dos tesouros máis importantes da comarca se atope neste estado tan lamentábel. Os acontecementos ao redor deste monumento en estado ruinoso son un sinsentido no que se mestura a burocracia, a ineptitude dos políticos, a especulación. Hoxe, o Pazo está á espera de cal vai ser o seu futuro, se en mans públicas ou privadas. Pódese ler nesta noticia de La Voz un resumo. Mentres, o máis encantador e soñador Pazo de Goiáns sufre os últimos embates do tempo.

14 Comments

  1. 21 / Abril/ 2008

    Ata onde eu sei, o concello de Boiro e a Mancomunidade andanban tentando compralo ou buscando a fórmula para convertelo nun gran museo comarcal, centro de interpretación ou, en calquera caso, lugar para o desfrute público.

    Por outra banda, un ex-alcalde boirense, enriquecido mediante as conserveiras (e ata aquí podo ler) quería mercalo, polo que me contaron, para residencia privada. Seica a cousa derivou en oferta, contraoferta, ameazas máis ou menos veladas por algunha das partes… Total, que a cousa quedou en ruina.

    Eu teño varios recordos en relación co pazo. O primeiro, hai xa unha manchea de anos, de cando entrábamos nunha barca no río Coroño para ir pescar ó Pozo Negro (así chamado entón, pola súa cor e non por outros motivos que na actualidade lle van moito mellor). No camiño, coa marea alta, parábamos na rampa do embarcadoiro para lanzarnos á auga desde ela. Algunha vez entramos furtivamente pola finca e fomos corridos, escopeta en man, polo garda.

    O outro recorde ven de cando subíamos nas primeiras acampadas ou bañarnos nas pozas do río que baixa ó pé do Castelo de Trives e xunto á aldea de Montaña. Naqueles días de finais de verán parábamos onde os caseiros do pazo, que nos deixaban entrar e encher un cubo de mazás aínda verdes collidas da árbore que nos cobraban a 50 pesetas. E cun par de botellas de auga do pozo para o camiño de regalo. Qué tempos!

  2. tocajuevos
    21 / Abril/ 2008

    non é por nada pero Andrade non fixo o Obradoiro, o que sí fixo foi a Berenguela, unha das mellores torres do mundo, case nada!

    dito esto o post é moi bo.

  3. 21 / Abril/ 2008

    Boas!. De ghranito me quedo lendo ista noticia. Non sabía nada do pazo de Goiáns, pero paréceme triste que as “autoridades” non sepan reselvela cuestión.
    Creo que se podía arranxar de moitas maneira, xa que o seu valor artístico e natural é sobresainte.
    Qué pena…!
    Un saúdo e aburiño

  4. 21 / Abril/ 2008

    P.D. Equivoqueime ó escribilo nome, é Cruxens!

  5. 21 / Abril/ 2008

    tocajuevos, certo é, liáreme con Casas y Novoa. Cousas da escrita noturna. Xa está cambiado. Grazas!

  6. 21 / Abril/ 2008

    A intención final do propietario privado era facer do lugar un conxunto de turismo de luxo. O caso çe que o concello exixíalle un montón para dar adiante o proxecto.
    De feito o estudo histórico e o arquitectónico xa está feito e a arquitecta que ía levar a cabo a intervención é moi coñecida.
    Unha pena que por papeleis deixen estragar a propiedade.

    Berta

  7. 21 / Abril/ 2008

    As mazás, Gourmet. Sempre as mazás nos pazos! Nós iamos a facer o mesmo á Torre de Xunqueiras, na Pobra, e os caseiros dábannos unhas enormes mazás reinetas, que á miña nai encantábanlle para facer mazás asadas.

  8. 21 / Abril/ 2008

    Si, Berta, en realidade está todo o mundo á espera dos acordos que se consigan. Polo que se di na noticia de La Voz, o propietario estaría disposto a ceder o pazo ao concello se se recalifica outra zona na que teñen intereses. Non coñezo a zona nin sei cal é, pero como cidadán, non teño ningunha dúbida de que a solución máis conveniente sería que a titularidade pasara a mans públicas, con independencia de que o pazo tivese tamén algunha concesión hosteleira.

    Pero si sei que a situación estivo mal xestionada e tiña que terse solucionado hai algúns anos. O último parece ser que uns camións que facían obras para a Deputación botaron todo o escombro dunhas casas que derrubaron dentro da finca do pazo. ¡Un despropósito! Non estaría de máis que alguén dera un puñetazo na mesa.

  9. REFLEXF4
    24 / Abril/ 2008

    Que magoa, e todo sobre todo por culpa dos especuladores, (privados coma “publicos”)
    ogalla se arregler dunha vez esta situación na que soio vela dache noxo e bergoña allea.

  10. 29 / Novembro/ 2008

    Encantadísimo de ver as fotos da Torre de Goians no enlace que puxeches aquí, e como poño no album nunca cheguei a vela por dentro, cando era chaval andaba polos camiños que a circunvalan pola parte datrás, polo río cazando gorrións, pero nunca cheguei a ver como era por dentro, creo que daquela época había un señor que a coidaba, e iso que tubera que facer un traballo na escola sobre ela, pero así e todo nunca soupen moito sobre ela.

    Gracias por poñer o enlace, para así saber mais sobre os nosos monumentos, que como se suele decir, nunca sabe un o que ten hasta que o perde, eu aquí no Barco de Valdeorras non fago mais que comparacions con todo o que coñezo do meu pueblo Lampón que como podes comprobar non é moito.

    Unha aperta.

  11. Norte
    17 / Agosto/ 2009

    Despois de ler o teu post quedáranme ganas de ver o pazo así que hoxe pola tarde pasei por alí. É unha verdadeira mágoa ver en qué estado está.
    De feito a serea a fonte xa non está, só quedan uns restos no chan. Nalguhnas partes onde está a afundirse o sobrado meteronlle uns soportes pero unha vez destellado é cousa de pouco tempo que acabe en ruinas. Pois iso, unha mágoa. Gracias por ensinarnos o sitio.

  12. 18 / Agosto/ 2009

    Si, estiven a fin de semana pasada alí e corroborei o da serea. E os leóns tirados fronte a porta!

    O terrible é que meses despois ese espazo segue exactamente igual. Imos perder ese valioso anaco de patrimonio atrapados en excusas burocráticas e administrativas. E tamén e terrible que, estou convencido, se houbera un movemento veciñal que fixera ruido convintemente, ese pazo estaba xa en dominio público e cun plan de restauración.

  13. 6 / Novembro/ 2009

    O Concello de Boiro ven de anunciar hoxe que asinou un convenio co Ministerio de Cultural, o cal achegará no 2010 4 millóns de euros para adquisición do Pazo de Goiáns e a súa finca para usos públicos.

    Queda por ver de ónde sairán os millóns que farán falta para restauralo (que penso que van ter que ser uns cantos máis), pero o primeiro paso está dado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará